“Unha boa xestión do persoal na granxa é tan importante coma o manexo que se fai dos animais para acadar bos resultados”, reivindica Libby Eiholzer, especialista en xestión e formación de persoal en granxas de leite na Universidade de Cornell, en Nova York (Estados Unidos). A experta incidiu, durante un recente seminario web organizado polo equipo de ruminantes da firma farmacéutica MSD Animal Health, no papel fundamental que supón nas ganderías de leite contar con persoal formado e implicado para garantir o bo funcionamento.
Xunto con Eiholzer, Carlos Carbonell, integrante do equipo técnico de MSD Animal Health, e o veterinario Román González, da gandería lucense SAT Prolesa, onde ambos están implicados nun programa de mellora do manexo da recría, tamén coinciden en destacar o valor de formar un equipo de traballadores para acadar os obxectivos da gandería. “O principal activo dunha gandería non son os seus animais, nin a maquinaria coa que conta, senón os seus traballadores”, apunta Román González.
“O principal activo dunha gandería son os seus traballadores”: Román González, veterinario en SAT Prolesa
A experta incide na importancia de conseguir a implicación dos traballadores para lograr bos resultados na granxa. “Non abonda con ordenar tarefas e pagar para ser un bo patrón, é preciso saber motivar ó persoal”, indica Eiholzer. Neste senso, convida ós gandeiros a ter en conta os motivos que os fixeron decidirse a dedicarse a esta profesión e tentar coñecer tamén os dos empregados, co gaio de asignarlles as tarefas para as que encaixan mellor. “Ás veces certas persoas non están no posto máis adecuado para as súas capacidades. Hai que ir vendo as potencialidades de cada traballador e aproveitalas”, detalla.
Á hora de afrontarse á xestión do persoal na gandería, Libby Eiholzer recomenda someter a avaliación os distintos procesos que se levan a cabo na granxa polo persoal para detectar aquelas seccións onde pode haber problemas e atallalos. Así, será clave ver quen fai cada tarefa, como se realiza, como se lle comunicou ese traballo ó empregado e os resultados que se están a ter. Para apoiar ós gandeiros nesta revisión e análise das súas rutinas de traballo, a experta propón ferramentas e métodos que contribúen a mellorar resultados e acadar obxectivos.
Protocolos, a chave do éxito
Unha das medidas máis efectivas para organizar a xestión do persoal na granxa é a definición de protocolos, onde se detallen tanto as funcións máis básicas coma aquelas que sexan fundamentais para o funcionamento da gandería, aínda que non se desenvolvan a diario. Deben ser instrucións básicas e claras para realizar as tarefas. “Os protocolos son unha guía que axuda tanto ó empregado a desenvolver o traballo coma ó patrón para indicarlle ó operario como quere que se realice esa tarefa”, detalla a especialista.
“O uso de protocolos serve para recordar a explicación dun traballo e, o mesmo tempo, axuda a capacitar ós traballadores que se acaban de incorporar”: Libby Eiholzer
Os protocolos son tamén unha ferramenta para xerar un criterio único naquelas ganderías con varios responsables. “Non hai peor situación para un empregado que recibir ordes contraditorias dos seus patróns”, valora Eiholzer. Tampouco cómpre que os protocolos se desenvolvan para tódalas tarefas da granxa, senón que é preciso identificar aquelas áreas de interese ou aquelas de máxima prioridade para mellorar o funcionamento da gandería. Ademais, cando se trata de traballos complexos, a experta recomenda desenvolver varios protocolos secundarios, que concreten e especifiquen como realizalos.
A experta detalla varias recomendacións para asegurar que estas ferramentas sexan de utilidade na granxa para os operarios:
-Deben ser concisos e claros. Resumir en poucas palabras a tarefa.
-É preciso ter en conta as dificultades que poden ter os traballadores co idioma e empregar expresións sinxelas e directas. Debe evitarse que os protocolos sexan manuais densos, senón unhas instrución claras.
-A utilización de imaxes e esquemas para concretar as indicacións pode facilitar a comprensión e axudar a que se empreguen estes protocolos. “Algúns dos gandeiros cos que estou traballando mesmo están empezando a empregar vídeos a modo de tutorial para compartir cos seus operarios”, detalla a especialista.
-Cómpre colocar os protocolos en lugares visibles e en láminas plastificadas ou impermeables, de modo que sexan accesibles e non se deterioren co uso. “O uso de protocolos serve para recordar a explicación dun traballo e, ó mesmo tempo, axuda a capacitar ós traballadores que se acaban de incorporar”, sinala Eiholzer.
