Que tipo de madeira de piñeiro demanda a industria galega?

O Clúster da Madeira en Galicia desenvolve un estudo entre as empresas madeireiras sobre as súas preferencias en coníferas. O sector agarda un crecemento da demanda de madeira de calidade para os próximos anos

Que tipo de madeira de piñeiro demanda a industria galega?

Traballos de carga de madeira de piñeiro.

Saber que tipo de madeira de piñeiro procura e precisa a industria en Galicia pode resultar unha información de utilidade para o sector forestal, polo que dende o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia optaron por preguntárllelo directamente ás empresas galegas. Para iso, levaron a cabo unha enquisa entre firmas de transformación de madeira que empregan rolo de madeira de coníferas, principalmente piñeiro.

En concreto, no estudo participaron 27 firmas, boa parte delas galegas. A maioría (16) asentadas na provincia da Coruña, seguida de Lugo con 5 empresas e Pontevedra con 4. Tamén se incluíu unha empresa de Ourense e outra de Valladolid.

O xerente do Clúster, Ricardo González aproveitou a súa participación nun encontro telemático do grupo operativo Genmac, celebrado recentemente, para dar a coñecer os resultados do estudo, posto que a enquisa incluíuse dentro dos traballos realizados por este proxecto.

O traballo amosa as preferencias do sector, aquelas características que máis valoran as empresas e as perspectivas de consumo que manexan para os vindeiros anos.

As previsións da industria parecen ser favorables de cara á próxima década e en canto ás preferencias, o sector está cada vez máis interesado en piñeiros resistentes a enfermidades, así como cun crecemento estable tanto en diámetro coma en densidade.

Perspectivas de consumo de madeira

Os datos proceden de empresas, na súa maioría, de pequeno e medio tamaño. O 40% das firmas teñen menos de 10 traballadores, xunto con algo máis dun 33% que contan con entre 10 e 50 empregados. Porén, tamén se inclúen empresas con entre 50 e 250 operarios e un 7% das firmas teñen máis de 250 contratados.

“As empresas teñen boas perspectivas de consumo de madeira de piñeiro para os próximos 10 anos”, (Ricardo González, xerente do Clúster da Madeira)

A ollos do sector, a demanda de piñeiro nos próximos anos manterase estable ou mesmo se incrementará. Así é que, segundo concretou González, “as empresas consultadas consideran que hai boas perspectivas de consumo de madeira de piñeiro para os próximos 10 anos”, concreta. Máis do 40% das firmas apuntan que o seu consumo de madeira se incrementará lixeiramente e case un 11% mesmo agarda que este aumento sexa considerable. Mentres, un 33% prevé que se manterá sen apenas variacións.

En canto á demanda e consumo de madeira de piñeiro en diferentes escenarios, a maioría das empresas cren que permanecerá estable nos próximos anos, tanto en Galicia coma en España, en Europa e no resto do mundo. As firmas consideran que o máis probable é que se manteña sen grandes variacións, pero tamén hai quen pensa que pode darse un lixeiro aumento da demanda, sendo a segunda resposta máis popular. Aínda que tamén é certo que un reducido número de empresas considera que diminuirá drasticamente o consumo de madeira de piñeiro en Galicia.

Respostas das empresas participantes no estudo sobre as previsións de variación de consumo xeral de madeira de piñeiro en procesos industriais nos próximos anos.

Previsións de variación de consumo xeral de madeira de piñeiro en procesos industriais nos próximos anos segundo as empresas participantes no estudo.

A demanda de madeira de piñeiro

Nestes momentos, a madeira de coníferas máis empregada en Galicia está a ser o piñeiro do país (Pinus pinaster) e o piñeiro insigne (Pinus radiata). Para estas empresas supón a partes iguais o 48% da madeira de coníferas que utilizan. Ó marxe destas, o piñeiro silvestre (Pinus Sylvestris) é a terceira especie máis empregada, seguida doutras especies de piñeiro de produción local.

