Que manexo facer para mellorar a produtividade nas ganderías de caprino?

Unha investigación do Serida estima a carga gandeira óptima nos rabaños de cabras e revela a importancia de proporcionar pastos de calidade e acceso a uceiras para garantir un equilibrio na alimentación das reprodutoras e das crías

Que manexo facer para mellorar a produtividade nas ganderías de caprino?

Unha investigación levada a cabo polo Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentación de Asturias (Serida) afonda sobre o manexo que se debe facer nas ganderías de caprino para obter uns rendementos óptimos, atendendo tanto ás necesidades das nais como das crías. O estudo foi desenvolvido por un equipo de investigadores integrado por Rafael Celaya Aguirre, Urcesino García Prieto e Koldo Osoro Otaduy, todos eles da área de Sistemas de Produción Animal do citado servizo.

Os expertos realizaron un estudo en campo sobre os efectos que a carga gandeira, a relación entre o número de animais e a superficie pastable dispoñible, ten sobre o manexo que se fai do gando. En xeral, a carga relaciónase inversamente cos rendementos animais individuais, é dicir, canto maior sexa a carga haberá menor cantidade de pasto dispoñible por animal.

Por outra banda, a carga gandeira tamén está relacionada coa produción total por hectárea, ó obterse máis crías para a venda. Ademais, a investigación tamén ten en conta os efectos da carga no rendemento do animal, en base á biomasa e á calidade do pasto que inxiran as cabras e a dispoñibilidade de pasto, xa que afecta ó estado sanitario do rabaño.

Recomendan unha carga gandeira de 15 cabras por hectárea para un aproveitamento óptimo

Tendo en conta todos estes factores e en base ós datos recollidos na investigación, os expertos apuntan a que unha carga gandeira de 15 cabras por hectárea permitiría facer un aproveitamento óptimo tanto do pasto como garantir unhas condicións axeitadas para as reprodutoras e os cabritos. Aínda así, os expertos matizan que se trata de recomendacións orientativas. “Na práctica é imposible recomendar unha carga óptima concreta, debido á natureza cambiante do pasto dispoñible, tanto na cantidade como na composición”, detallan os expertos.

Os seus estudos serven de referencia para unha ampla gama de prados e pradeiras dominados por gramíneas, pero inciden que o manexo debe ser flexible para axustar o número de animais segundo o momento e o estado do pasto.

Os efectos da carga gandeira

O equipo de investigación realizou un experimento para afondar nas pautas de manexo a seguir para conseguir maximizar a produción caprina. Así, realizaron un experimento entre os anos 2010 e 2012 na finca experimental do Carbayal (Eilao-Illano, Asturias) na que estableceron tres pares de parcelas con distintas superficies: 0,3, 0,6 e 0,9 hectáreas, todas elas con pasto mellorado de raigrás inglés (Lolium perenne) e trevo branco (Trifolium repens). No primeiro par manexaron 6 cabras lactantes por parcela, o que sería unha carga alta, de 20 cabras por hectárea; na segunda contaron cunha carga media de 15 cabras por hectárea e na terceira unha carga baixa de 10 cabras por hectárea.

Contaron cun total de 48 cabras cachemira coas súas crías, comezando a estación de pastoreo en abril e tras unha desparasitación. Os cabritos nacían en marzo e destetábanos en xullo, mentres que o pastoreo das nais continuaba ata outubro.

Neste tempo observaron que a carga gandeira afectou significativamente á altura media da herba, cun maior consumo canto máis se incrementaba a carga. En cambio, a composición botánica non presentou moitas variacións. Tampouco a calidade nutritiva dos pastos se resentiu, pese a que se incrementara a cantidade de follas e materia morta cando se reduce a carga gandeira.

Pola contra, incrementar a carga gandeira trouxo efectos sobre a produción e a sanidade dos animais. Así, houbo unha maior infestación parasitaria, canto maior foi a carga de gando, ó producirse unha maior excreción fecal de ovos de parasitos por unidade de superficie e unha menor altura de herba dispoñible.

Ademais, o experimento permitiu comprobar que canto menor era a carga, mellores resultaron os rendementos individuais nas cabras. Durante a lactancia, as cabras manexadas a carga alta perderon peso (43 gramos por día) e condición (-18), mentres que as manexadas a carga media ou baixa mantiñan máis ou menos o peso vivo e chegaron a mellorar a súa condición corporal.

Tabla-1_-Variaciones-de-peso-vivo-de-las-cabras

Variacións de peso vivo (PV) e condición corporal (CC) das cabras manexadas en pastos mellorados de monte a 3 cargas gandeiras.

No caso dos cabritos, aínda que inicialmente tamén responden mellor canto menor é a carga gandeira, no balance absoluto dende o inicio do pastoreo ata o destete resultaron máis favorables as cargas altas e media (105 quilos por hectárea) en comparación co peso que obtiñan os cabritos alimentados nas parcelas cunha carga gandeira baixa (75 quilos por hectárea).

Tabla-2_-Ganancias-de-peso-vivo-final

Ganancias de peso vivo (PV) e PV final ó destete dos cabritos (por animal e por hectárea) criados coas súas nais en pastos mellorados de monte a 3 cargas gandeiras.

Á hora de establecer unha carga óptima para maximizar a produción, os expertos recomendan buscar un equilibrio de xeito que non se prime só obter cabritos con maior peso e calidade, senón que se procure tamén un maior benestar para as nais, de modo que se garanta a súa condición corporal antes da invernada para reducir os gastos en alimentación e asegurar que preñen.

Non só pasto de calidade

Outro dos aspectos nos que incidiu esta investigación é na importancia de proporcionar pastos mellorados mediante a fertilización e a sementeira de especies de calidade para cubrir as necesidades enerxéticas deste gando. Porén, á marxe deste pasto, os expertos tamén inciden en facilitar o acceso a uceiras ou zonas de matogueira para evitar que os animais terminen desenvolvendo parasitos internos.

Tal e como recolle a investigación, as uces teñen un efecto antiparasitario contra os nematodos gastrointestinais, que contribúen a mellorar os rendementos das cabras. Por iso, apostan por manexos alternativos onde os animais poidan acceder tamén a este tipo de alimentación que lle aporta certos compoñentes químicos como os taninos, que axudan a limitar a aparición de parasitos internos. “No canto de manexar os rabaños exclusivamente en pastos herbáceos ou mellorados, sería máis conveniente que as cabras tiveran acceso a uceiras próximas co fin de mellorar o seu estado sanitario e nutricional”, conclúen os investigadores.

-Consulta aquí a investigación máis en detalle.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información