Implicar ós traballadores
Outra das cuestións nas que Libby Eiholzer insiste para mellorar a xestión do persoal na gandería baséase en conseguir a implicación dos traballadores coa propia granxa e os resultados que se obteñan. “Queremos que os empregados non só entendan que teñen que vir a traballar, senón que queiran que a granxa teña éxito”, explica a especialista. Para lograr isto, unha das vías é facer partícipes ós traballadores dos datos de rendemento que se están a monitorizar na granxa, de modo que comprendan o seu significado, así como a meta a conseguir. “É moi importante que saiban que significan os números e como cambian en función do seu traballo”, explica Eiholzer.
“Queremos que os empregados non so entendan que teñen que vir a traballar, senón que queiran que a granxa teña éxito”
Para conseguir esta implicación do persoal, a experta avoga por dedicar esforzos á capacitación dos operarios, mediante charlas, seminarios ou vídeos que os axuden na súa formación. Tamén resulta fundamental contar coa persoa adecuada para impartir a formación ou amosar como se realizan as tarefas. “Un empregado pode ser moi bo muxindo o gando, pero non ter habilidades para explicar como se debe facer. Precisamos contar cun bo capacitador, non todo o mundo serve para iso”, concreta.
Tamén é preciso que os supervisores estean implicados coa capacitación dos operarios e que se defina claramente unha estrutura xerárquica para supervisar e resolver os problemas e as dúbidas de forma rápida ós traballadores. Ó mesmo tempo, para Eiholzer resulta clave que se reserve tempo e un espazo axeitado para a capacitación do persoal, sen que haxa interrupcións e para conseguir que ó operario lle resulte clara a explicación e poida levala á práctica.
SAT Prolesa, un exemplo de mellora na xestión da recría
A gandería lucense SAT Prolesa, conta con 9 operarios que traballan en 2 quendas, o que lle permite realizar 3 muxidos ó día e que o persoal teña dúas xornadas de libranza. Nesta SAT, creada no 2000 por 14 socios, nestes momentos teñen como obxectivo o incremento da produción e superar os 5 millóns de litros que lograron o ano pasado, cun aumento tanto do número de animais, coma da media de produción e da eficiencia na granxa.
Para lograr estas metas, están a traballar tamén de forma directa na mellora da recría, un proxecto no que están implicados tanto o veterinario da gandería, Román González, coma Carlos Carbonell, integrante do equipo técnico de MSD Animal Health. O traballo conxunto comezou no 2019, pero a mellora da recría comezara xa no 2014 co deseño dun protocolo, coma unha ferramenta máis para mellorar resultados.
Os protocolos servíronlles para monitorizar os resultados e contar con datos obxectivos para a toma de decisións
Nos primeiros tempos, a falta de control e de monitorización foi facendo que o protocolo deixase case de existir. Por iso, un dos aspectos nos que incidiron dende MSD foi na necesidade de monitorizar os protocolos e os resultados, para contar así con datos obxectivos e rendibles que lles axudasen na toma de decisións. “Ás veces, prodúcese o coñecido como síndrome da ‘cegueira na granxa’, que leva a interiorizar e aceptar prácticas que antes non se concibían como axeitadas e impide que o gandeiro ou o persoal se dea conta de que esas prácticas lle están impedindo avanzar, polo que é moi importante contar con datos que lle axuden a comprendelo”, reflexiona Carbonell.
Na actualidade, contan con protocolos detallados para facilitar o traballo ó persoal. Dispoñer desta ferramenta tamén lles está a axudar a mellorar o manexo dos animais, conseguindo atallar problemas como as diarreas. Un dos momentos claves é o encalostrado, polo que definiron un protocolo específico no que se inclúe dende a recollida de mostras de calostros, ata unha estimación da calidade e do encalostrado así como un rexistro de datos.
“Canto menos teña que intuír o operario á hora de facer a tarefa mellor vai funcionar a granxa” : Román González
Ademais, na gandería están a desenvolver protocolos para outras tarefas como a limpeza e desinfección. A monitorización apórtalle información na toma de decisións para implantar novas prácticas. Tamén dispoñen de protocolos ante situacións que son determinantes para a recría, como a aparición de diarreas. “Canto menos teña que intuír o operario á hora de facer a tarefa mellor vai funcionar a granxa. O traballador ten que dispoñer dunhas instrucións claras para facer o traballo”, explica o veterinario, Román González.
Os protocolos tamén lles serven como ferramenta de comunicación entre os distintos empregados para actualizar o estado dos animais e detectar problemas dun xeito máis inmediato. De feito, un dos protocolos instalados informa sobre as tomas que realizaron os animais para extremar o control sobre os animais.
González reivindica tanto a necesidade de protocolos na granxa como a implicación do persoal no desenvolvemento desas pautas, para conseguir que sexan efectivas, ó tempo que valora que os gastos da capacitación do persoal son sempre unha inversión que se recupera.