Que se pode aprender do tráxico incendio de Portugal?

Factores meteorolóxicos, forestais e humanos aliñáronse no mesmo punto para desencadear a maior traxedia forestal do páis veciño, con máis de 60 mortos e unhas 30.000 hectáreas calcinadas. Está Galicia a salvo dunha catástrofe así? Falamos con enxeñeiros de montes, propietarios forestais e persoal dos servizos de extinción para tirar leccións do sucedido en Pedregao Grande

Que se pode aprender do tráxico incendio de Portugal?

Imaxe dun veículo calcinado na zona de Pedregao Grande. / Foto: Bombeiros de Portugal.

“Ata a década dos 80, na zona de Pedragao Grande había moita xente a explotar pequenas parcelas agrícolas, bastante gando e producíase un certo control da paisaxe. A medida que as persoas foron saíndo, desapareceu o gando e o monte rematou por cubrir todo, de xeito artificial ou natural, porque chega con non facer nada no terreo para que se encha de mato”. Así fala da zona cero do incendio de Portugal Antonio Louro, presidente do Forum Florestal, unha federación de propietarios forestais do país veciño.

O problema do abandono acrecéntase polo progresivo despoboamento do territorio. “Hai nesa rexión concellos en que máis do 75% da terra pertence a persoas que non viven no seu territorio e que, por tanto, non fan xestión directa das súas propiedades”, valora Louro en declaracións ó xornal portugués Público.

“A concatenación de feitos levou a que o inferno aparecera en Portugal. Outros infernos potenciais están por vir” (Francisco Martín, meteorólogo)

O escenario descrito non é moi distinto do que se vive en parte de Galicia. Falamos con enxeñeiros de montes, colectivos de propietarios forestais e persoal dos servizos de extinción para valorar se unha catástrofe da dimensión da portuguesa sería posible en Galicia. Que se pode aprender do ocorrido en Portugal?

1) Factores meteorolóxicos extremos

“Os ingredientes para un lume amplio e descontrolado estaban presentes o 17 de xuño pola tarde: seca e ausencia de precipitación nos días anteriores, moi altas temperaturas, moi baixa humidade, bosque e mato en ambiente seco, tormentas secas amplas e xeneralizadas, con lóstregos incendiarios e ventos intensos descontrolados orixinados por ditas tormentas”, resume o meteorólogo Francisco Martín León.

“A concatenación de feitos levou a que o inferno aparecera nunha rexión concreta de Portugal o 17 de xuño. Outros potenciais infernos están por vir, se non se está atento na súa loita, xa que os ingredientes potenciais seguen aí”, conclúe o meteorólogo.

“En circunstancias como as de Portugal, o lume é como unha riada que leva todo por diante” (Alejandro Rodríguez, persoal dos servizos de extinción)

Pode desencadearse un ‘inferno’ de lume en Galicia?
Galicia non está libre de escenarios similares ó vivido en Portugal. “Se se chegan a combinar eses factores de altas temperaturas, vento e ambiente seco, non é fácil pero é posible que en Galicia vivamos lumes de alto risco” -valora Alejandro Rodríguez, persoal dos servizos de extinción e integrante de Comisións Obreiras-. “En circunstancias semellantes ás vividas en Portugal, o lume é como unha riada que leva todo por diante e non se pode parar, por moito que en Galicia esteamos mellor organizados que en Portugal”, sinala.

Un dos factores que explican o inferno que se viviu en Portugal, con lume que avanzaba en tódalas direccións, radica nos ventos descontrolados orixinados pola tormenta. “Falta moita información, pero polos datos que temos, había un vento que movía o aire en tódalas direccións no mesmo intre. É un dos elementos que explica a catástrofe” -apunta o presidente do Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia, Juan Picos.- “A meteoroloxía é un factor que non se pode modificar, pero pódese saber que vai ocurrir”, valora.

Queimas

Desde os sindicatos dos servizos de extinción de incendios de Galicia, como UXT ou Comisións Obreiras, chaman a atención sobre o feito paradóxico de que estes días, con temperaturas superiores a 30 graos na maior parte de Galicia, continúen autorizadas na comunidade as queimas de restos agrícolas. A Agencia Española de Meteorología, pola súa banda, advirte de risco elevado de incendio en Galicia.

