¿Que se xoga Galicia e a Cornixa Cantábrica na nova PAC?

A nova Política Agraria Común (PAC) suporá un importante cambio na forma na que os gandeiros e agricultores acceden ás axudas europeas. Diversos expertos convocados por ABANCA Agro analizaron este mércores cales son os puntos que se están negociando actualmente nos que os produtores de Galicia e da Cornixa Cantábrica xóganse unha parte importante das axudas a partir de 2022

¿Que se xoga Galicia e a Cornixa Cantábrica na nova PAC?

As gandarías de vacún de leite máis intensivas e en xeral as explotacións gandeiras de Galicia e a cornixa cantábrica con menos base territorial e máis carga gandeira poderían verse claramente prexudicadas nas axudas da PAC 2023-2027, que incrementará as axudas aos agricultores e gandeiros que aposten por medidas de sustentabilidade ambiental -o 40% das axudas destinaranse a cumprir obxectivos ambientais- e cambiará a forma en como se xustifican as axudas do pago básico.

Así se puxo de manifesto este mércores no encontro dixital organizado por Abanca Agro. O evento, clausurado polo conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, foi presentado por Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA, e contou cos relatorios de Ignacio Atance, subdirector xeral de Planificación de Políticas Agrarias (Ministerio Agricultura, Pesca e Alimentación), quen informou do estado actual das negociacións tanto a nivel español como europeo; de Jorge Piñeiro, subdirector xeral de Xestión PAC da Consellería de Medio Rural, e de Higinio Mougán, director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA).

Estes dous últimos relatores incidiron nos puntos crave da reforma da PAC para os sectores máis representativos en Galicia, como son vacún de leite e de carne. Os próximos meses serán clave para as negociacións xa que a previsión do Ministerio é entregar no mes de xuño á Comisión Europea o borrador definitivo do Plan Estratéxico Nacional que definirá a aplicación das axudas da PAC en España no período 2023-2027. Ao mesmo tempo, nos chamados trílogos (negociacións entre a Comisión Europea, o Consello de representantes dos estados membros e o Parlamento Europeo) pecharanse durante os proximos meses cuestións cruciais como o límite de axudas que pode recibir cada preceptor, que requisitos debe ter un agricultor xenuíno ou a porcentaxe de axudas que se destinarán a garantir unha renda mínima aos produtores.

Estes son os puntos de diverxencia que se están negociando nestes momentos e que son claves para que os gandeiros e agricultores galegos e doutras rexións con sistemas produtivos similares como Asturias ou Cantabria polo menos manteñan o nivel de axudas da PAC que percibían até agora:

-Ecoesquemas adaptados á realidade de Galicia e da Cornixa Cantábrica, recoñecendo a importancia das pradarías permanentes e temporais:

Entre o 20 e o 30% -a porcentaxe está en fase de negociación a nivel europeo- dos pagos directos da PAC destinaranse a obxectivos ambientais, mediante os chamados Eco-esquemas, un compromiso ao que se pode adherir voluntariamente o agricultor ou gandeiro cada anualidade e que van máis aló do mínimo exixible na condicionalidade das axudas.

O Ministerio de Agricultura presentou 9 propostas de ecoesquemas pero que non se adaptan á realidade das rexións do cantábrico. Así, desde a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) solicitan que no ecoesquema de pastos considérense tamén como hectáreas admisibles os pastos permanentes e as pradarías temporais. Tamén reclaman que se incremente o tramo de axuda para aqueles produtores que acometan ecoesquemas de forma pactada e coordinada coas súas cooperativas, ao considerar que implica un maior impacto ambiental, pola relación custo/beneficio e por asesoramento e soporte técnico.

Igualmente, pídese desde a Xunta de Galicia que se incremente a carga gandeira en pastos desde as 2 UGM por hectárea até as 2,5 pois o crecemento vexetativo da herba tanto en Galicia como na Cornixa é superior ao doutras partes da Península.

Outro dos ecoesquemas propostos polo Ministerio son axudas para os produtores que manexen adecuadamente os pastos, realizando segas e deixando marxes sen segar para incrementar a biodiversidade. Neste punto quedan aínda por concretar a porcentaxe de marxes sen segar sobre o conxunto da base territorial da explotación ou o número de curtas de herba que se deberían realizar para acceder ás axudas deste ecoesquema.

Por outra banda, no ecoesquema de prácticas de mellora do secuestro de carbono orgánico polos solos en terra arable o Ministerio propón que se debe realizar un mínimo de 4 rotacións de cultivos diferentes, unha cifra que a Xunta considera excesiva para as pequenas e medianas explotacións, polo que propón rebaixala a 3 cultivos.

Entre os ecoesquemas que propón o Ministerio atópase que a explotación conte cun Plan de xestión de nutrientes para evitar contaminación por exceso de nutrientes. A este respecto, a Xunta defende que non sexa necesario que as pequenas explotacións teñan que contar obrigatoriamente cun asesor para elaborar, implantar e seguir o cumprimento dese plan.

-Axudas agroamientales e á agricultura ecolóxica:

Dentro das medidas de desenvolvemento rural dos fondos FEADER (Axudas da PAC para o desenvolvemento rural que a diferenza das axudas do primeiro piar teñen unha porcentaxe de cofinanciación con cargo ao Ministerio e ás Comunidades Autónomas) atópanse as axudas a zonas con limitacións naturais, de agroambiente e clima e á agricultura ecolóxica.

