Que futuro hai para as plantas de biogás vencelladas ás explotacións gandeiras galegas?

O número de plantas de biogás que se nutren de xurros e esterco de granxas non deixa de medrar en toda Europa. En España e Galicia aínda están comezando a súa implantación. Pero a enorme cabana galega, sobre todo de vacún, fai que cada vez haxa máis interese en desenvolvelas. A Consellería do Medio Rural organizou dúas charlas informativas para coñecer as posibilidades, condicionantes, experiencias previas e aspectos técnicos deste tipo de instalacións.

PLANTA BIOGAS ITALIA

A simple produción de xurros e esterco, por moi grande que sexa, non garante que unha planta de biogás ou de biometano sexa viable e rendible nunha explotación. Baixo esa premisa, diferentes especialistas na produción deste tipo de fonte de enerxía analizaron en Ordes e Castro de Rei as posibilidades e a situación actual do sector. As charlas estiveron organizadas pola Consellería do Medio Rural.

Conceptos e contexto

Leticia Regueiro, da consultora Medrar, lembrou o concepto de dixestión anaerobia, que consiste nun proceso controlado en ausencia de osíxeno durante o cal parte dos residuos orgánicos se transforman nunha mestura de gases. Transformar eses residuos orgánicos en recursos enerxéticos, biogás ou biometano, é o obxectivo das plantas que se abastecen das ganderías.

Así, explicou as diferencias entre biogás e biometano, que son as dúas opcións que se manexan cos xurros e esterco. O Biogás é un gas renovable producido pola descomposición anaerobia de materia orgánica: xurros, esterco, restos de colleitas ou lodos de agroalimentación.

O biogás contén entre 50-70% de metano e 30-50% de dióxido de carbono (CO2). Utilízase in situ para xenerar electricidade e calor en motores e caldeiras ou como enerxía térmica en explotacións agrogandeiras.

O biometano é o resultado de purificar o biogás mediante o proceso chamado “upgrading”. O que se fai é eliminar o CO2, a auga e outras impurezas. Así obtense un gas cun 95-99% de metano, equivalente ao propio metano fósil.
A pureza do biometano permite inxectalo na rede de gas natural, licualo ou comprimilo para uso como combustible en transporte ou darlle usos industriais e domésticos igual que o gas convencional que se usa habitualmente.

A pureza do metano procedente de xurros permite inxectalo na rede cos mesmos resultados que o metano de orixe fósil (Leticia Regueiro, Medrar)

Regueiro sinalou que nos últimos tempos están a coller pulo as plantas de biometano, debido á decisión da UE de apostar pola introdución na rede de gases que non teñan procedencia fósil e sexan de orixe biolóxica.

Alemania, con preto de 11.000 plantas de biogás e 232 de biometano lidera a produción europea, seguida moi de lonxe por Italia, que ten 2.200 de biogás e algo máis de 100 de biometano. España ocupa o oitavo lugar en canto a biogás (300 plantas) e o posto 14 en canto a biometano, con só dúas instalacións, segundo os datos aportados na presentación.

Regueiro presentou datos sobre plantas de biogás e de biometano en países europeos

Regueiro presentou datos sobre plantas de biogás e de biometano en países europeos

Por Comunidades Autónomas, a representante de Medrar sinalou que as dúas Castelas, Andalucía, Aragón, Cataluña, Extremadura e Galicia concentran máis do 80% do potencial de produción de biometano en España. No caso galego, a agricultura, gandería, compostaxe e residuos agroalimentarios abranguerían arredor do 85% dos recursos necesarios para a produción.

Obxectivos e condicionantes

“O obxectivo destas xornadas era o de achegar a tecnoloxía aos gandeiros. A tecnoloxía da dixestión anaerobia debe servir para devolverlle ao gandeiro a soberanía sobre os seus xurros e estercos. Que teña o coñecemento suficiente para tomar as súas decisións.”, explicou Regueiro.

Para a poñente de Medrar, cada granxa é un caso diferente e cada titular ten que analizar moi ben a posibilidade de producir biogás, biometano, verter na rede a enerxía, aproveitar os restos da dixestión anaerobia (dixestatos) como fertilizantes…Non existe un modelo universal que garanta a rendibilidade.