2) Abandono ‘versus’ xestión forestal

O director técnico da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, atravesou en varias ocasións a área de Portugal castigada estes días polos lumes. O seu diagnóstico apunta ao abandono como unha das causas de fondo da catástrofe. “Trátase dun territorio densamente poboado no que houbo un abandono da cultura tradicional agrícola portuguesa. De xeito paralelo, producíronse cambios de uso do territorio, sen un axeitado control, que aumentaron a continuidade da biomasa”, explica.

“Non hai un problema por piñeiros ou eucaliptos. Se abandonas, arde. Dá igual mesturar carballos con xestas que eucaliptos con xestas” (Francisco Dans)

“Ese é un dos riscos que tamén identificamos en Galicia, que en determinadas zonas non haxa discontinuidade de biomasa e que o mato se acumule en todo tipo de terreos. Non estamos ante un problema de x especies forestais, como o eucalipto ou o piñeiro -as que predominan na área calcinada-. Se abandonas, arde. Dá igual mesturar carballos con xestas que eucaliptos con xestas. Arde todo, casas incluidas”, sentencia.

A mesma análise é compartida por Jacobo Feijoo, responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), ligada a Unións Agrarias. “Enfrontámonos a escenarios que en certa medida son novos. Todo núcleo de poboación estaba antes rodeado de agras e cultivos que separaban o monte das casas. Ao desaparecer a actividade, esas agras enchéronse de mato e árbores. Antes tiñamos cortalumes naturais e agora hai que buscalos mediante a xestión forestal e intervencións directas, algo complicado e custoso”, advirte.

“Todo núcleo de poboación estaba rodeado antes de agras e cultivos. Ao desaparecer a actividade, chegan o mato e as árbores” (Jacobo Feijoo)

Actividade agraria
“A mellor prevención -valora Jacobo Feijoo- é sempre ter un territorio en uso e xestionado pola man do home. Hai que ver o rural como un todo, no que ten que ter cabida a actividade humana, que se debe facilitar e non estorbar. O que non xestione o home coa súa actividade ordeada e xuiciosa pasa a xestionalo o lume”, apunta.

“Se non hai esa actividade agraria e gandeira, se non hai agricultura a tempo parcial porque ter un animal precisa de máis papeis que ter un fillo ou porque o que sementas de día desfaicho o xabarín pola noite, a xente vai abandonando, o combústible péchase, os camiños deixan de estar abertos e vaise configurando un escenario onde cada vez serán máis probables os eventos catasróficos”, conclúe Jacobo Feijoo.

3) Zonas de encontro entre superficie forestal e vivendas

A alta dispoñibilidade de combustible no monte, unida á presenza de poboacións espalladas no territorio, é unha das claves que poden explicar o fatal desenlace do lume de Portugal, ao entender de Juan Picos, do Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia.

“Temos que pensar en formar ás persoas, en definir rutas de escape e en ordear o territorio nas zonas de interfaz” (Juan Picos)

Que conclusións se poden tirar do ocorrido en Portugal? “O ordenamento do territorio nas zonas de interfaz agrícola, forestal e urbán é unha cuestión a coidar. Tamén hai que pensar en definir áreas de seguridade nos núcleos e en formar ás persoas e definir rutas de escape. De cara ó futuro, será importante que a xente teña claro como actuar ante un lume. Estiven hai pouco en Chile, un país con risco de terremotos, e todos saben que facer se hai un tremor”, compara.

“En determinadas zonas de Galicia -valora Francisco Dans- temos a mesma interfaz industrial, urbán e agrícola que se dá no lume de Portugal, onde o problema, repito, foi de falta de xestión. O paradóxico do caso portugués é que a a penas 20-30 quilómetros da catástrofe temos o que probablemente sexa o piñeiral mellor xestionado de Europa, o de Leiria, con máis de 25.000 hectáreas. A unha distancia similar do lume está tamén o eucaliptal de Montagua, un monte con cortalumes, control da biomasa e un exemplo de xestión forestal”, compara.

