Que logrará a etiquetaxe en orixe dos lácteos ante unha balanza comercial negativa de 1,9 millóns de toneladas?

Unións Agrarias demanda unha campaña institucional sobre a calidade e as garantías sanitarias do leite producido en España. Cuestiona o escaso cumprimento do acordo lácteo e critica a industrias e distribución

Que logrará a etiquetaxe en orixe dos lácteos ante unha balanza comercial negativa de 1,9 millóns de toneladas?

O secretario xeral de Unións, Roberto García (centro), xunto a Óscar Pose (esquerda) e Javier Iglesias, hoxe en rolda de prensa.

O decreto que obrigará á etiquetaxe en orixe do leite e dos produtos lácteos a partir de xaneiro é un dos poucos froitos visibles dun acordo lácteo que o sector gandeiro considera fallido. Unións Agrarias presentou hoxe un balance do acordo lácteo e aproveitou para trasladar propostas de traballo. Unha das prioridades para a organización pasa por aproveitar a oportunidade da etiquetaxe en orixe dos lácteos, de xeito que haxa unha campaña institucional que promova a calidade e garantías sanitarias da produción española.

A balanza comercial de España en leite presenta un déficit de case 1,9 millóns de toneladas de leite equivalente, segundo os cálculos de Unións Agrarias. No 2017, importáronse lácteos por un volume de 3,4 millóns de toneladas de leite e exportáronse por volume de 1,5 millóns de toneladas. Esa diferenza de 1,9 millóns de toneladas poderíase recurtar en teoría con aumentos progresivos da produción das ganderías españolas, se ben o sector é consciente de que non é tarefa fácil.

A baixada da importación de leite e produtos lácteos en cisternas é o gran obxectivo da etiquetaxe en orixe. Máis difícil será competir cos queixos importados

O principal obxectivo céntrase en reducir as importacións de leite en cisternas, así como de produtos lácteos para a súa transformación industrial en España. Tamén se espera que a entrada de leite e outros lácteos envasados queden retratados ante os consumidores pola ausencia da mención á orixe española nas etiquetas.

Máis complicado preséntase o panorama nos queixos, que copan as dúas terceiras partes das importacións españolas en leite equivalente. Os liñais de queixos das grandes cadeas da distribución están dominados polos queixos europeos, unha competencia en prezo e variedade de oferta ante a que o sector queixeiro español de vacún vese impotente.

Tres anos do acordo lácteo
Este mes cumpriuse o terceiro aniversario do acordo lácteo e tamén se cumpre outro aniversario, o do ano que hai que non se reúne a comisión de seguemento do acordo, que en principio ía ter reunións trimestrais, con participación das industrias, cooperativas, cadeas de distribución e organizacións agrarias firmantes. Unións Agrarias urxe ó Ministerio de Agricultura a reactivar a comisión de seguemento do acordo e marca tres temas prioritarios.

“O leite no supermercado non debería baixar de 68 céntimos e temos tódolos días ofertas no entorno dos 55 céntimos” (Roberto García, Unións)

O primeiro, o xa falado da campaña para promover o leite en orixe. O segundo, a abordaxe da situación da cadea de valor do leite, “cuns grupos de distribución que seguen usando o leite como produto reclamo e cunhas industrias que están aumentando beneficios a conta dos gandeiros”, cuestiona o secretario xeral de Unións, Roberto García. E un terceiro punto, a negociación de prezos do leite no campo en liña coa tendencia á alza que se está a rexistrar en Europa.

O balance que fai Unións Agrarias dos tres primeiros anos do acordo lácteo é claramente negativo, marcados pola banalización do leite nos supemercados e por uns prezos do leite no campo que non se corresponden -din- cos beneficios das industrias. “O prezo do leite no supemercado non debe baixar de 68 céntimos e estamos vendo ofertas tódolos días no entorno dos 55 céntimos”, cuestionan.

A organización agraria apunta tamén á revalorización que experimentou a graxa láctea nos últimos anos, da que considera que se beneficiaron as industrias en moita maior medida que os gandeiros. Unións agarda que nos próximos meses as organizacións de produtores cobren peso real na negociación do leite no campo, unha vez que se publique o decreto de reforma do Paquete Lácteo. “É unha mágoa que aquí en Galicia teñamos unha Consellería que en lugar de apoiar ás organizacións de produtores, se adica a boicotear a Ulega -a organización de produtores impulsada por Unións Agrarias-, deixándonos tódolos anos á marxe das axudas que convoca para OPs”, critica Roberto García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información