O Valedor do Pobo, o organismo encargado de supervisar o axuste á lei da actividade da Administración galega, recibiu 95 queixas relacionadas co agro no 2019, segundo se recolle no seu informe anual, presentado este outono no Parlamento. A maior parte das queixas da cidadanía refírense á ausencia de medidas ante incumprimentos das distancias reflectidas na normativa de prevención de incendios forestais. Ata un 60% das reclamacións están ligadas coas plantacións forestais ou a falta de desbroce de fincas próximas a vivendas e edificios.
Entre os 58 expedientes ligados a denuncias por falta de limpeza de fincas, atópanse non só fincas privadas, “senón en moitos casos parcelas de titularidade municipal”, precisa o Valedor. A casuística é moi ampla, pero en xeral, a maioría dos expedientes conclúen de forma positiva, xa que os Concellos adoitan actuar en canto reciben unha petición de informe por parte do Valedor do Pobo. “Os Concellos adoitan poñerse en contacto cos propietarios das parcelas para lembrarlles a obriga de mantelas nas condicións esixidas na Lei de Prevención de Incendios”, subliña o informe.
Noutras ocasións, emítense bandos nos que se lembra que é obrigatorio xestionar a biomasa vexetal nunha franxa forestal de 50 metros desde o límite de solo de núcleo rural ou urbán. Esa xestión inclúe a retirada de piñeiros e eucaliptos, así como a roza do mato (toxos, silvas, fieitos, etc.).
Se ben os Concellos adoitan actuar tras ser contactados polo Valedor do Pobo, o organismo precisa que é habitual que os gobernos locais se queixen da carga de traballo que arrastran as súas oficinas técnicas, sobre todo no caso dos concellos de tamaño medio. Ese relativo colapso provoca retraso na tramitación de expedientes urbanísticos e administrativos. Malia iso, trala intervención do Valedor, os expedientes ligados coa limpeza de fincas adoitan ser priorizados, dado o risco evidente que implican os casos para edificios e explotacións agrarias se hai un incendio forestal.
Outras queixas relacionadas co incumprimento das distancias mínimas de plantación recollidas na Lei de Montes sonlle trasladadas aos respectivos Distritos Forestais, que emiten un informe a solicitude do Valedor. Cando as parcelas obxecto de estudo incumpren as distancias ou teñen plantados eucaliptos en zonas nas que están prohibidos, tales como bosques de frondosas caducifolias, a actuación adoita rematar cun requerimento dirixido ós propietarios das parcelas para que nun prazo de 3 meses retiren o arborado.
Plan Forestal
En relación co ámbito forestal, o Valedor tramitou outras catro queixas, esta vez de organizacións ecoloxistas, en relación co Plan Forestal. Os colectivos ambientalistas argumentaban que a revisión do Plan Forestal de Galicia, en tramitación, tivera escasa participación social, se ben o Valedor, comprobado o proceso que se seguiu, considera que esa queixa carece de fundamento.
A institución autonómica lembra que se constituíu un grupo de traballo no Consello Forestal, integrado por 26 organizacións do sector forestal e tamén do ámbito ecoloxista, que se reuniu ata en 13 ocasións entre o outono do 2015 e a primavera do 2016 para establecer as directrices de revisión do Plan Forestal.
Trala elaboración do borrador do novo Plan Forestal, que foi sometido a información pública, a Xunta recibiu un total de 72 alegacións (24 asociacións, 43 particulares, 4 Comunidades de Montes veciñais en man común e 1 empresa). En consecuencia, o Valedor do Pobo conclúe que a participación social queda probada sobradamente.
Remate de concentracións parcelarias
No ámbito das concentracións parcelarias, o Valedor recibiu 8 queixas. A motivación das reclamacións é diversa: a falta de execución dunha vía proxectada na concentración; a desconformidade coa adxudicación de parcelas de substitución; erro na descrición da finca; a rectificación posterior dun acordo de concentración; a colocación incorrecta de marcos ou a lentitude no desenvolvemento das zonas de concentración.
Pola importancia que ten a entrega de leiras de substitución da concentración parcelaria para o sector agropecuario, o Valedor insta á Xunta a que se axuste á previsión existente de finalizar o antes posible as 128 concentracións decretadas.
Xabarín e velutinas
No que atinxe a problemas xerais no medio rural, tramitouse unha queixa relativa á falta de presenza dos colectivos ambientalistas e animalistas no protocolo de control de xabarís en Lugo. Outro tema que suscitou queixas foi o das vespas velutinas e o retraso de retirada de niños en fincas.