Que restriccións existen ó abonado en Zonas Vulnerables a Nitratos?

A práctica totalidade de comunidades autónomas, a excepción de Galicia, xa contaban con áreas catalogadas como Zonas Vulnerables a Nitratos. Analizamos a normativa que teñen

Que restriccións existen ó abonado en Zonas Vulnerables a Nitratos?

A Consellería de Medio Rural desenvolveu esta semana unha serie de xuntanzas con alcaldes das provincias de Ourense, A Coruña e Pontevedra para trasladarlles a inminente declaración de Zonas Vulnerables a Nitratos en sete comarcas da comunidade. O anuncio xerou preocupación no agro, en boa medida pola falta de información suficiente e precisa. Para este luns está prevista unha reunión entre o sector agrario e a Consellería, na que se espera que se aclare a situación.

A perspectiva é que as zonas vulnerables que se declaren en Galicia funcionen de xeito similar ás doutras comunidades autónomas. A práctica totalidade das comunidades, coa excepción de Galicia, xa tiñan zonas vulnerables a nitratos, polo que só hai que analizar as súas normativas de prácticas agrarias para coñecer as que probablemente se vaian aplicar en Galicia.

As obrigas administrativas para as explotacións agrarias van principalmente en tres liñas:

Rexistro das aplicacións / movementos de abonos orgánicos (xurros, estercos e lodos): cantidades aplicadas e parcelas. Nalgúns casos pídense analíticas dos abonos aplicados, se ben noutros casos permítese o uso de valores medios de referencia.

Rexistro dos fertilizantes químicos aportados a cada parcela, con acompañamento das correspondentes facturas de compra.

Caderno dixital de explotación (asociado ós rexistros anteriores).

A maiores, hai que ter en conta as limitacións que se establezan en canto ós periodos de aplicación de abonos e as doses máximas permitidas por cultivo. Analizámolo a continuación.

Limitacións nas aplicacións de nitróxeno por hectárea

O habitual é establecer limitacións diferentes por cada cultivo. E dentro de cada cultivo, tamén se permiten distintas aplicacións en función das toneladas de produción esperada, é dicir, autorízanse diferentes doses de abonado segundo o rendemento previsto.

Do mesmo xeito, establécense doses distintas en función de se o cultivo está implantado en secano ou un regadío, e mesmo se estratifican as aplicacións en función dos tipos de secano e regadío.

Abonado orgánico
Para tódolos cultivos, con carácter xeral, o abonado orgánico está limitado a 170 kg. de nitróxeno por hectárea e ano. Con independencia de que haxa un ou dous cultivos en rotación ó ano na mesma parcela, aplica ese límite para o conxunto do ano.

Aportacións totais de nitróxeno (orgánico + mineral). Vexamos por exemplo o caso de Cataluña:

  • Trigo, hai un abano entre 130 Kg. (secano, tipo 1) e 210 kg. (regadío) de nitróxeno por hectárea e ano. Entre medias, no secano tipo 2 permítense 170 Kg. por ano.
  • Xirasol e colza, entre 130 Kg. (secano, tipo 1) e 210 Kg. de nitróxeno por hectárea e ano.
  • Raigrás, corte único con 210 kg. de nitróxeno ó ano. No caso de 2 – 4 cortes, ata 400 Kg. de nitróxeno ó ano (só 170 deses kg poden ser de abono orgánico).
  • Pradeira permanente, 200 kg ó ano en secano e 300 kg. ano en regadío.
  • Millo, 210 kg. nitróxeno en secano, en tanto en regadío pode chegar a 300 kg. con carácter xeral e, en determinados casos, a 450 kg. de nitróxeno ó ano (con obriga de aportar dúas aplicacións en coberteira e de acadar uns limiares de produción).
  • Viñedo, aportacións máximas de entre 50 kg. (secano tipo 1) e 100 Kg. (regadío) de nitróxeno por hectárea.
  • Pataca en regadío, 220 Kg. de nitróxeno ó ano.
  • Cultivos hortícolas: cada hortaliza ten uns límites propios, con variacións nalgún caso entre invernadoiro e aire libre. Oscilan entre 150 Kg. por hectárea o mínimo (espinacas, escarola) e o máximo no tomate en invernadoiro (450 Kg.).

En definitiva, a previsión é que en Galicia as explotacións agrarias en zonas vulnerables teñan que levar un rexistro estricto dos abonos aplicados. A cuestión que queda por concretar, e que é clave, son os límites de abonado totais que se van autorizar para cada cultivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información