Que lle piden os consumidores europeos ós alimentos?

Dous terzos da poboación estaría disposta a cambiar os seus hábitos por razóns ambientais pero só un 20% se declara disposta a pagar máis por ese motivo

Que lle piden os consumidores europeos ós alimentos?

Interior dun supemercado. / Arquivo.

Unha enquisa sobre a transición a unha alimentación máis sostible, realizada por unha organización de consumidores europea (Beuc), deixa interesantes conclusións. Só un 10% dos consumidores pensa que o que come ten impacto sobre o medioambiente, en tanto un 63% descarta que haxa ningunha relación entre os alimentos que elixe e o impacto ambiental que xera.

Por países, chama a atención que en países do Sur como España, Italia, Portugal ou Eslovenia hai unha maior porcentaxe de consumidores que declaran prestar atención ós impactos ambientais da alimentación, en comparación con países do Norte como Alemania, Bélxica, Holanda ou Eslovaquia.

A enquisa realizouse en 11 países da UE, con 1.000 consumidores por país, de diferentes idades, xénero, estudos e ubicación xeográfica. O traballo de campo fíxose antes da crise da Covid-19, se ben as conclusións publicáronse estes días, polo que a organización de consumidores deixa tamén a súa opinión sobre as tendencias de consumo que xerará a crise do coronavirus.

Estas son algunhas das principais conclusións do traballo, que ten un enfoque claramente ambiental.

1) O consumidor tipo ignora o impacto ambiental da súa elección de alimentos

Só un 10% dos consumidores é consciente de que o que come ten efectos sobre o medioambiente. Por exemplo, poucos consumidores se percatan ou evalúan a pegada ambiental que deixa o transporte de alimentos que chegan de fóra da UE.

Máis da metade dos consumidores (53%) non queren que ninguén lles diga o que debe ou non comer.

A organización de consumidores é partidaria de aumentar a educación e as campañas informativas sobre esta cuestión. Mesmo propón implantar un etiquetado que indique a sostibilidade dos alimentos.

2) Boa parte dos consumidores asocian a idea de ‘alimento sostible’ a un baixo impacto ambiental e á ausencia de pesticidas ou transxénicos

Cando se lles pregunta que é un alimento sostible, a maioría dos consumidores decántase por un produto con baixo impacto ambiental (48%), sen uso de transxénicos ou pesticidas (42%) e con cadeas de suministro locais (34%).

En Bélxica e Holanda destaca o feito de un terzo dos consumidores asocian o concepto a ingresos xustos para o produtor, se ben os autores da enquisa consideran que iso débese a que as preguntas foron formuladas nun intre de protestas do agro.

A organización de consumidores tamén incide en que se a pregunta fose formulada a día de hoxe, trala crise da Covid-19, é probable que no concepto de sostibilidade aumentase o peso da seguridade alimentaria, é dicir, a importancia de ter alimentos dispoñibles e accesibles. Tamén que os consumidores considerasen como máis importantes as cadeas locais de suministro.

De feito, un estudo desenvolto en Suiza proba que durante a crise da Covid-19 houbo un aumento da tendencia de compra cara alimentos locais, cun aumento de consumidores que teñen intención de aumentar a compra desa gama de alimentos ou de mercarlle directamente ás granxas.

Desde a organización de consumidores europea avogan por unha definición clara de sostible e por un etiquetado que lle ofreza información útil ás persoas. “Unha serie de indicadores distintos correspondentes a varios compoñentes pode ser preferible a unha etiqueta / logotipo que agregue diferentes atributos de sostibilidade”, considera a entidade.

O caso dos ‘Productos Lácteos Sostenibles (PLS)’
En España, un exemplo dun etiquetado dun producto como sostible é o caso do leite, no que hai anos se popularizou o logo PLS (Producto Lácteo Sostenible) nos envases. Foi un logo creado trala crise de prezos do 2015 e que nacía para identificar o leite que tivese unha remuneración xusta ó longo de toda a cadea, pero axiña perdeu ese sentido, posto que marcas que se vendían a baixos prezos nos lineais tamén usaban ese logo, e o consumidor nunca recoñeceu a súa función.

3) O 80% dos consumidores non queren pagar máis por produtos máis sostibles

Seis de cada dez consumidores declaran que as preocupacións ambientais teñen algunha influencia nas súas decisións de compra (42%) ou moita influencia (16%), pero só hai un 20% que estea disposto a pagar máis por alimentos máis sostibles.

A porcentaxe sobe ó 29% cando se lles pregunta se estarían dispostos a pagar máis a cambio de que os produtores teñan ingresos xustos.

Desde a organización de consumidores europea consideran que é importante que coa crise da Covid-19 non se encarezan as opcións de alimentos sostibles: “Os consumidores non as deben percibir como máis caras que as convencionais”, advirten. Consideran que iso pode lograrse con cadeas máis curtas de comercialización ou coa promoción dun menor consumo de carne.

Outro problema sitúao a entidade na falta de información á que teñen acceso os consumidores. A organización avoga por medidas como informar nas etiquetas sobre a orixe dos alimentos e os seus modos de produción e transporte.

4) Un terzo dos consumidores di ter reducido o seu consumo de carne roxa

Arredor dun 35% dos consumidores declara estar reducindo o seu consumo de carne roxa, en tanto un 6% di que deixou de consumila (De media, un 4,6% dos enquisados declararon ser vexetarianos ou veganos).

Preguntados sobre o consumo de produtos lácteos, un 56% di non estar disposto a reducilo e só un 20% estaría disposto a facelo.

En canto a alternativas ás proteínas cárnicas, só hai un 10% de consumidores que estaría disposto a comer insectos e un 13% carne de laboratorio. A alternativa máis aceptada (60%) son as legumes.

A organización de consumidores europea é partidaria de que os produtos vexetais se poidan comercializar con nomes ligados á carne, como hamburguesa vexetal, algo no que un 20% dos consumidores non está de acordo en ningún caso.

5) Os consumidores queren normas máis estrictas no campo

Unha porcentaxe importante de consumidores (39%) pensa que os produtores deberían estar obrigados a producir alimentos máis sostibles. A maioría dos consumidores (53%) está de acordo en que os agricultores teñan axudas para lograr unha produción máis sostible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información