4) Dispositivo de extinción

Os 150 lumes simultáneos que se produciron na tarde do sábado en Portugal, a gran maioría intencionados, son un dos factores que dificultou o combate do gran incendio de Pedregao grande, que as autoridades consideran que se orixinou por un lóstrego, se ben tamén se trata dunha cuestión en discusión.

Alejandro Rodríguez, de Comisións Obreiras, entende que Galicia está mellor organizada que Portugal para encarar unha vaga de lumes, aínda que considera que o operativo é mellorable. “As brigadas municipais deberían estar integradas nun servizo público e único”, valora.

De Portugal, Rodríguez cuestiona a supresión da figura do axente forestal, que pasou a integrarse na Guardia Nacional Republicana. “A desaparición dun persoal específico que vela polos montes e polo cumprimento da normativa é un condicionante serio”, apunta.

Colaboración internacional

O país veciño pediu a colaboración internacional polo lume de Portugal na madrugada do sábado ó domingo, se ben non foi ata hoxe luns que saíron brigadas e camións de Galicia cara Portugal. “Debería haber unha maior previsión, ter identificado o persoal que está disposto a ir de voluntario a un escenario así e actuar con maior axilidade”, recoñece Alejandro Rodríguez.

Desde o sector forestal galego decláranse moi afectados polo sucedido en Portugal e teñen trasladado as súas condolencias, vía telegramas e contactos persoais, a institucións e colectivos de propietarios do país veciño.

Distancias a manter en Galicia das masas forestais a vivendas e vías de comunicación

Unha das cuestións que chama a atención das imaxes con coches calcinados en Portugal é a proximidade do monte á estrada, que discorre entre fileiras de piñeiros pegados ó asfalto e coa copa invadindo en ocasións a zona de voo da calzada. “O factor de maior perigro non estivo en que foran piñeiros, foron as circunstancias extremas de sequedade ambiental e temperatura, que as árbores non estiveran retranquedadas da estrada e que tiveran contacto de copas” -resume Jacobo Feijoo-. “Ao lado dos piñeiros vense castiñeiros e carballos tamén calcinados de arriba abaixo”.

En Galicia, hai unha lexislación clara ó respecto da separación que deben gardar as masas forestais con vivendas e con vías de comunicación, aínda que non sempre se cumpre.

“Que o DOG diga que a tantos metros non pode haber vexetación, non significa que o mato se retire. Alguén ten que retiralo” (Juan Picos)

“Que o Diario Oficial de Galicia (DOG) diga que a tantos metros non ten que haber vexetación, non significa que a vexetación se retire. Alguén ten que retirala e alguén ten que garantir o cumprimento da lei” -lembra Juan Picos.- “Poderíase comezar por identificar os peores escenarios e os emprazamentos nos que se deben facer actuacións prioritarias de control”, suxire. “Queda bastante por traballar”, recoñece.

Con carácter xeral, en Galicia a menos de 30 metros de vivendas ou núcleos de poboación non pode haber nin mato nin piñeiros ou eucaliptos, en tanto as frondosas deben estar ben separadas entre si. Dos 30 ós 50 metros, o terreo debe estar libre de mato.

Distancias para novas repoboacións marcada pola Lei de Montes

– A solo rústico de especial protección agropecuaria: 10 metros. En zonas de labradío e pastos que non teñan esa clasificación, a distancia redúcese a 4 metros, salvo con eucaliptos, que manteñen os 10 metros.

– A autovías, estradas convencionais e vías férreas: 10 metros os eucaliptos e piñeiros (salvo o silvestre), 4 metros o resto de especies.

– A pistas forestais principais: 2 metros frondosas, 4 metros eucaliptos e piñeiros (salvo o silvestre) con carácter xeral (6 metros en zonas de alto risco de lumes).

– Con edificacións, solo de núcleo rural, solo urbán, solo urbanizable delimitado: 30 metros piñeiros e eucaliptos, 15 metros as frondosas caducifolias.

