Que opcións ten o sector agroalimentario de optar ás axudas Next Generation?

Analizamos as posibilidades que se lle abren ó agro, tanto a produtores como a cooperativas e industrias, de optar ós fondos europeos de recuperación trala Covid

Que opcións ten o sector agroalimentario de optar ás axudas Next Generation?

A Cidade da Cultura acolleu hoxe en Santiago o 8º Foro Next Generation Galicia - Sector Agroalimentario.

A Unión Europea puxo en marcha os fondos Next Generation co obxectivo de axudar a reparar os danos económicos e sociais causados pola pandemia. Do total de fondos, a España adxudicáronselle uns 140.000 millóns de euros, que o Goberno xestionará de acordo co ‘Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia’, no que se detallan os catro eixos sobre os que deben pivotar estes fondos: transición ecolóxica, transición dixital, cohesión social e territorial, e igualdade de xénero.

Que oportunidades terá o agro no Plan de Recuperación do Goberno?. O sector agroalimentario protagoniza un dos 6 Plans Estratéxicos de Recuperación e Transición Económica (Perte) nos que se divide o Plan de Recuperación.

No Perte agroalimentario, que previsiblemente arrancará en xaneiro do 2022, hai dúas grandes liñas de acción: proxectos tractores e convocatorias de axudas.

En canto ós proxectos tractores, de colaboración público – privada, trátase de iniciativas que aspiran a mobilizar un gran volume de fondos públicos. En Galicia, no marco do sector agrario, a Xunta aspira a que o Goberno destine fondos para iniciativas como a creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira, a recuperación de terras agrarias abandonadas ou a posta en marcha dunha macroplanta de tratamento de xurros e outros residuos.

Investimentos públicos e axudas específicas para o sector agroalimentario

Unha segunda vía pola que chegarán fondos ó agro é a través de investimentos públicos e de convocatorias de axudas específicas. Os fondos previstos son uns 1.000 millóns de euros e teñen unha xestión conxunta entre o Ministerio de Agricultura e o Ministerio de Industria.

Previsiblemente, as convocatorias de axudas serán aprobadas polo Consello de Ministros a principios de xaneiro do 2022, segundo sinalou esta semana Enrique Porta, da consultora Kpmg, nunha xornada online organizada por Cooperativas Agroalimentarias de España para analizar os fondos Next Generation.

Os investimentos previstos divídense nas seguintes cuestións:

  • Plan para a mellora da eficiencia e a sostibilidade no regadío: 563 millóns de euros. Dentro deste plan, Galicia beneficiarase de investimentos nos regadíos da Limia, xa pactados entre Xunta e Goberno central.
  • Plan de impulso da sostibilidade e competitividade da agricultura e a gandeiría: 355 millóns de euros.
  • Plan de impulso á sostibilidade, investigación, innovación e dixitalización do sector pesqueiro: 95 millóns de euros.
  • Estratexia de Dixitalización do Sector Agroalimentario e Forestal e do Medio Rural: 38 millóns de euros.

Creación dunha oficina técnica para asesorar ás empresas galegas

A Xunta e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) porán en marcha unha oficina técnica que será a encargada de informar e asesorar ás empresas galegas do sector sobre os fondos Next Generation, segundo anunciou hoxe o conselleiro de Economía, Francisco Conde.

A nova oficina técnica facilitará o desenvolvemento de distintas accións, actuando como observatorio dos programas que se convoquen a nivel estatal e europeo; identificando as oportunidades e definindo os proxectos tractores e singulares compatibles con diferentes programas e liñas.

Tamén prestará asistencia e soporte ás empresas e entidades na preparación, tramitación e presentación de propostas de interese, apoiando a súa tramitación técnica e administrativa e facendo un seguimento e avaliación dos proxectos levados a cabo.

Axudas transversais de interese para o agro e o sector agroalimentario

Ademais das axudas vinculadas ao Perte agroalimentario, poden xurdir fiestras de oportunidade para o sector noutros ámbitos transversais, como poden ser as convocatorias de enerxías renovables para o autoconsumo. Nos casos das axudas transversais, os tempos de solicitude e os recursos tenden a ser máis ben limitados, sen superar as 3 ou 4 semanas desde a apertura dos prazos de solicitude.

Dez convocatorias de axudas e financiación: requisitos e prazos

As axudas orientadas a empresas agrícolas e agroindustriais son moi plurais. No seminario sobre os fondos Next Generation de Cooperativas Agroalimentarias de España, Victor Hugo Osorio, responsable de financiación pública en Insomnia Consulting, destacou as seguintes 10:

1) Axudas a investimentos, dentro do Plan de impulso da sostibilidade e competitividade da agricultura e a gandeiría.

Os beneficiarios son persoas físicas e xurídicas -incluíndo cooperativas- e os obxectivos da convocatoria son a mellora dos sistemas de xestión de estercos en explotacións gandeiras (cunha inversión mínima de 10.000 euros); a modernización e transformación integral de invernadoiros de hortalizas, flor cortada e planta ornamental (160.000 euros hectárea en caso de transformación integral e 100.000 no caso de modernización); realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias, o aproveitamento enerxético de subprodutos gandeiros e, por último, os apoios á agricultura e gandeiría de precisión.

2) Subvencións para a realización de proxectos de investigación aplicada no sector apícola e os seus produtos.

