Que importancia ten a morfoloxía da vaca frisoa para os resultados da granxa?

Santiago Mato, cualificador de Conafe, analiza como inflúe a morfoloxía do animal na rendibilidade económica da granxa de leite. Ter animais mellores permite lograr case 40.000 litros máis na produción vitalicia da vaca

Que importancia ten a morfoloxía da vaca frisoa para os resultados da granxa?

A vaca Wolfhard Schulze foi clasificada como Excelente por Conafe, con 96 puntos. Tivo 6 lactacións e unha produción vitalicia de 92.600 quilos de leite.

Como inflúe a morfoloxía das vacas na rendibilidade económica da granxa? Investir en animais mellores tradúcese en mellores resultados para a gandería? Santiago Mato, gandeiro de Silleda (Pontevedra) e cualificador da Confederación de Asociación de Frisoa Española (Conafe) durante máis de 20 anos, analiza como inflúe a morfoloxía do animal no éxito da gandería de leite.

Mato presentou nunha xornada técnica organizada por Africor Pontevedra algúns dos resultados dun estudo sobre a morfoloxía das vacas frisoas. No traballo, realizado dende o 2015, contabilízanse case 840.000 vacas, que se deron de baixa en ganderías de toda España. En concreto, analizaron como a morfoloxía inflúe en aspectos fundamentais para a granxa como a produción de leite, tendo en conta as cifras diarias, así como a produción vitalicia, ademais de na lonxevidade, no benestar e na rendibilidade das ganderías. “Se tentamos ter animais mellores, aqueles cunha puntuación morfolóxica máis alta, conseguimos un aforro para a gandería”, sinala.

“Se tentamos ter animais mellores, aqueles cunha puntuación morfolóxica máis alta, conseguimos un aforro para a gandería”

O estudo traballa co sistema de puntuacións que manexa Conafe para a clasificación das vacas en función das súas condicións morfolóxicas. Deste xeito, as vacas mellores son as consideradas Excelentes (EX) con 90 puntos ou máis, as Moi Boas (MB) teñen entre 85 e 89 puntos, as Máis que Boas (BB) conseguiron entre 80 e 84 puntos. Mentres, as Boas (B) sitúanse entre os 75 -79 puntos e as Regulares (R) teñen entre 70 e 74 puntos e os peores animais levan a clasificación de Insuficiente (IN) con entre 60 e 69 puntos.

Neste estudo, a maioría das vacas tiña unha cualificación entre 77 e 82 puntos. Nestas cifras incluíanse máis de 600.000 vacas. Así, a maior parte dos animais obtiveron unha cualificación B (377.651 vacas) ou BB (377320 exemplares), mentres que nos baremos tanto de mellores condicións (MB ou EX) reducíanse a 44.844 e 1.830 vacas respectivamente en cada unha desas categorías. O mesmo acontece nas cualificacións de peores puntuacións (IN ou R) onde case non se valoraron vacas e só se rexistraron 36.025 da categoría R e como IN contabilizáronse 876 vacas.

A produción de leite

Un dos indicadores que amosa a importancia da morfoloxía do animal na rendibilidade económica da granxa é a produción de leite. O incremento dos litros de leite xa se comproba na produción diaria do animal. Abonda con comparar os animais coa mellor cualificación -con 93 puntos- que acadan os 40 litros de media ó día cunha das vacas coas puntuacións máis baixas -67 puntos- onde a media se sitúa nos 26,6 litros. “A morfoloxía do animal é importante para a produción diaria da vaca”, indica Mato.

Na produción diaria, pese a diferencia que existe entre os mellores e peores exemplares, o incremento da produción é paulatino, sen grandes saltos entre categorías. Así, canto maior puntuación van tendo os animais, supón un maior volume de litros e mellora a rendibilidade da granxa.

Producion Diaria _Conafe

Produción diaria das vacas segundo a súa cualificación.

