A avalancha de proxectos eólicos en Galicia do último ano está vencellada ás concesións dos puntos de conexión, isto é, aos puntos onde se evacúa a enerxía obtida dos aeroxeradores.
Os puntos de conexión da rede eléctrica teñen unha capacidade limitada, polo que son cruciais para que as empresas poidan sacar adiante os seus proxectos. José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, unha asociación que asesora ós propietarios afectados polos parques, subliña que “algúns dos puntos de conexión caducaron o ano pasado e outros caducan este ano, unha cuestión que levou a lanzar masivamente proxectos de parques eólicos para non perder eses puntos”.
As empresas eólicas que solicitan un nó de conexión teñen que presentar un aval de 40.000 euros por megawatio solicitado, polo que no caso de non impulsar un proxecto de parque, a caducidade dos puntos suporía serias perdas para as compañías. Por iso, o sector embarcouse nos dous últimos anos nunha carreira por sacar adiante proxectos, boa parte dos cales non chegarán a ver a luz, segundo Ventonoso. “A nivel estatal, calcúlase que un 60% dos proxectos non van saír adiante”, sinala José Antonio Diéguez.
De feito, xa houbo compañías que desistiron dos seus proxectos, aproveitándose de que o Goberno lles ofreceu devolver os avais se renunciaban ós puntos de conexión antes do 23 de xaneiro deste ano. “En Galicia, xa se desbotaron por esta vía arredor de 500 megawatios eólicos”, apunta Diéguez.
As cifras do 2021 remiten a que a comunidade galega ten unha potencia instalada en parques de 3.800 megawatios. Nos dous últimos anos presentáronse arredor de 125 novos proxectos que chegarían aos 6.800 megawatios adicionais, se ben previsiblemente moitos non chegarán a bo porto.
“O Goberno prorrogou 9 meses a concesión dos puntos de conexión no caso de proxectos maduros, pero en conxunto, haberá moitos proxectos que non dean concluído os trámites en tempo e forma. Houbo moita especulación en torno ós puntos de conexión porque sen eles non é posible sacar adiante un parque éolico”, conclúe Diéguez.
Puntos de conexión e eólica mariña
Os tres principais puntos de conexión que quedarían libres en Galicia serían Meirama, As Pontes e, polo momento, de xeito especulativo, Alcoa. A gran maioría dos parques que se están proxectando están dirixindo as súas redes de evacuación cara eses puntos. Pero, que está pasando agora? Segundo afirma Diéguez, “están plantexándose novos parques eólicos mariños que tamén precisarán puntos de conexión, que serán os mesmos que os dos parques eólicos terrestres”.
Por tanto, o escenario actual apunta a un aumento dos proxectos eólicos no mar que sustituirían a parte das instalacións proxectadas en terra. “No mar, os parques teñen unha eficiencia e unha produtividade moi superior. Estamos falando de aeroxeneradores de ata 10-12 megawatios e máis eficientes que os terrestres, xa que o coeficiente de rugosidade para os ventos é case nulo; é dicir, o vento non se atopa con obstáculos e chega con toda a enerxía ós aeroxeneradores”, explica José Antonio Diéguez.
O potencial da eólica mariña flotante é un dos temas que está tomando cada vez maior espazo no debate sobre as enerxías renovables, debido a que “a potencia xerada, nalgúns casos, podería chegar a ser similar á dunha planta nuclear”, compara o presidente de Ventonoso.
“Unha cuestión clara é que a transición enerxética é imparable e que a enerxía eólica seguirá cobrando peso, acompañada en ocasións doutros proxectos, como o hidróxeno verde ou as centrais hidráulicas ‘reversibles’, que bombean auga a unha balsa superior cando hai sobrantes de enerxía e turbínana cando se precisa”, exemplifica Diéguez.
Comunidades enerxéticas e compensacións para a poboación afectada polos parques, novas tendencias
O Goberno abriu recentemente a posibilidade de que se desenvolvan pequenos proxectos de enerxías renovables impulsados por cooperativas, comunidades de montes, pymes, concellos ou grupos de veciños. As persoas involucradas nunha comunidade enerxética son á vez produtoras e consumidoras da súa propia enerxía. É unha vía, que segundo o Ministerio de Transición Ecolóxica, pode permitir “unha maior democratización do sistema enerxético e un importante aforro para o consumidor final”.
Polo de agora, a creación de comunidades enerxéticas está pouco explotada, cunha vintena de proxectos en toda España. En Galicia, só hai un polo de agora, correspondente á comunidade de montes de Tameiga (Mos, Pontevedra), que instalou paneles fotovoltaicos de autoconsumo.
“Un caso particular de comunidade enerxética poderían ser tamén os parques eólicos singulares que montaron no seu día algúns Concellos galegos, con pequenas potencias de 1-2 megawatios”, profundiza Diéguez.
Compensacións no entorno
Outra vía á que José Antonio Diéguez lle ve perspectivas de futuro é a das compensacións das compañías eléctricas no entorno. “Ata o de agora, as compañías eólicas só lle pagaban ós propietarios, pero houbo xa uns primeiros casos en Mazaricos nos que as empresas se plantearon pagarlle a luz ós veciños próximos ó parque. Estamos falando de zonas con poucas casas, nun dos parques son 8 casas, polo que é un pouco enganoso, pero de cara ó futuro é unha tendencia que podería medrar”, valora Diéguez.