No seu día a día, as ganderías manipulan diferentes tratamentos tanto para a hixiene como para a saúde dos animais que son considerados como residuos perigosos á hora da súa recollida e tratamento. A presenza habitual nas granxas fai que, moitas veces, os gandeiros non sexan conscientes da contaminación que pode provocar un tratamento inadecuado deste tipo de despoxos, unha vez que se rematan de empregar.
“Temos que ter presente que estamos a producir un alimento e debemos ser moi coidadosos”, apunta o veterinario Román Habela
“Temos que ter sempre presente que nas ganderías estamos a producir un alimento, polo que temos que ser moi coidadosos en todo o proceso”, apunta Román Habela Gruart, veterinario e responsable da empresa Aplicacións Ambientais e Residuos (AAR), especializada no tratamento de residuos de tipo gandeiro.
Que residuos se xeran na granxa?
O veterinario e xestor autorizado, que participou recentemente nos Encontros Gandeiros organizados pola ADS Xundeva, en Lalín, incide na importancia de que os gandeiros sexan conscientes de que moitos dos produtos que empregan na gandería precisan dun tratamento específico. “Aínda é moi habitual atopar nas granxas garrafas de deterxente vellas tiradas ou frascos de medicamentos baleiros ou xa caducados amoreados nalgúns recunchos”, comenta.
Os principais residuos perigosos nas granxas son os frascos de medicamentos, as agullas dos tratamentos ou os produtos de limpeza do tanque de muxido
O experto insiste en que os gandeiros, ó empregar estes produtos teñen a obriga de procurar o seu correcto tratamento, xa que dende o momento en que entra nas súas instalacións son responsables deles.
O Decreto 38/2015 sobre Residuos Sanitarios de Galicia é o que regula o tratamento a seguir para os produtos que se empregan nas granxas e que se consideran como residuos perigosos. En concreto, nas ganderías os principais produtos que levan esta clasificación son os recipientes de medicamentos baleiros, os produtos de limpeza específicos empregados para instalacións como o tanque de muxido e o circuíto do leite, así como os residuos punzantes e cortantes.
Habela Gruart recorda que as ganderías, ó producir este tipo de residuos, deberían estar inscritas no rexistro de pequenos produtores de residuos perigosos para poder levar un control axeitado dos produtos que se empregan e da recollida que se fai deles. Como indica o xestor, este trámite ten na actualidade un custo único duns 180 euros. As ganderías galegas inclúense dentro da categoría de pequenos produtores de residuos perigosos, ó producir menos de 10 toneladas deste tipo de lixo ó ano.
Na propia gandería, os residuos perigosos de orixe sanitario deben almacenarse, antes da súa recollida, en contedores homologados, ríxidos e opacos. No caso destes residuos perigosos sanitarios non poden superar os 60 litros de capacidade máxima.
Onde rematan os residuos?
Os xestores especializados no tratamento de residuos perigosos son os únicos que deben encargarse do tratamento deste tipo de lixo. Con estes requirimentos, tal e como explica o xestor, búscase evitar contaminación por produtos químicos tanto dos solos como das augas, e tamén minimizar, na medida do posible, as resistencias bacterianas ós antibióticos, que provocan que cada vez sexa máis difícil a cura de moitas enfermidades infecciosas que sofren tanto os animais como as persoas.
“A trazabilidade dos residuos perigosos que se xeran na granxa é fundamental para evitar contaminación no entorno”
“A trazabilidade dos residuos perigosos que se xeran na granxa é fundamental para evitar a contaminación do entorno”, concreta o veterinario. As empresas xestoras son as que se encargan de levar a cabo o rexistro dos residuos na Plataforma Gaia, onde a administración realiza un control destes produtos. En concreto, os residuos que se xeran nas granxas identifícanse co Código L.E.R. de 6 cifras, que comeza por 1802, como residuos sanitarios de orixe veterinario.
Unha vez que se recollen da granxa, os residuos perigosos sométense a distintos tratamentos en función das súas características. Unha parte deles incinéranse, mentres outros pasan por un proceso de esterilización para conseguir unha neutralización química, o que permite que logo sexan trasladados a un vertedoiro para o procesamento.
A xestión na granxa
Pese a que en tódalas ganderías se xeran diversos tipos de residuos perigosos, derivados dos tratamentos veterinarios dos animais ou das rutinas de limpeza, existen poucos xestores especializados nos residuos gandeiros en Galicia. O procedemento habitual por parte dos xestores é proporcionar ás granxas os recipientes axeitados para a clasificación dos residuos para logo proceder á súa retirada dentro dos prazos acordes co tamaño da gandería.
As ganderías deben dispor de contedores específicos para os envases baleiros de medicamentos e dos residuos cortantes
O máis habitual, como explica Habela Gruart, é que as granxas dispoñan de contedores específicos para os envases baleiros de medicamentos e dos residuos cortantes, e un ‘big bag’ para a acumulación das garrafas dos deterxentes. Hai concellos que mesmo permiten que as garrafas deste tipo de produtos se recollan no punto limpo, aínda que hai certas dúbidas sobre o tratamento axeitado que se pode facer delas, xa que moitas veces estes servizos municipais carecen da autorización para o tratamento ou acumulación de residuos perigosos.
O mesmo acontece con vendedores ou cooperativas agrogandeiras que xestionan a súa recollida. “Existe certo baleiro legal e unha alta permisividade con estas prácticas posto que, en principio só se deberían encargar tanto do seu traslado como almacenamento os xestores habilitados”, concreta Román.
“O lugar onde se baleira o medicamento é onde se deben retirar os restos”
Os residuos deberán permanecer acumulados ata o seu traslado para o tratamento no mesmo punto onde se consuman. “O lugar onde se baleira o medicamento é onde se deben retirar os restos. O mesmo acontece coas garrafas dos deterxentes”, explica o especialista. “Nin o veterinario, nin o gandeiro estarían autorizados para realizar o traslado deste tipo de residuos, aínda que se seguen a constatar este tipo de prácticas”, indica Román.
Nunha estimación dos custos que supón a xestión deste tipo de residuos para unha gandería, o veterinario apunta que adoita establecerse arredor dun euro por vaca ó ano. No caso de ganderías dun tamaño pequeno, abonda con que a recollida se faga unha vez ó ano. Mentres, no caso de grandes ganderías, a recollida dos residuos faise con maior frecuencia, sendo o normal cada seis meses, segundo indican os protocolos da normativa de residuos perigosos, que especifícan que só poden estar como máximo 6 meses en posesión do produtor, sendo necesaria a súa recollida unha vez transcurrido este período de tempo.