– A cámpings, gasoliñeiras ou industrias: 50 metros piñeiros e eucaliptos, 25 metros as frondosas caducifolias.

4 ideas sobre “Que se pode aprender do tráxico incendio de Portugal?

  1. Fernando Insua

    Parece mentira que os “expertos” da universidade e técnicos “competentes” non sexan quen de informar a cidadanía sobra a distinta inflamabilidade das especies forestais. O Eucalipto e o piñeiro son as especies mais inflamables, non o carballo, castiñeiro, cerdeira, bidueiro, etc . E unha pena que , salvo honrosas excepcións, so se vexa a rendibilidade “particular” e “individualista” a curto prazo, e non se valore os riscos, no só para o medio ambiente, se non xa para a vida das persoas. Que dí a Administración, aqueles altos funcionarios que teñen a obriga de poñer orden e facer cumplir a lei? Non debería o Delegado do Goberno mandar as forzas do orden público, facer cumplir a lei de montes e denunciar as plantacións de especies pirófitas nas beiras das estradas, ou nas agras perto das vivendas?. temos que encomendarnos a os santos para que chova, e non nos afecte o cambio climático?

    Contestar
  2. Xurxo m

    Os “expertos” deberían aprender a utilizar “Google Maps” e ver as imaxes satélite de hai 3? anos de “Escalos Cimeiros”, comprobando o que se coce no lugar de inicio do incendio de Pedrograo.

    Despois “sobrevoar” sobre Castanheira de Pêra, a 3-4 Km de Escalos e ver o que hai ahí no alto dos cotos.
    Logo para comprender as tormentas secas hai que buscar en Google “incêndio em Castanheira de Pêra” ou aldeas limítrofes como Fontao, Figueiras de Viño, etc.

    As culpas serán para o eucalipto que para iso está … pero ¿vedes no G. Maps cómo están esas montañas onde non hai verde? ¿qué hai ahí señores Tesla Youppies?

    Contestar
  3. Julián Ortega

    En Pedrogao os datos oficiais amosan que o 80% do queimado NON eran eucaliptos. Ardeu todo o que había alí, incluido un 28% de frondosas. Nun día coma ese non hai diferencias de inflamabilidade, arden ate os árbores de formigón se os houbera.

    Os modelos de incendios forestais usados a nivel internacional para simular o comportamento do lume, non distinguen de especies, só de modelos de combustible, a súa carga por hectárea e a súa estructura horizontal e vertical.

    A efectos do lume son máis similares entre sí una masa densa de eucaliptos e unha masa densa de castiñeiros, que unha masa de eucaliptos densa a outra masa de eucaliptos de baixa densidade de pes por ha. O determinante e a carga e a distribución horizontal e vertical do combustible, non a especie.

    En canto á superficie queimada en Galicia, na última década só 7,8% da superficie queimada tiña eucaliptos. ¿Lle importará este DATO a alguén deses que acusan ao ecualipto de todos os males?

    Os iluminados que andades por ahí prendendo lume ao monte galego, ides ter que queimar máis eucaliptais se queredes que a estatística se pareza aos vosos desexos.

    En canto ao cambio climático, dígame alguén con datos reais de productividade, qué especie das que medra forestalmente en Galicia ten o maior crecimiento, e por tanto a maior capacidade de secuestro de C02 da atmósfera….. Igualmente qué especie tería maior capacidade de adaptarse aos ciclos secos, se é verdade que está a mudar o clima galego cara a máis calor e máis sequía.

    Contestar
    • Fernando Insua

      E moi fácil contestar: que sexa obligatorio facer un seguro contra lumes, onde o mercado poña un prezo a o diferente risco según a elección de especies. O que non pode ser e que paguemos todos os gastos do lume 173 millóns de euros. Por certo, Galicia é un dos maiores emisores de gases de efeito invernadoiro por lumes, ademais de outros contaminantes como partículas P2,5 e 10 micras. Por outra banda, calcínase a materia orgánica e pérdese o solo, por erosión, que logo vai a contaminar a producción marisqueira das Rías

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información