Que pasará coa PAC a partir do 2028?

A Comisión Europea presentou esta semana as súas propostas para o presuposto comunitario do periodo 2028 – 2034. Hai indignación no sector agrario, pois calcúlase unha redución dos presupostos para o agro dun 20%, pero queda por ver que teñen que dicir o Parlamento europeo e os Gobernos nacionais. Boa parte dos Estados membro xa se pronunciaran a favor dunha continuidade da actual PAC, polo que se agardan cambios sustanciais durante as negociacións

Que pasará coa PAC a partir do 2028?

Europa pode quedar sen Política Agraria Común como tal. A Comisión Europea presentou esta semana dúas propostas que afectan ó agro, o marco financieiro plurianual 2028 – 2034 e unha proposta para a PAC 2028 – 2034. Son propostas que disgustan no sector agrario español, pois como se temía, inclúen unha redución de fondos para o agro e unha certa nacionalización da política agrícola comunitaria.

Así, a actual Política Agraria Común quedaría diluída nun fondo estatal rural, no que tamén entraría a pesca e as políticas de cohesión territorial. Desaparecerían ademais os dous piares actuais da PAC (axudas directas e desenvolvemento rural), que quedarían unificados nese mesmo fondo.

É unha proposta que ten agora que entrar a debate no Parlamento e sobre a que terán que opinar os Estados membros. Dadas as posturas previas de boa parte dos Gobernos nacionais, agárdase que esta proposta experimente serios cambios nos próximos meses.

Cómpre lembrar que 20 Estados membros (dun total de 27), entre eles España ou Francia, asinaron esta primavera unha carta na que lle pedían a Bruxelas manter a Política Agrícola Común como estratéxica, independente e autónoma, cunha boa dotación financieira, persoalidade xurídica propia e separada do resto de políticas comunitarias.

O debate está servido nos próximos meses, pois Estados importantes, como Alemania, Holanda e Bélxica, así como os países nórdicos (Suecia, Dinamarca, Finlandia) desmarcáronse desa carta e semellan máis afíns á liña proposta pola Comisión.

Analizamos a continuación o actual escenario, así como as reaccións de organizacións agrarias e cooperativas a nivel galego e do resto de España.

Que obxectivos ten o novo marco financieiro plurianual da UE?

A Comisión Europea explica que Europa encara numerosos desafíos en áres como a defensa, seguridade, migracións ou enerxía e cambio climático. Son cuestións non temporais, senón sistémicas, polo que entende que é preciso un cambio de rumbo das políticas anteriores.

O obxectivo principal da Comisión é ter maior flexibilidade para encarar os novos retos, á vez que establece plans de alianza nacional cos Estados membros para encarar as necesidades locais. Eses plans de asociación nacional integrarán tanto as medidas de apoio ó agro como á pesca e outras de cohesión territorial.

A Política Agraria Común, que leva en marcha desde o 1962, pasaría así a partir do 2028 a diluírse nunha especie de fondo estatal rural.

Que di a Comisión Europea da súa proposta para a nova PAC no periodo 2028-2034?

A Comisión defende que a nova PAC manterá as súas liñas de axudas principais, ofrecendo estabilidade cun presuposto que, segundo asegura en nota de prensa, manteríase “nunha cifra de polo menos 300.000 millóns de euros, para asegurar que o apoio ó agro mantense ó mesmo nivel da actual PAC”.

O apoio á renda da futura PAC modificaríase para incluír a maioría dos actuais pagos, como as axudas agroambientais ou a introdución de novas prácticas. O primeiro e o segundo piar da PAC (axudas directas e medidas de desenvolvemento rural) combinaríanse nun só, en tanto programas como o Leader serían financiados no marco dos plans de alianza nacional.

Haberá ademais un Fondo de Competitividade para medidas de innovación e investigación. Tamén se prevé unha Rede de Seguridade Única para apoiar ó agro en caso de crises de mercado, dobrando os fondos para ese fin da actual PAC.

A idea da Comisión é ofrecer coa PAC un mix de obrigas, incentivos e investimentos que se adapten en cada Estado membro ó seu sector agrario.

