Que tipo de tarifa eléctrica escoller nunha granxa?

Abordamos as vantaxes e inconvenientes que ofrecen as dúas opcións de contratación da electricidade que hai no mercado. O importante consumo que se fai nas ganderías motiva que sexa un dos aspectos a ter en conta para procurar un aforro de custos

Que tipo de tarifa eléctrica escoller nunha granxa?

Nas granxas de vacún de leite os sistemas de muxido, ben sexan en sala ou en robot, centran o gasto eléctrico da gandería.

O prezo da electricidade e as subas que se levan producindo nos últimos meses fan que a factura da luz sexa un dos temas de actualidade. Nas granxas, cun avultado gasto en electricidade derivado do muxido, nas ganderías de vacún de leite; ou dos sistemas automatizados de alimentación e ventilación nas de polos ou porcino, buscar o aforro no gasto eléctrico vólvese unha prioridade.

Á hora de analizar o gasto en electricidade un aspecto a valorar é a propia tarifa contratada, que pode influír, en gran medida, no desembolso a realizar. Sobre a mesa dúas alternativas: a tarifa regulada, cun sistema de prezos xestionado polo Goberno central; ou a tarifa de mercado libre, que se acorda a través dunha comercializadora. Analizamos cada unha delas para coñecer as vantaxes e inconvenientes que poden ofrecer ás granxas os dous modelos de contratación:

Tarifa regulada

A tarifa regulada é un sistema para determinar o prezo da luz implantado polo Ministerio de Industria, que fixa o prezo do kWh no termo variable, baseado no mercado maiorista eléctrico, que opera de forma diaria no operador de mercado eléctrico (OMIE), tamén coñecido como “pool eléctrico”. Ao anterior engádeselle o termo fixo (potencia contratada, peaxes de acceso e cargos). Esta é a parte fixa que cobra a distribuidora de zona polo uso de liñas eléctricas e arrendo de contadores, que no caso de Galicia maioritariamente se realiza por parte de Fenosa e Begasa/Viesgo distribución. 

“O prezo da electricidade na tarifa de prezo variable, sempre foi unha opción moi interesante e facía unha media anual por debaixo dos prezos fixos do mercado libre”

Durante moito tempo, unha das principais vantaxes da tarifa regulada eran os prezos segundo as variacións do mercado. Presentábase como unha alternativa moi competitiva, resultando máis económica que os contratos de prezos fixos do mercado libre . “O prezo da electricidade na tarifa de prezo variable, sempre foi unha opción moi interesante e facía unha media anual por debaixo dos prezos fixos do mercado libre”, explica Antón Duarte, asesor enerxético autónomo. Durante os anos 2019 e 2020 estes prezos foron á baixa.

Porén, como se prevía para o segundo semestre do 2021, nestes últimos meses os prezos da electricidade disparáronse, con máximos históricos que mesmo fixeron duplicar os importes das facturas. “Este último ano mudou todo por problemas co abastecemento do gas, que practicamente fixeron multiplicar o prezo da luz por dous”, indica Duarte.

Nas facturas ligadas ó prezo do mercado, o consumidor paga a luz a prezo real, de xeito que hai variacións de prezo cada hora, ademais de existir 3 períodos de consumo horario. O prezo pode ser á alza ou á baixa en función do mercado e a demanda.

O feito de estar regulada polo Estado fai que este tipo de tarifas case non permitan mecanismos de regulación do prezo, senón que están suxeitas en todo momento ás variacións do mercado, un dos principais inconvenientes en momentos de subas. Ademais, só as comercializadoras chamadas de referencia (as grandes compañías multinacionais), son as únicas que poden ofrecer este tipo de tarifa, ofrecendo unha xestión e atención ao cliente deficiente, ó non ter interese en comercializar este tipo de tarifa. 