“A intención da Xunta é manter as axudas ás zonas con limitacións naturais; nas agroambientais defendemos que sexan compatibles cos ecoesquemas, para que os agricultores e gandeiros poidan percibir as dúas; queremos seguir mantendo as axudas á apicultura e ao fomento das razas gandeiras autóctonas e manteremos as axudas de pastos sempre que sexan compatibles co eco-esquema. En canto á agricultura ecolóxica, de momento non se incorporou como eco-esquema, polo que pensamos que seguirá sendo apoiada como unha axuda do segundo piar con cargo aos fondos FEADER”, avanzou o representante da Consellería de Medio Rural.

-Ter en conta o millo forraxeiro:

Tamén desde AGACA reclámase que no eco-esquema de prados o Ministerio tamén inclúa as hectáreas de millo forraxeiro que no inverno se sementan cun cultivo mellorante para o solo como a veza ou o nabo.

-Máis rexións agrícolas a efectos da axuda do pago básico:

Reclámanse máis rexións agrícolas dentro de España -a proposta da Comisión e do Ministerio vai no sentido contrario, de reducilas- para contemplar as especificidades das gandarías galegas e que non se vexan perxudicadas, especialmente as máis intensivas e os cebaderos de tenreiros, na converxencia de axudas. “Avanzar cara a un pago por hectárea homoxéneo para toda España prexudicaría ás gandarías galegas, que non teñen a base territorial doutras zonas menos montañosas. Debemos ir cara a un sistema xusto no que se pague polo que se fai e pola terra que se traballe, non por quilómetro cadrado”, advirten desde AGACA.

-Definición de agricultor xenuíno:

A Comisión Europea márcase como obxectivo acabar cos “agricultores de salón” que perciben grandes sumas de axudas ao contrar con latifundios, pero sen que a actividade agrogandeira sexa relevante para eles. Para iso está en debate que para considerar un “agricultor xenuíno” os ingresos agrarios supoñan como mínimo entre o 20 e un 30% dos seus ingresos totais. Desde Galicia proponse que se eleve esa porcentaxe mínima ao 30 e mesmo ao 50% e que estean afiliados á seguridade social por conta propia. Tamén se pide reflexionar sobre o feito de que en España un 38% dos perceptores de axudas da PAC son persoas xubiladas que cobran o 26% das axudas, o que vai en detrimento da incorporación de mozas.

-Réxime de pequenos agricultores:

Desde Galicia pídese que os produtores con menos ingresos da PAC sigan cobrando mediante este sistema pola súa contribución á sustentabilidade do medio rural.

-Tope de axudas que se poden cobrar:

O Ministerio propón que o chamado “capping” por perceptor sitúese nos 100.000 euros. Tanto desde a Xunta como desde AGACA defenden unha postura máis ambiciosa situando o tope en 60.000 euros, excepcto para explotacións asociativas. “Non parece xusto que en España o 20% dos agricultores e gandeiros cobren o 80% das axudas. Hai que protexer ás pequenas e medianas explotacións como as galegas e as da Cornixa Cantábrica”, defenden desde AGACA.

-Axudas asociadas:

Desde Galicia deféndese o mantemento destas axudas para vacún de leite e de carne, cun incremento do 25% para compensar a adaptación ás novas esixencias ambientais (Pacto Verde, estratexia da Granxa á Mesa, limitacións de uso de fitosanitarios..etc), para compensar tamén a entrada de novos sectores nestas axudas (horta, viticultura…etc), ademais de establecer un pago modulado para aquelas explotacións que comercializan a través dunha organización de produtores (OP).

-Axudas redistributivas (para garantir a renda dos agricultores e gandeiros,):

Tanto Xunta como cooperativas galegas defenden que se reforce este tipo de subvencións, de forma que se fixe un pago redistributivo obrigatorio, cun mínimo do 30% dos fondos do primeiro alicerce, para exlotaciones con SAU inferior á media de España, caso das galegas e da cornixa cantábrica.

Ademais, deféndese un maior pago para as primeiras hectáreas de cada explotación, establecendo varios tramos: primeiras 5 ha, de 5 a 15 ha, de 15 a 25 ha…Tamén propoñen que na repartición das axudas redistributivas téñanse en conta a dependencia dos ingresos agrarios do perceptor.

Os próximos meses de abril e maio serán claves pois pecharanse as negociacións tanto para o Plan Estratéxico Nacional, que definirá as liñas de aplicación das axudas da PAC 2023-2027 en España, como a nivel europeo entre os estados membros, a Comisión e o Parlamento Europeo. Da súa resolución dependerán unha parte importante dos ingresos das gandarías de Galicia e da Cornixa Cantábrica nos vindeiros anos.

Una idea sobre “¿Que se xoga Galicia e a Cornixa Cantábrica na nova PAC?

  1. Xoan Castro

    Vai a ser posible acollerse a o ecoesquema 4 (plan de nutrientes) ou segue o goberno empeñado en incluilo nas BCAMS da condicionalidade reforzada, e polo tanto ser obrigatorio para cobrar a PAC? Onde se pode ver o borrador do plan estratexico galego? vanse poder facer alegación antes da súa aprobación? Obrigado

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información