Que futuro ten o piñeiro radiata en Galicia?

A Fundación Arume trasládalle á Consellería de Medio Rural a necesidade de declarar a emerxencia sanitaria nas masas de piñeiro radiata, seriamente afectadas pola enfermidade das bandas. Advirte de que esta conífera se enfronta a un risco de desaparición a medio prazo na comunidade

Publicidade
Que futuro ten o piñeiro radiata en Galicia?

Piñeiro radiata afectado polas bandas. / Arquivo.

O monte galego enfróntase nas últimas décadas a unha importante regresión dos piñeirais, pois nos últimos 15 anos perdéronse 140.000 hectáreas (9.300 hectáreas / ano), segundo se desprende dos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia. É unha perda de superficie debida a múltiples factores (expansión do eucalipto nitens, lumes, etc.), pero que na actualidade se está a agravar pola extremada incidencia da enfermidade das bandas, que afecta especialmente ás superficies de piñeiro radiata.

Os piñeirais de radiata, que representan case o 50% das cortas de coníferas en Galicia, enfróntanse a un risco de desaparición a medio prazo se non se adoptan medidas inmediatas. Para enfrontar o problema, a Fundación Arume propón un plan de choque que pase, en primeiro lugar, pola declaración de emerxencia sanitaria nos piñeirais de radiata. O obxectivo de tal declaración é a de posibilitar a aplicación urxente nesta primavera de tratamentos preventivos gratuítos en montes privados.

A proposta incluiría a declaración da utilidade pública dos tratamentos en áreas estratéxicas, de xeito que sexa posible o acceso e actuación da Administración en predios privados por causas de interese xeral. Os tratamentos serían executados con medios públicos, se ben a Fundación Arume ofrece o apoio dos equipos da cadea forestal para promover e facilitar as actuacións.

As principais superficies de piñeiro radiata en Galicia sitúanse na provincia de Lugo, que suma arredor do 85% das cortas anuais de piñeiro radiata. Séguenlle por detrás, a moita distancia, as provincias da Coruña (8%), Pontevedra (4%) e Ourense que non chega ó 3%.

Lugo concentra o 85% das cortas anuais de piñeiro radiata na comunidade

Obtención de planta resistente a patoloxías
A Fundación Arume marca unha segunda prioridade na obtención de planta resistente á enfermidade das bandas. Para iso, sinala que é preciso activar de xeito urxente protocolos para a detección, nos montes máis afectados, de árbores que sexan resistentes ás bandas, para estudialas e, se é posible, incorporalas ós programas de mellora.

En paralelo, demanda un reforzo dos servizos de Sanidade Forestal da Consellería do Medio Rural, que carecen dos medios suficientes, así como un impulso para o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería de Economía.

A Fundación Arume cuestiona a situación do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, “que atravesa unha crise institucional pola carencia de medios humanos e económicos suficientes”

O CIF de Lourizán é un centro de I+D de referencia a nivel forestal, pero atravesa unha situación de crise institucional pola carencia de medios humanos suficientes, pola falta dunha planificación sostida no tempo e pola ausencia dun respaldo económico axeitado á importancia do sector forestal no país.

A Fundación Arume estudia cofinanciar o lanzamento ó mercado dunha xeración de planta mellorada de radiata, de cara a que poida ser asumible polo propietario forestal e non encareza os custos de repoboación.

No ámbito científico, outra necesidade pasa pola creación inmediata dun equipo pluridisciplinar que estude a ecoloxía do patóxeno das bandas, en particular cómpre determinar se existen carencias nutricionais nos solos forestais que poidan estar afectando ó vigor das masas e, polo tanto, á gravidade das bandas en Galicia.

Estudo e seguemento do piñeiro taeda
En paralelo ás accións sobre as masas de piñeiro radiata, a Fundación Arume considera preciso introducir o piñeiro taeda nas zonas máis afectadas polo feito de que se trata dunha conífera resistente ás bandas e á praga do nematodo. O mesmo tempo hai que continuar cos ensaios científicos para valorar a adaptación a distintas zonas de Galicia do piñeiro taeda, unha especie que xa están empregando en monte os propietarios forestais.

O piñeiro taeda preséntase como unha alternativa ó radiata en determinadas zonas, pero son precisos ensaios científicos e importación controlada de semente

A Fundación sinala que é urxente, por tanto, instalar parcelas con metodoloxía de ensaio científico e importar de xeito controlado semente de piñeiro taeda, que pode ser unha alternativa ó radiata en determinadas zonas.

Piñeiral de radiata na media montaña lucense.

Piñeiral de radiata na media montaña lucense.

Axudas directas ós silvicultores
Ante a situación manifesta de regresión dos piñeirais en Galicia, Arume é partidaria igualmente de lanzar axudas directas ós silvicultores. A Fundación Arume propón unha modificación das liñas de apoio das últimas décadas, pois considera que os feitos demostran que non funcionaron.

A proposta da Fundación, que xa se lle trasladou á Xunta en decembro do 2023, pasa pola creación de contratos a 12 anos, con pagos progresivos ós silvicultores a medida que se cumpran os compromisos de manexo silvícola (podas, rareos, rozas) establecidos no acordo.

Estes contratos deberán ir ligados a un modelo silvícola orientado a producir madeira de alta calidade, polo que tamén se debe de requerir a introdución de planta mellorada xeneticamente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información