Por primeira vez no 2021, na tarifa regulada polo goberno estableceuse a posibilidade de realizar contratos con prezos fixos

A tarifa regulada de Prezo de último recurso ou PVPC (Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor) só é aplicable ata 10 kw por potencia contratada, polo que moitas das granxas xa non poden acceder a ela ó precisar dunha potencia maior. Existen dúas modalidades en función das necesidades do consumidor: prezo variable segundo mercado ou fixo.

Así, a tarifa regulada polo Goberno tamén ofrece a posibilidade de establecer contratos cun prezo fixo, en semellantes condicións ás que teñen as compañías do mercado libre, pero fixado polo Estado. “No 2021 foi a primeira vez que se ofreceu a posibilidade de fixar o prezo coa tarifa regulada, aínda que con prezos altísimos”, detalla Duarte. Así, a modo de exemplo, a finais de xaneiro nas distintas franxas horarias que se establecen ó longo do día, nas tarifas fixas marcadas polo goberno estipulaban os períodos punta (as franxas horarias máis caras) a 46 céntimos o kilovatio/hora, nos períodos chan a 37 cént/kWh e a 34 cént/kWh no períodos val (noites, festivos e fin de semana).

Tarifa de mercado libre

No mercado libre tamén existen as 2 mesmas fórmulas de prezos: prezo fixado (normalmente pactado durante 12 meses), ou prezo indexado segundo as variacións do mercado. Tamén hai comercializadoras que ofrecen un prezo fixo as 24 horas e mesmo unha tarifa plana mensual. Abordamos as distintas fórmulas para coñecer as vantaxes e inconvenientes do mercado libre.

Prezo fixado. Caracterízanse por ser contratos cunha tarifa fixada entre a empresa eléctrica e o cliente, que incorpora unha marxe comercial sobre unha estimación do prezo de mercado, de xeito que se paga un prezo fixo do kWh durante toda a duración do contrato. Na situación actual, con subas constantes no prezo da electricidade, contar cun prezo fixo está a resultar unha vantaxe para moitos consumidores, que decidiron dar o paso cara esta modalidade. Porén, de producirse unha baixada substancial do prezo tampouco haberá variacións nin aforros.

Nas tarifas de mercado libre con prezo fixo, as compañías establecen limitacións máximas nos prezos e adoita haber unha permanencia mínima dun ano

É habitual que este prezo fixo, estipulado pola compañía eléctrica, teña unha permanencia mínima de 12 meses, aínda que tamén hai pequenas comercializadoras que evitan establecer esta condición no contrato.

Este tipo de tarifas permite ás compañías fixar limitacións máximas do prezo, para garantir ó cliente que, pese ós incrementos do prezo da enerxía, o prezo do kWh non sobrepasará ese prezo tope fixado con anterioridade. Tamén existe a posibilidade de aglutinar os prezos de tódolos períodos horarios, nun só. É dicir, contratar un único prezo do kWWh para as 24 horas do día, para facilitar o uso da enerxía sen ter en conta os horarios da tarifa.

Prezo indexado. Nesta modalidade pode contratarse calquera tipo de potencia e distintas tarifas. Alén da limitación da potencia contratada na tarifa regulada, a principal diferenza entre estas dúas modalidades é que no prezo indexado establécese unha pequena marxe comercial, que son os honorarios da comercializadora eléctrica e que normalmente van sumados ó prezo do kWh.

Esta marxe é pública e coñecida polo consumidor. Estipúlase como unha marxe comercial entre o prezo puro da electricidade no mercado e o prezo final de cada kWh que paga o consumidor. En función do consumo eléctrico da granxa, esta marxe comercial poderá ser máis ou menos axustada.

Por exemplo, no caso dunha gandería cun consumo anual de 100.000 kWh, a marxe para a comercializadora podería establecerse en 0,005 euros por kWh e terminar pagando por estes gastos de xestión uns 500 euros ó ano e ó mesmo tempo dispoñer dun servizo de asesoramento e xestión directa. “Deste xeito, pagaríanse eses 500 euros a maiores da tarifa regulada polo goberno, pero gañaríase en xestión e un trato directo co cliente”, explica Duarte.