Pagos ó agro
Sobre a orientación dos pagos o agro, a Comisión detallou o seguinte:

– Os pagos por superficie enfocaranse a agricultores activos.

– Os apoios dirixiranse a quen máis os necesita, incluíndo persoas mozas, pequenas granxas, explotacións diversificadas e aquelas que operen en áreas con limitacións naturais.

– O apoio a explotacións grandes limitarase a 100.000 euros ó ano de máximo.

– As axudas que ata agora estaban incluídas no primeiro piar da PAC seguirán sendo financiadas pola UE íntegramente.

– Os apoios que estaban ata agora no segundo piar da PAC, como os plans de mellora, seguirán funcionando con cofinanciación estatal (como agora).

– Establecerase un plan de arranque orientado a apoiar novos gandeiros e o relevo xeneracional. Cada Estado membro adaptarao as súas necesidades.

– O apoio ás boas prácticas ambientais e climáticas mantense como un dos obxectivos básicos dos fondos adicados ó agro. Desaparece a condicionalidade a nivel europeo, pero os Estados membros marcarán obrigas das explotacións adaptadas á realidade local.

– Fortalecerase a cadea de valor dos cultivos proteicos.

Reaccións no sector agrario

Unións Agrarias

“Reduciríanse un 25% os fondos para o agro, o que supón en Galicia 76 millóns de euros menos cada ano”

Unións Agrarias fala dunha “enorme preocupación” e pide unha resposta contundente do Goberno e do conxunto de forzas políticas.

“Os fondos PAC pasarán de 386.000 a 300.000 millóns de euros, segundo a proposta que a Comisión Europea vén de facer pública. Uns datos inaceptables que porán en serio risco a capacidade de agricultores e gandeiros para facer fronte ao contexto actual, e que en Galicia significarían suprimir máis de 76,7 millóns de euros anuais”.

Alén da redución de fondos, a organización cuestiona a desaparición do segundo piar da PAC e a renacionalización desta política, o que levará a agravios comparativos entre Estados membros.

Sindicato labrego

“A alimentación deixa de ser unha prioridade e gaña peso a defensa”

O Sindicato Labrego cuestiona que a Política Agraria Común desapareza como fondo propio, xa que vai incluírse nun sobre que se lle dará ós Estados membros para distintas actuacións. “Para a Comisión Europea, a alimentación das persoas deixa de ser unha prioridade e agora as prioridades son a defensa e a dixitalización”, critican.

A organización anuncia que seguirá reivindicando unha Política Agraria Comunitaria forte e cohesionada que responda ás necesidades das persoas agricultoras e da cidadanía europea. Para a organización agraria, a PAC debe garantir un modelo de agricultura máis sostíbel e agroecolóxico e sistemas alimentarios de proximidade, con comida sa e a prezos accesíbeis.

Desde a COAG, organización coa que está aliada o Sindicato Labrego a nivel estatal, poñen o foco no feito de que o segundo piar da PAC se dilúa nun fondo rural de carácter estatal, ligado a un conxunto de políticas (pesca, cohesión territorial, agro).

“Enmascárase así un recorte encuberto sen precedentes”, cuestionan. E analizan que o primeiro piar da PAC (axudas directas) manterase cun presuposto similar, en tanto que desaparecen os fondos do segundo piar (desenvolvemento rural) como tales.

Cooperativas Agroalimentarias de España

“Ponse en risco a seguridade alimentaria de Europa e a sostibilidade do rural”

Desde Cooperativas Agroalimentariars de España inciden tamén no recorte presupostario, de arredor dun 20%. “Ponse en risco a seguridade alimentaria de Europa e a sostibilidade do rural”, cuestionan.

“A actual PAC non será nin Agrícola nin Común, desmantélase. Aínda que a Comisión propón blindar a axuda á renda, obrigando ós Estados a usar unha parte do seus sobres niso, quedan moitas dúbidas sobre ferramentas clave para o futuro do sector”, analizan.

E se a PAC 2028 fose mellor que a actual para o agro galego?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información