Non existe un modelo que garanta a viabilidade das plantas de biogás. Cada granxa debe tomar as súas decisións tendo toda a información posible

Unha das vantaxes que ofrece a produción de biogás é que evita que se caia en erros de manexo cos xurros. Erros como a contaminación de augas por filtración de nitratos a acuíferos. Ou a aportación de exceso de nutrientes no solo danando os cultivos e a biodiversidade. E tamén a emisión de gases de efecto invernadoiro (amoníaco ou metano), con malos cheiros que afectan a vida local.

Regueiro citou o exemplo de Dinamarca, onde o 50% do metano que se emprega na rede xeral é de procedencia gandeira. E o obxectivo é que no ano 20230 sexa o 100%. “Pero, máis aló da produción de enerxía, un aspecto fundamental da dixestión anaerobia é que permite reducir a presenza de patóxenos no aire, a auga e a terra lindeira coas explotacións.”

As emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) da agricultura e gandería galegas supoñen algo máis do 20% do total da comunidade. Por canto a gandería, o 47% proceden da fermentación entérica (os gases que emiten os animais), o 30% da xestión de xurros e o 23% das aplicacións nos solos.

Dende Medrar subliñan que hoxe as industrias lácteas están a aplicar o alcance 3 da súa pegada de carbono. Eso implica medir a pegada dos seus provedores, neste caso os gandeiros, e primalos canto máis cumpran cos requisitos.

Así, cada granxa precisa saber en que parte do traballo pode reducir a pegada e como esa redución pode resultar máis útil para o resultado final, máis aló da prima que vaian cobrar. Pódese actuar sobre a alimentación, sobre o manexo animal, sobre os cultivos e -o máis importante- sobre as dexeccións do gando.

As plantas de biogás permiten reducir erros no manexo dos xurros e diminuir a presenza de patóxenos na contorna da explotación

Regueiro indicou que a dixestión anaerobia permite reducir nun 92% as emisións de metano dos xurros, que son ata 32 veces máis contaminantes que as de CO2. “Nunha granxa de 300 vacas -cunha produción anual de 6.000 m³ de xurro, 2.000 toneladas de esterco e 25.500 quilos de nitróxeno- a superficie necesaria para poder aplicar o xurro e esterco de forma legal sería de 141 hectáreas.”

Na granxa que puxo a técnico de Medrar como exemplo, as emisións de CO2 procedentes de xurro e esterco serían de 3.900 toneladas anuais. Cun proceso de dixestión anaerobia, esas emisións reduciríanse ata só 326 toneladas por ano. E hai que destacar que o proceso só transforma os gases; os nutrientes presentes nas dexeccións permanecen nelas despois da dixestión anaerobia.

As plantas poden evitar erros no manexo dos xurros e reducen a presenza de patóxenos

As plantas poden evitar erros no manexo dos xurros e reducen a presenza de patóxenos

“E, ademais, non se consume enerxía da rede polo que o consumo enerxético tamén se reduce á hora de contabilizar a pegada de carbono. Dese xeito, o gandeiro pode presentarlle á industria unha redución de emisións dun 5% anual.”, dixo Regueiro.

Máis alá dos números e porcentaxes de manexo, o aspecto clave é a viabilidade das plantas. “Non todos os casos teñen garantido o éxito. Hai que analizar o aforro enerxético, os ingresos por venda de enerxía, o valor agronómico do dixestato e a necesidade de mesturar o xurro e esterco con outros elementos como restos de colleitas, soros lácteos…”

A dixestión anaerobia posibilita reducir nun 92% as emisións de metano dos xurros

Respecto dos retos que plantexan as plantas de biogás, destaca o investimento inicial, os permisos administrativos e a loxística. “Que se reduzan os pasos burocráticos é algo imprescindible para que o sistema teña éxito. Se hai que agardar catro anos para poder poñerse en funcionamento, sería lóxico optar por desistir.”