Tarifa plana mensual. Neste tipo de oferta páctase unha cota mensual fixa segundo o consumo anual dos últimos 12 meses. Nos últimos meses de contrato faise unha regularización, de xeito que se se excede o consumo calculado nun principio, os kWh consumidos por encima do contratado páganse moito máis caros do normal.

Por outro lado, nos modelos de mercado libre, o asesoramento enerxético vólvese un valor engadido. “Este servizo, que pola miña parte presto gratuitamente ó usuario, serve para ofrecer unha mellor atención ao cliente en xeral, desde a contratación, a ter un maior control da facturación, optimizar a tarifa ou potencias, procura de tecnoloxías e subvencións para enerxías renovables, aplicación de bonificacións, cambios administrativos ou para resolver posibles trámites ou problemas que poida haber coa compañía distribuidora”, explica Duarte.

Que facer na situación actual?

O inverno está a ser un dos momentos críticos para os prezos da electricidade, debido en gran medida ós problemas de abastecemento de gas. “Era previsible que ata que baixase a demanda de gas non se producirían baixadas nos prezos da electricidade, alomenos ata a primavera, pero despois do comezo do conflito en Ucraína, ninguén se atreve a predicir que vai pasar. Nestes últimos días de xaneiro volveron repuntar os prezos”, sinala Duarte.

Ante as constantes subas da electricidade e a inestabilidade do mercado, Duarte recoñece que agora é un moi mal momento para facer un cambio e optar por un contrato con prezos fixos. “Os prezos fixos agora están moi altos e asinar agora un contrato de 12 meses pode conlevar a ter que aguantar este prezo durante un ano sen a posibilidade de melloralo, no caso de que baixe o prezo da electricidade”. Cómpre sinalar que en decembro batéronse récords históricos ó acadar o megavatio os 400 euros durante 3 días consecutivos.

“Unha das opcións máis recomendables nestes momentos pasa por contratar unha tarifa con prezos fixos, pero sen permanencia para poder axustalo nun futuro a curto prazo”

A aqueles consumidores que a finais do verán decidiron contratar unha tarifa de mercado libre, con prezos fixos, pode que non lles estea a resultar desfavorable, pero xa está habendo compañías que están rachando con estes contratos polas perdas que lle están repercutindo ou non están aplicando os prezos pactados. “De feito dende que comezou esta crise enerxética, en España entraron na quebra 12 comercializadoras, mentres que en Alemaña xa van 38”, indica o asesor.

“Na miña opinión, o mais seguro nestes momentos, sería pactar cunha comercializadora non convencional, un prezo fixo temporal, con vista a volver á tarifa regulada no caso de contratar menos de 10kw de potencia, a un prezo indexado ou a un prezo fixo menor que o inicial, dependendo de cada punto de abastecemento e por suposto, cando a situación do mercado enerxético tenda a estabilizarse”, recomenda o asesor. Cómpre ter presente que o cambio á tarifa regula só se podería facer naqueles casos que precisen unha potencia menor de 10kW e previa notificación. Ademais, ás veces na práctica existen trabas por parte das grandes compañías eléctricas para permitir volver ó mercado regulado. 

Tamén hai quen apunta a que a opción máis recomendable pasa por manterse no mercado regulado, á espera dunha estabilización do prezo da enerxía. “As grandes compañías están facendo contratos a varios anos a prezos competitivos para poder lograr clientes. Cómpre ter presente que nestes momentos máis do 60% dos españois están xa no mercado libre, cando hai uns anos apenas había clientes neste. Unha vez que o 80% dos clientes estean no mercado libre e con tarifas planas, de seguro que ha baixar a luz”, apunta José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, colectivo especializado na xestión eléctrica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información