Ás empresas cústalles cada vez máis conseguir piñeiro da calidade axeitada para os procesos de fabricación que realizan

Un dos datos significativos sobre o sector é que a maioría das empresas madeireiras que participaron no estudo indican que cada vez lles custa máis traballo conseguir piñeiro de suficiente calidade tecnolóxica para os procesos de fabricación que realizan. “É preciso mellorar a calidade tecnolóxica da madeira de piñeiro para a súa transformación mecánica. Neste momento é escasa a calidade e a dispoñibilidade”, sintetiza o xerente do clúster madeireiro.

Un 44% das firmas preguntadas recoñecen que pagarían máis ó produtor se a madeira fose de maior calidade. Isto débese, en gran medida, a que que de poder contar con mellor madeira, boa parte destas empresas poderían fabricar outros produtos que agora non están elaborando ou que son moi minoritarios. “Dispoñer de madeira con mellor calidade abriría a porta ó desenvolvemento de novos produtos, e polo tanto, á apertura de novos mercados”, explica Ricardo González.

A día de hoxe, a madeira de piñeiro emprégase principalmente como madeira serrada para mobles, seguido da construción de palés e embalaxes. Os postes e as estacas é outro dos destinos máis frecuentes para os piñeiros, xunto coa carpintería.

Produtos de primeira transformación a base de piñeiro elaborados polas empresas do estudo.

Produtos de primeira transformación a base de piñeiro elaborados polas empresas do estudo.

Características máis apreciadas

O estudo tamén indagou sobre aqueles caracteres máis valorados pola industria na madeira de piñeiro. As empresas insisten en que é primordial contar con árbores máis resistentes a enfermidades, xa que resulta un dos principais obstáculos para obter madeira de calidade. A industria tamén sinala a necesidade de mellorar a estabilidade dimensional dos piñeiros, o número de ramas ou o crecemento en diámetro.

A densidade da madeira é outro dos caracteres que resulta de vital importancia para as empresas da madeira. De feito, este é un dos eixes sobre o que se están a centrar os traballos de mellora xenética desenvolvidos no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra) nos últimos anos.

Madeira-pineiro-aneis-

A estabilidade dimensional, o número de ramas, a curvatura, o crecemento en diámetro e a densidade son os parámetros máis relevantes para as empresas do estudo.

Conseguir que a corta da madeira se faga no momento axeitado para contar cunha menor porcentaxe de madeira xuvenil, que resulta menos aproveitable, é outro dos obxectivos que deben primar. As empresas que participaron no estudo tamén consideran prioritario reducir as fendas anelares que aparecen na madeira por diversos motivos e que provocan un efecto descontinuo. A resistencia mecánica que ofrece a madeira de piñeiro é outro dos aspectos sobre os que cren necesario seguir mellorando.

O camiño para lograr mellores árbores

As claves para conseguir piñeiros de boa calidade, segundo confirman as empresas do estudo, está nos traballos de silvicultura que se apliquen e na mellora xenética. Ámbalas dúas ferramentas son de vital importancia para as firmas madeireiras. Tanto é así que máis do 74% dos preguntados consideran necesario desenvolver programas de mellora xenética específicos para incrementar a calidade tecnolóxica da madeira.

O mesmo acontece cando se lle pregunta ás empresas se é preciso seguir implementando os traballos de silvicultura, como podas ou claras, que se practican nas plantacións galegas. Máis do 70% indica que é moi importante realizar este tipo labores para obter madeira de calidade e que sería necesario mellorar neste ámbito.

A silvicultura, a mellora xenética e a ubicación das plantacións resultan claves para lograr piñeiros de calidade

Outro dos aspectos que condiciona o desenvolvemento das plantacións é a selección dos lugares nos que se realizan as plantacións. Aínda que non hai tanta unanimidade sobre se hai que corrixir os criterios ou a falta deles que seguen os produtores, máis dun 44% das empresas apunta a que sería recomendable tamén incidir nesta cuestión á hora de plantar piñeiros.

“A mellora da calidade tecnolóxica está fortemente vinculada coa silvicultura que se practica, a ubicación das plantacións e os programas de mellora xenética”, conclúe Ricardo González, xerente do Clúster da Madeira de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información