O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea acaba de publicar o seu boletín de análise sectorial correspondente ao mes de xuño, no que, entre outros asuntos, analiza como están a evolucionar os prezos en orixe e como está a influír sobre os mesmos a crise provocada polo coronavirus Covid19.
En concreto, o informe analiza como pagaron o leite en orixe as principais industrias lácteas da Unión Europea -só CAPSA aparece como de capital español-. O prezo medio en orixe do leite estandarizado ao 4% de graxa e ao 3,3% de proteína foi de 0,3247 euros o litro, un céntimo por baixo da media dos 12 meses anteriores.
Porén, aprécianse importantes diferenzas segundo as industrias e segundo os países: dos 0,38 céntimos que pagou Granarolo en Italia, aos 0,345 euros que paga LACTALIS en Francia ou aos 0,3391 euros que pagou FRIESLAND CAMPINA, prezo similar ao de ARLA FOODS (0,3350). CAPSA FOOD, a única gran industria láctea de capital español que aparece na lista, pagou o leite en abril a 0,3127 euros como prezo base.
Esta é a lista completa do prezo medio en abril das principais industrias lácteas:
O 2019 foi un ano “normal” en canto a prezos, cunha media de 0,34 euros o litro.
Por outra banda, o informe do Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea tamén analiza a evolución dos prezos en 2019 nas principais industrias lácteas. A tendencia foi irregular, con baixadas de ao redor do 5% en Irlanda, pola vocación eminentemente exportadora das súas industrias lácteas, a subida do 2,7% dos prezos pagos por LACTALIS en Francia, do 7,5% do prezo pagado por FONTERRA e sobre todo, o incremento do prezo do leite en Estados Unidos: un 21% máis respecto de 2018, até situarse nos 0,3816 euros o litro.