Gran parte da madeira que se vende ou se compra cada día en Galicia leva un selo de certificación forestal, ben o FSC, ben o PEFC ou ambos. Eses selos permítenlle á industria forestal garantir que o manexo dos bosques dos que procede a súa madeira cumpre cuns requisitos de sustentabilidade e de respeto ó medio natural.
A certificación forestal non é novidosa, pois cúmprense xa 24 anos do nacemento do selo FSC, pero a súa importancia foi medrando cos anos. Se nun principio se trataba dun proceso que lle aportaba á madeira un plus de marketing, agora convertiuse en case obrigatorio para acceder ós mercados internacionais.
A tendencia apunta a que o prezo estándar de mercado sexa o da madeira certificada. O resto terá penalizacións
Os dous selos máis coñecidos, FSC e PEFC, están plenamente integrados no día a día do sector forestal galego, pero queda aínda un longo traballo para que a comprensión do que representa a certificación chegue a todos os propietarios. Falamos co Grupo de Certificación Forestal Alvariza, que aglutina a pequenos propietarios galegos, para explicar como é o proceso de certificación e os seus beneficios para o silvicultor.
Prezo maior
O beneficio máis evidente do proceso de certificación dun monte é a venda da madeira a un prezo maior. En eucalipto para pasta de papel, a dobre certificación PEFC e FSC implica prezos a maiores para o propietario de ata 3 euros por tonelada sobre o valor do mercado, segundo as tarifas vixentes de Ence e doutras industrias. En madeira para taboleiro (eucalipto ou piñeiro), estase a pagar entre 1 e 2 euros máis por tonelada.
A tendencia apunta a que o prezo estándar de mercado sexa o da madeira certificada. Se hai uns anos se falaba das primas por dispoñer dos selos FSC ou PEFC, na actualidade hai que falar máis ben de penalizacións no prezo no caso de montes non certificados.
“O habitual é que a persoa ou empresa que merca a madeira lle indique ao propietario que o prezo que se lle oferta é para madeira certificada”, explica Manuel Beiro, de Asefor, a empresa de enxeñería forestal que xestiona o Grupo de Certificación Alvariza.
En montes que non estaban previamente certificados, a certificación pode facerse antes da corta cuns trámites sinxelos.
Documento de xestión forestal
“Cando nos encargamos nós do proceso, falamos co propietario, visitamos as parcelas a certificar e explicámoslle as vantaxes que vai ter coa certificación. O traballo, no noso caso, inclúe a elaboración dun documento de xestión para o propietario, a efectos de que conte cunha guía que oriente o seu traballo (cortas, plantacións, desbroces, etc.)”, destaca Manuel Beiro.
“Entregámoslle ao propietario un documento de xestión, coa cartografía das súas parcelas, para orientar o seu traballo”
“O plan incorpora ademais a cartografía das súas parcelas, sinalando as afeccións que teñen en cada caso (Augas de Galicia, Patrimonio, Rede Natura, Tecor, etc.), de xeito que a persoa teña unificada toda a información que precisa das súas fincas”, sinalan desde Alvariza.
Outra das vantaxes do documento de xestión é que lle permite ao propietario anticiparse ás esixencias legais ao respecto. Desde maio do 2020, en Galicia non se poderán facer cortas en parcelas que non conten cun plan de ordenación ou que non se adhiran a un dos modelos silvícolas de referencia.
Asesoramento
As vantaxes da certificación complétanse co asesoramento que se lle presta ao silvicultor. “Queremos que o propietario forestal sinta que forma parte dun sistema”, subliña Manuel Beiro.
“A certificación é unha ferramenta para que persoas que herdaron unha pequena propiedade poidan facer xestión forestal”
“O Grupo de Certificación Forestal permítelle ter un asesoramento básico en cuestións como cumprimento da lexislación (distancias, especies permitidas, manexo, etc.) ou axudas ás que pode acceder. É un primeiro paso para que persoas que herdaron unha propiedade ou que a tiñan descoidada dispoñan de ferramentas para facer unha xestión forestal axeitada”.
O proceso de certificación nos selos FSC ou PEFC implica un compromiso de permanencia de 5 anos. “En xeral, a xente valora o sistema de xeito positivo, xa que ten uns beneficios claros e o custo da certificación págase no intre da corta, compensando ampliamente o gasto co prezo que se cobra a maiores”, destacan desde Alvariza.
Asefor, sete anos de experiencia na certificación
Asefor é unha empresa de enxeñería forestal que comezou coa certificación forestal hai sete anos. Desde hai catro anos, xestiona o Grupo de Certificación Alvariza, achegando a certificación aos pequenos propietarios forestais e comunidades de montes veciñais.
“Un dos requisitos que implica o proceso é o de respetar as leis relativas á xestión de montes”
“Son moitos os retos ós que se enfronta a xente do rural en Galicia, pero a través da certificación forestal avánzase no seu coñecemento do sector e permíteselles estar á altura das demandas do mercado mundial de produtos forestais”, destaca Manuel Beiro.
“É tamén a través da certificación forestal e da metodoloxía de traballo de Asefor como se crea unha canle para divulgar entre os propietarios a normativa que lle afecta ao monte galego. Cómpre lembrar que un dos requisitos que implican as normas de certificación é o de respetar as leis relativas á xestión dos montes e dos recursos forestais”.
Esa mellora da xestión que implica a certificación é ademais primada pola Administración Forestal a través dunha maior puntuación nas solicitudes de axudas ligadas á actividade forestal.
Proceso de certificación
O proceso de acceso á certificación é sinxelo e rápido. A partir dunha solicitude previa, o equipo técnico de Asefor ofrécelle unha formación á persoa solicitante sobre os aspectos máis importantes da certificación e elabora toda a documentación necesaria, para o que estuda as características e usos dos seus montes.
Os selos FSC e PEFC no día a día
O traballo de certificación no monte plásmase en última instancia en multitude de produtos que teñen á madeira como materia prima. Os selos PEFC ou FSC poden verse diariamente en produtos como os tetra-bricks da neveira, paquetes de folios ou mobles e material de construción.
“O futuro dos bosques está nas mans daqueles que os xestionan e viven relacionados co medio natural e rural. A certificación apórtalle valor engadido aos produtos forestais e achégalle aos propietarios coñecemento para a xestión dos seus montes” -conclúen desde Alvariza-. “Eses beneficios repercutirán nun mellor futuro para os recursos e para a vida das persoas”.