Que rutas seguía o viño do Ribeiro no medievo?

O camiño dos Arrieiros, a carón do Avia, é un dos símbolos dun pasado de esplendor do viño do Ribeiro na Idade Media. Expertos como o historiador José Luis Sobrado reivindican que existiron varios camiños empregados para o transporte do viño. Coñecemos máis sobre estas rutas

Publicidade
Que rutas seguía o viño do Ribeiro no medievo?

O viño do Ribeiro na Idade Media gozaba xa dunha gran popularidade.

Na época medieval, o viño do Ribeiro era coñecido non só en todo Galicia senón que xa traspasaba fronteiras cara zonas do norte da cornixa cantábrica, outros territorios coma Inglaterra ou mesmo viaxaba xa en expedicións como a de Colón a América, segundo recollen os documentos da época. Neste trasfego comercial do viño do Ribeiro, a Ruta dos Arrieiros, é unha das pegadas históricas que evidencia esta comercialización.

“Non se pode falar dunha única ruta dos arrieiros, senón que hai varios camiños nas marxes do Avia”, (José Luis Sobrado, historiador)

Porén, como ben sinalan expertos como o historiador José Luis Sobrado, “non se pode falar dunha única ruta dos arrieiros, senón que hai varios camiños que eran empregados para o transporte do viño, principalmente cara a cidades como Pontevedra ou Santiago”, sinala.

As rutas dos arrieiros

Aínda que nos últimos anos se está a reivindicar como Ruta dos Arrieiros, a que transcorre pola marxe esquerda do río Avia, tal e como explica o historiador, existen outras alternativas nas marxes deste río que dan boa conta do transporte de viño que se levou a cabo nestas zonas. “Hai un patrimonio histórico moi rico e abundante que evidencia a importancia da comercialización do viño por estas terras, dende bodegas históricas, pazos, pontes ou castelos”, indica o historiador.

Pese a que unha parte importante destas rutas dos arrieiros, que confluían próximas ó Avia, foron substituídas co paso do tempo por novas vías de comunicación e empregadas para a construción de estradas, o patrimonio próximo evidencia a súa existencia. “Sábese que tiña que existir máis dunha ruta polo patrimonio que hai a ambas marxes e pola escaseza de pontes para cruzar o río, o que evidencia, unha vez máis, que non había unha única ruta”, concreta o historiador.

Rutas dos arrieiros próximas ó río Avia, en Ourense.

Rutas dos arrieiros próximas ó río Avia, en Ourense, onde se localizaban granxas, pontes e castelos.

Tamén hai algúns tramos onde os antigos camiños dos arrieiros se conservan en moi bo estado. “Agora mesmo hai distintos concellos que están tentando recuperar estes antigos treitos que, nalgúns casos, están moi ben conservados”, indica o historiador.

Á marxe de construcións como os castelos, pazos ou as pontes, a existencia dun importante número de granxas monásticas é, segundo explica o historiador, outra das claves para reforzar a idea de que existan varios camiños de arrieiros. Estas antigas granxas pertenceron a diversos mosteiros que, aínda sen ser do Ribeiro, se asentaron nestas zonas mediante estas estruturas que lle permitían garantir un subministro de viño procedente dos terreos que tiñan en propiedade.

Así, algúns dos mosteiros máis importantes de Santiago como San Martiño Pinario e San Paio ou o cabido da catedral tiñan granxas no Ribeiro. Tamén o mosteiro de Sobrado dos Monxes (A Coruña) ou o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos en Lousame (A Coruña) contaban con granxas nesta zona. As granxas funcionaban como pequenas sucursais do mosteiro, cunha administración similar, e xestionaban o territorio que tiñan nesta zona.

O achado de nova documentación sobre o transporte do viño recolle o importante tráfico que rexistraban estas rutas

Normalmente un monxe, acompañado por outro persoal da granxa, encargábase de xestionar os viñedos dos que dispoñían e cos que abastecían as necesidades dos mosteiros. A excepción dalgunha granxa que tamén contaba con outros cultivos de cereais, os viñedos eran o principal aproveitamento destas granxas que tamén xeraban un fluxo de transporte de viño na zona.

O achado de nova documentación sobre o transporte do viño, localizada recentemente e que están a estudar, recolle o importante tráfico que rexistraban estas rutas. “Nestas rutas había unha gran afluencia de arrieiros e de animais que viñan expresamente ó Ribeiro polo viño chegados desde distintos puntos ó longo de todo o ano”, concreta o historiador.

De feito, Sobrado tamén incide en que a existencia de moitas pequenas vilas e pobos, así como dun rico patrimonio histórico nestas zonas polas que conflúen os camiños dos arrieiros, produciuse gracias ó viño.

Unha rede de rutas de comercio

Xunto coas rutas que transcorren próximas ó río Avia, en Galicia existían outros fluxos comerciais do viño do Ribeiro cara a cidades como Pontevedra ou Santiago, que é xa un punto de peregrinacións. “A Santiago chega unha importante cantidade de viño do Ribeiro, xa non só polas necesidades da cidade senón polo consumo que teñen os peregrinos mentres están alí”, explica o historiador.

En Pontevedra recadábanse máis impostos co viño do Ribeiro que coa pesca

Son moitos os peregrinos que, ademais, queren levar de Santiago non só a bendición da peregrinaxe senón tamén o viño do Ribeiro. “Sábese que nos barcos que partían para Inglaterra nos que marchaban os peregrinos tamén se levaban importantes cantidades de viño do Ribeiro”, indica Sobrado. Así, o porto de Noia é outro punto destacado do comercio do viño na Idade Media.

Pontevedra foi outro dos núcleos destacados para a comercialización do Ribeiro durante o medievo. O seu porto foi un dos enclaves onde se embarcaba viño con destino a zonas como Asturias ou o País Vasco. O viño do Ribeiro converteuse nesa época nunha importante fonte de ingresos para a cidade. “Nunha vila pesqueira e de mariñeiros como era no medievo Pontevedra, recadábanse máis impostos co viño que co peixe”, explica o historiador José Luis Sobrado.

Fluxos comerciais na Idade Media dende as zonas de produción do viño.

Fluxos comerciais na Idade Media dende as zonas de produción do viño.

Os riscos do transporte do viño dende o Ribeiro

O transporte do viño fixo que estas rutas fosen moi concorridas e á par perigosas. “Ó saberse que había mercadorías de valor é ben sabido que tamén había bandidos que tentaban aproveitar a oportunidade”, indica o historiador. Eran, ademais, frecuentadas por señores e cabaleiros que tamén se volvían obxectivos para os asaltos.

A rede viaria medieval resultaba perigosa pola presenza de bandidos

Tal e como explicaba o historiador durante a súa participación nas xornadas organizadas polo Consello Regulador do Ribeiro sobre “A pegada histórica do viño no Camiño de Santiago”, os castelos e as torres servían tamén a modo de protección nestas rutas, o que contribuía a garantir que o viño chegase ó destino.

Sobrado tamén incide en que esta rede viaria medieval era de carácter público pero estaba xa sometida a impostos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información