Como pasos previos para afrontar con garantías o establecemento dunha planta de biogás ou de biometano, Regueiro citou os seguintes:

– Determinar o volume de xurro dispoñible. Ben dunha granxa individual, ben dunha agrupación de granxas

– Buscar a localización óptima da planta. Loxística de transporte e acceso á rede

– Definir un modelo de gobernanza: reparto por aportes de xurro, de consumo de enerxía ou mixto

– Estudo económico. Axudas e financiamento

– Tramitación e execución en fases

– Plan operativo: persoal, mantemento e seguemento de resultados

Un parámetro importante é o do tempo de retorno de investimento. Esto, normalmente, irá en función do número de animais. Nunha granxa de 80 vacas, o retorno pode demorarse ata máis de 10 anos, mentres que nunha de 400 redúcese a preto de 5 anos.

A técnico de Medrar volveu incidir na co-dixestión. É decir, a necesidade de agregarlle aos xurros outros elementos para que a produción de biogás sexa exitosa. No caso dos xurros de bovino e porcino, a palla de cereais, os residuos grasos e os residuos vexetais son os mellores complementos para unha dixestión anaerobia eficiente.

A modo de conclusión, Regueiro sinalou que “as plantas de biogás encaixan no modelo de gandería de leite galega pola redución de pegada, o uso dos dixestatos e a indepencia enerxética. Pero hai que dimensionar ben, aproveitar o autoconsumo e explorar modelos cooperativos. Os exemplos doutros países europeos mostran que o modelo funciona técnica e economicamente. Agora é un bo momento para estudar proxectos: fondos, interese en biogás/biometano e presión regulatoria sobre xestión de xurros.”

Estudos de viabilidade

Nas xornadas presentáronse as primeiras conclusións do Programa de Estudios de Prefactibilidad de Proyectos de Biogás para Usos Térmicos y/o Eléctricos (PEPPBUTE) que está a realizar a empresa AINIA en colaboración co Ministerio de Agricultura e que teñen por obxectivo crear un modelo de consulta para que os gandeiros poidan medir, a custo cero, a viabilidade das plantas se deciden desenvolvelas. Tanto no uso gasístico dos xurros como no aproveitamento dos dixestatos.

A palla de cereais como o arroz é unha das mellores combinacións posibles cos xurros para producir biogás

A palla de cereais como o arroz é unha das mellores combinacións posibles cos xurros para producir biogás

Os estudos desenvólvense en catro fases. A primeira, a avaliación preliminar, recolle datos aportados polo solicitante e ofrece resultados sobre viabilidade técnica preliminar cualitativa, estimación da produción enerxética e identificación preliminar de factores limitantes. Nesta primeira fase xa se detectan os proxectos non viables.

O PEPPBUTE xa determina dende a fase inicial a viabilidade dos proxectos e evita que se desenvolvan os que non van saír adiante

Na segunda, a caracterización química de sustratos, analízase a disponibilidade de sustratos -elementos que se van introducir xunto cos xurros e esterco na planta de biogás- e o tipo de tecnoloxía máis axeitada para cada proxecto en función das características da granxa e dos sustratos.

O terceiro paso é un estudo de viabilidade básico. Mediante ensaios de biodegradabilidade metanoxénica (BMP), determínase o potencial produtivo de cada sustrato e das diferentes mesturas dos mesmos co xurro. O que se mide é o proceso de biodegradación e a capacidade de biometanizado e a correlación entre ambos parámetros.

Na última fase realízase un estudo de viabilidade avanzado, con ensaios reais. Nesta parte xa se extrapolan tanto os datos de produción enerxética como os usos e tratamentos máis axeitados para o aproveitamento do dixestato. O obxectivo é determinar xa as vías de valorización.

Proxectos desenvolvidos nesta cuarta fase sinalan que o 99,9% dos dixestatos se destinan a fertilización das terras da explotación. E tamén se detectou que os procesos de almacenamento varían dunhas granxas a outras e mesmo hai casos nos que é preciso separar as partes líquidas e sólidas dos xurros.

O modelo italiano

Andrea Chiabrando, do Consorzio Monviso Agroenergia, e Gabriele Boccasile, funcionario de Agricultura da rexión de Lombardía, explicaron as claves do despegue das plantas de biogás na gandería italiana, que poderían servir como modelo para Galicia.