A produción vitalicia da vaca é para Mato o mellor indicador tanto da rendibilidade económica do animal na granxa como da influenza que a morfoloxía ten para lograr mellores resultados. “Hai que ir deixando atrás fixarse na produción diaria e pensar en termos de produción vitalicia”, apunta o cualificador.

“Unha vaca MB (85- 89 puntos) produce de media uns 19.800 litros máis que unha vaca cualificada con IN”

A diferenza do que acontece coa produción diaria, que é máis lineal entre as diferentes categorías, na produción vitalicia hai unha gran diferencia non só entre os animais que se atopan nos extremos das clasificacións, é dicir entre os mellores e peores, senón tamén en canto se conta con animais de máis de 85 puntos (vacas cunha cualificación de MB). Así, as vacas cunha puntuación máis baixas quedan cunha produción vitalicia por debaixo dos 30.000 litros e mentres que non se chega a vacas clasificadas como MB non se superan os 35.000 litros. Porén, en canto se trata de vacas coa clasificación MB chégase ós 45.000 litros. “Contar con vacas MB supón unha suba de 10.000 litros por vaca”, detalla Mato. Tanto é así que unha vaca MB (85- 89 puntos) produce de media uns 19.800 litros máis que unha vaca cualificada con IN (cando non supera os 69 puntos).

Produción vitalicia segundo a clasificación do animal.

Produción vitalicia segundo a clasificación do animal.

Se se compara a produción vitalicia das vacas clasificadas como Excelentes coas Insuficientes, a diferenza dispárase, logrando 39.500 litros máis na vida do animal. A clave para este incremento está no número de partos. “O obxectivo é que as vacas boten na granxa máis de 3 partos, xa que ese é un dos requisitos para clasificarse como Excelentes”, apunta Mato. Mentres as vacas Insuficientes teñen de media uns 2,7 partos, no caso das Excelentes pásase a dobrar esa cifra, posto que de media logran 4,7 partos. Son animais máis lonxevos e produtivos.

Mato incide ademais en que non só hai diferenza entre os extremos, é dicir, entre os mellores e peores animais, se non que hai tamén un salto importante entre os animais MB que pode ser moi interesante para as granxas. Así, entre as vacas BB e MB, onde non se chega a lograr un parto máis, pero si se incrementa a media de partos, lógrase un incremento da produción vitalicia de case 20.000 litros.

Media de partos e de produción vitalicia das vacas en función da súa clasificación.

Media de partos e de produción vitalicia das vacas en función da súa clasificación.

Con todo, Mato recomenda traballar co obxectivo de ter mellores vacas na granxa, xa que de ter vacas Máis que Boas (BB) a telas Excelentes (EX) hai case 2 partos de diferenza o que vai marcar unha distancia importante nas cifras de produción vitalicia na granxa, e polo tanto na rendibilidade do animal e da granxa. “Esa diferenza de case 2 partos tradúcese en case 32.000 litros de leite máis na vida da vaca”, sinala.

“A vaca Insuficiente non se elimina tan rapidamente da granxa. Botan de media máis de 2 partos na gandería”

Á marxe das cifras que logran os mellores animais, Mato tamén insiste en ter presente que os peores animais aínda permanecen na granxa de media 2,7 partos, o que incide de xeito directo na rendibilidade da granxa. “A vaca Insuficiente non se elimina tan rapidamente da granxa. Botan de media máis de 2 partos na gandería”, sinala.

Mato recorda ademais que os datos deste último estudo realizado por Conafe continúan na liña doutros traballos realizados en anos anteriores, nos que xa se demostraba a relación directa entre a morfoloxía do animal e a rendibilidade na granxa. “No estudo realizado no ano 2000 vimos a mesma evolución, só que con cifras de produción máis baixas en comparación coas que se acadan na actualidade, pero a distribución é a mesma”, conclúe o cualificador de Conafe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información