Que vai suceder cos montes veciñais con convenio coa Xunta?

A Asociación Forestal de Galicia amosa a súa preocupación ante a posibilidade de cancelacións de oficio dos acordos que mantén a Administración coas comunidades de montes. Demanda un consenso previo coa propiedade

Que vai suceder cos montes veciñais con convenio coa Xunta?

Monte queimado en Pazos de Borbén, no que o lume se detivo ó chegar ós prados.

Os actuais convenios que mantén a Xunta coas comunidades de montes veciñais rematarán a máis tardar o 31 de decembro do 2021, data na que estarán extintos todos os acordos. A Administración autonómica mantén na actualidade convenios nunha superficie de 315.000 hectáreas, que representa a metade do monte veciñal e un 15% de toda a superficie forestal da comunidade. Que sucederá con eses terreos cando se retire a Xunta?

A Asociación Forestal de Galicia vén de advertir sobre a necesidade dun consenso entre a Administración e as comunidades propietarias. O colectivo teme que a Xunta inicie as cancelacións de oficio dos convenios, cancelacións que foron autorizadas recentemente para determinados casos pola Lei de medidas fiscais e administrativas, a coñecida como lei de acompañamento dos presupostos 2018 da Xunta.

As comunidades de montes afectadas polos lumes temen a retirada da Xunta sen un plan previo de restauración

A posible cancelación preocupa en especial ás comunidades de montes afectadas polos lumes e que manteñen convenios coa Xunta, pois temen o posible abandono no que poden quedar os seus montes.

A saída da Xunta como xestora dos montes veciñais afectados por lumes deixaría ás comunidades propietarias cun monte queimado e descapitalizadas para afrontar a súa recuperación. O problema constatouse nunha reunión que mantivo a pasada semana a Asociación Forestal de Galicia con comunidades de montes socias de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes (Pontevedra). Os representantes das comunidades coincidiron en demandar un plan público para a recuperación dos montes veciñais, pois do contrario -advirten-, quedarán no abandono e representarán unha “bomba de reloxería” ante novos lumes.

Evitar as cancelacións de oficio
A Asociación Forestal de Galicia mantén que deben evitarse as cancelacións de oficio se non está garantida a capacidade económica ou de xestión da propiedade. Demanda un protocolo consensuado coas comunidades de montes e resalta que debe terse en conta a situación demográfica en moitas das áreas rurais de Galicia, xa que a inexistencia dun relevo xeracional nas xuntas reitoras das comunidades de montes dificúltalles asumir a xestión dos seus montes.

No caso de montes afectados de forma grave polos lumes, a Asociación incide en que faise necesario un plan de restauración dos montes antes de transferir a xestión.

Reunión da Asociación Forestal de Galicia con comunidades de montes de Pazos de Borbén e Fornelos.

Reunión da Asociación Forestal de Galicia con comunidades de montes de Pazos de Borbén e Fornelos.

Cando se poden cancelar de oficio os convenios?
A Lei de medidas fiscais e administrativas, que entrou en vigor a finais de decembro do 2017, prevé, entre outras, as seguintes posibilidades de cancelacións de oficio:

– Cando o monte veciñal obxecto do convenio non presente débeda coa Administración. Esta lei, ademais, precisa que para o cálculo da débeda non se terán en conta os investimentos e cargos realizados pola Administración antes do 2005, polo que é posible que, en canto se axusten as contas, comunidades de montes que ata o de agora mantiñan débedas coa Xunta deixen de telas.

– Cando o monte non cumprira as finalidades previstas no convenio. Considerarase que esa situación prodúcese cando un 30% da superficie do monte non estea arborada ou con arborado menor a cinco anos. Os montes veciñais que sufriran graves lumes no outono ou en anos anteriores poderían verse, por tanto, nesta situación.

Que pasará cos montes nos que se cancelen os convenios?
A Xunta manifestou a súa intención de sustituír parte dos convenios por contratos temporais de xestión pública, se ben a Administración deixará outra parte dos montes. A previsión da Xunta é abandonar 100.000 hectáreas ao longo da próxima década e outras 100.000 na seguinte.

Todas esas superficies deberían ser xestionadas, en teoría, polas propias comunidades. Desde o sector forestal, colectivos como a Organización Galega de Montes Veciñais teñen manifestado que o abandono dos convenios por parte da Xunta constitúe unha “maniobra” para deixar os montes veciñais en mans de empresas de servizos forestais.

Reunión
A Asociación Forestal de Galicia ten solicitada unha reunión coa Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal para abordar diversas preocupacións dos propietarios forestais e comunidades de montes, tales como a situación dos montes con convenio ou o problema das masas queimadas que aínda non foron comercializadas. Tamén solicitaron reunións con tódolos grupos parlamentarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información