A idea da Comisión Europea a partir do 2028 é que desapareza a Política Agraria Común (PAC) como tal, pero que se manteñan as axudas directas ó agro nunha liña similar á actual, englobadas no marco dos chamados Plans Nacionais de Asociación.
Analizamos o que se sabe da proposta de axudas directas ó agro a partir do 2028, en base a fontes da Comisión Europea.
Medio ambiente e clima
- Un 43% dos fondos dos plans de asociación nacionais destinarase a medidas de clima e medioambiente, polo que esa será tamén a principal orientación dos apoios ó agro.
- Incentivaranse prácticas de protección, que abarcan tres obxectivos: zonas sensibles, solo e auga. Introduciranse criterios de densidade gandeira nas zonas vulnerables a nitratos
- As actuais normas de condicionalidade substituiranse por requisitos legais de xestión (cumprimento de 14 normas europeas en materia de medioambiente, clima, saúde e condicións de traballo).
Contías e beneficiarios
- As axudas dirixiranse a agricultores activos. Serán degresivas a partir de 20.000 euros por agricultor e ano. O tope máximo por agricultor e a no será de 100.000 euros.
- A axuda á renda pasará a un mínimo do 20% do total de pagos directos (polo 13% actual). Haberá un 5% adicional para explotacións mixtas, apoio a cultivos proteícos e zonas en abandono.
- A axuda media por hectárea situarase entre 130 e 240 euros.
- Existirán apoios complementarios para agricultores mozos, mulleres, familias e explotacións en zonas con limitacións naturais.
Relevo xeneracional
O relevo xeneracional é unha das preocupacións da UE. Prevese crear un paquete de iniciación, que mellore os apoios e os resultados das actuais axudas de incorporación, e impulsaranse os servizos de substitución, para facer máis atractiva a profesión e mellorar o benestar dos agricultores.
Fondos de reserva para crises
A Comisión Europea aumentará os fondos destinados a posibles crises no agro e fai un chamamento ós Estados membros para que reflexionen sobre a conveniencia de crear reservas de alimentos para encarar posibles crises alimentarias.
A almacenaxe de alimentos (cereais, leite en po, carne) é un enfoque que nas últimas décadas fora decaendo na UE, froito do cambio de orientación da PAC, que nacera trala Segunda Guerra Mundial cunha idea principal de garantir o suministro alimentario na UE e que foi evolucionando a cuestións máis medioambientais e de apoio á renda dos agricultores.
As incertezas xeopolíticas que se abren nos últimos anos fan que Europa volva pensar nunha necesidade básica, como garantir o suministro alimentario da poboación en calquera situación.
Prohibición dos termos ‘hamburguesa vegana’ ou ‘salchicha vexetal’
No marco da nova Organización Común de Mercados, a Comisión Europea proponse avanzar na protección dos nomes de produtos comerciais ligados á carne. Deste xeito, tal e como xa se ten feito no sector lácteo, onde están prohibidos termos como ‘leite vexetal’ (por bebida vexetal) e similares, a Comisión proxecta unha normativa nesa liña para a carne.
Prohibirase así o uso de termos que queiran asociar os produtos veganos ou vexetais a conceptos ligados coa carne, tales como hamburguesas, salchichas ou chourizos.
E se a PAC 2028 fose mellor que a actual para o agro galego?
Galego









Control OJD