Os beneficiarios das axudas poderán ser cooperativas agrarias, sociedades agrarias de transformación, entidades asociativas prioritarias e agrupacións recoñecidas no sector da apicultura. Os obxectivos céntranse na mellora das condicións xerais de produción e comercialización de produtos apícolas. Esta axuda financia gastos de persoal, de adquisición de equipamento científico-técnico, de investigación contractual, viaxes ou dietas. Aínda que o fin de prazo de solicitude deste ano foi o día 13 de decembro, estas convocatorias son recorrentes para 2022.

3) Subvencións destinadas á inversións en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte de gando por estrada.

Os beneficiarios das axudas serán persoas físicas, xurídicas ou entes sen personalidade xurídica, titulares de centros de limpeza e desinfección rexistrados. A próxima convocatoria está pendente, e a contía máxima da subvención son 70.000 euros no caso de centros existentes e de 140.000 euros no caso dos de nova construcción.

4) Proxectos de innovación e inversión no sector pesqueiro e acuícola.

O prazo de solicitudes está aberto todo o ano.

5) Incentivos rexionais, nos que se inclúen empresas do sector agroindustrial.

Esta tipoloxía introduce subvencións a fondo perdido cunha aportación porcentual determinada por cada comunidade autónoma, oscilando entre o 10 e o 55% do orzamento total. Poden presentarse industrias transformadoras e diversos sectores de actividade que procuren a ampliación da capacidade produtiva, a modernización do negocio ou a creación dun novo establecemento.

Nos incentivos rexionais, Galicia subvenciona un 35% en pequenas empresas, un 25% en medianas e un 15% en grandes empresas

6) ENISA liña de crecemento.

A empresa pública vencellada ao Ministerio de Industria está dedicada á financiación de proxectos empresariais. O que procuran estas axudas é financiar as propostas innovadoras de negocios viables que teñan como finalidade a expansión do seu negocio, aplicar avances tecnolóxicos para ampliar a capacidade produtiva. As características principais son os prazos de amortización (9 anos e ata 7 de carencia), con dous tramos de intereses.

7) ENISA Agroimpulso.

É un programa enfocado á dixitalización das pymes. O obxetivo fundamental céntrase no impulso á transformación dixital de pequenas e medianas empresas do sector agroalimentario e do medio rural. O total da convocatoria son 13 millóns de euros e as condicións son as mesmas que na liña de crecemento.

Os importes de ENISA na liña de crecemento e no Agroimpulso van desde os 25.000 euros ata o 1.500.000 euros

8) FAIIO )Fondo de Apoio á Inversión Productiva) para empresas agroindustriais.

Este fondo pretende axudar a inversión produtiva en empresas, e en xeral, financia empresas que desenvolvan ou vaian desenvolver unha actividade industrial produtiva e de servizos industriais. As empresas solicitantes poderán presentar a súa candidatura os 365 días do ano. Os proxectos financiaranse ata un máximo do 75% do total.

9) Liña CDTI. Proxectos de investigación e desenvolvemento (PID).

Diríxese a empresas do sector agrícola e agroindustrial. Aquí encáixanse proxectos de investigación e desenvolvemento de carácter aplicado para a creación e mellora significativa dun proceso produtivo, no que se engloban tanto actividades de investigación industrial como de desenvolvemento experimental. En función do tamaño da empresa, existe un tramo de subvención non reembolsable -entre o 20 e o 33%- e exención de garantías.

10) Liña CDTI. Proxectos de innovación (LIC) para empresas do sector agrícola e agroindustrial.

A semellanza co proxecto anterior exposto, a finalidade destas axudas é dar apoio económico a aqueles proxectos que desenvolvan tecnoloxías novidosas que non se apliquen hoxe en día, ou adapten tecnoloxías xa existentes a novos sectores. A data de solicitude é ata o 30 de setembro de 2022.

.

Higinio Mougán. Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca)

“A nosa preocupación é que esas axudas cheguen ó sector para afrontar os retos medioambientais e de modernización”

Galicia está pendente de ver como se plasman e articulan as novas axudas que proveñen dos fondos europeos. “As preocupacións de Agaca céntranse en ver como se establecen esas liñas de axuda para facelas chegar ó colectivo de profesionais do agro, así como a aquelas persoas e entidades que rodean ó sector agroalimentario”, avanza Higinio Mougán, director xerente de Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias).

As liñas de axudas ligadas ós fondos Next Generation arrancaron este ano e teñen un periodo de aplicación curto, pois teñen que estar decididas a finais do 2023, con catro anos a maiores de periodo de aplicación.

Mougán considera que estes apoios poden axudarlle a Galicia a sumarse ás transicións ecolóxicas e tecnolóxicas necesarias, ademais de a facerlle fronte ás esixencias -cada vez maiores- da PAC.

As expectativas de Agaca sobre estes incentivos económicos son positivas para afrontar os novos desafíos que se impoñen. En definitiva, “os fondos Next Generation poden axudar a afrontar os retos medioambientais e de dixitalización do sector”, valora Higinio Mougán.

A que debería estar atenta a xente do sector nestes momentos?. “O que sabemos é que saíu un real decreto do Ministerio de Agricultura onde se citan unha serie de liñas de axudas concretas para investimentos, en relación á integración de novas tecnoloxías, a invernadoiros, de xestión de puríns, etc. O noso prognóstico é que a convocatoria debería ser moi próxima”, subliña o director xerente de Agaca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información