Estes técnicos aseguran que a produción de biogás é unha parte máis do sector primario e que así é percibida pola sociedade italiana. Pero tamén advertiron da entrada no sector de operadores industriais e fondos de investimento que poden facer desaparecer esa vertente gandeira e que a agricultura non pode converterse unicamente nunha fábrica de enerxía.

Italia aspira a contar nos vindeiros anos con máis de 700 plantas de biometano vencellado á gandería

O 60% da cabana gandeira de Italia concéntrase no val do Po, unha rexión de só 46.000 km². E en Italia a superficie total designada como zonas vulnerables a nitratos ascende a aproximadamente 5.498.530 hectáreas, o que corresponde a preto do 18% do territorio nacional.

A meirande parte das plantas italianas son propiedade de gandeiros ou agrupacións de gandeiros

A meirande parte das plantas italianas son propiedade de gandeiros ou agrupacións de gandeiros

Respecto das emisións de GEI, as relativas a agrogandería abranguen o 7,4% do total italiano. Supoñendo a gandería o 73% da actividade do sector primario, as emisións proceden principalmente da dixestión entérica e da xestión dos xurros. O obxectivo do sector en Italia é chegar a 700 plantas de biometano nos vindeiros anos.

A principal vantaxe da que dispoñen as granxas e agrupacións de granxas propietarias de plantas de biogás e de biometano é que teñen asegurado un prezo de 120 € por kilowatio/hora. Un prezo garantido polo goberno para o gas de uso eléctrico que vaia á rede xeral. En España, no mellor dos casos o que se paga por kilowatio/hora son 60 €.

Chiabrando e Boccasile sinalaron que o máis habitual en Italia é completar os aportes de xurro con restos de millo e de triticale ou cunha mestura de ambos vexetais. E apuntaron que, canto maior é a planta, maior é a necesidade de aportes vexetais.

Andrea Chiabrando advertiu dos riscos de que a gandería se perciba só como unha fonte de enerxía

Andrea Chiabrando advertiu dos riscos de que a gandería se perciba só como unha fonte de enerxía

Nunha explotación de 600 cabezas, pódense chegar a producir 635 kilowatios/hora. Os altos prezos que se pagan por verter a electricidade procedente do biogás na rede xeral levan a que moitas plantas renuncien a empregar esa enerxía no autoconsumo e coloquen placas fotovoltaicas para abastecer as necesidades enerxéticas da explotación.

O investimento preciso para erguer unha planta de biogás de tamaño medio en Italia ronda o millón e medio de euros

En canto a custos, sinalaron que para unha explotación media italiana o investimento necesario para erguer unha planta de biogás pode estar arredor dun millón e medio de euros e que a vida útil das mesmas sitúase en 30 anos.

Respecto dos dixestatos, sinalaron que é preciso cambiar a lexislación europea para que deixen de ser considerados como residuos. E, no tocante ao seu manexo, explicaron que sempre serán máis efectivos como fertilizantes se van soterrados que se van aplicados directamente sobre os solos.

Modelo industrial/modelo cooperativo

Juan Castro, especialista do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) asegurou que hai que ser cautelosos ante a implantación das plantas de biogás e estar moi atentos a como se executa cada proxecto e con que fins.

Un dos argumentos esgrimidos por Castro foi o de que os xurros supoñen un fertilizante de máis calidade e menos contaminante que os dixestatos que saen das plantas de biogás. “O noso purín xa é un abono completo. O dixestato industrial aumenta o nitróxeno amoniacal, facendo que se libere máis rápido e se lixivie con máis facilidade, contaminando os nosos acuíferos.“, dixo.

Os dixestatos das plantas de biogás poden disparar a presenza de fósforo e nitróxeno nos solos e acuíferos (Juan Castro, CIAM)

Castro asegurou que hai unha contradición entre a prohibición de aplicar xurros mediante prato polo risco de emisións amoniacais e o feito de que se promova o uso de dixestatos como fertilizantes, que terían unha maior carga de amoníaco que os xurros.

A saturación dos solos é outro risco, segundo Castro. “Poderíanse aplicar na terra dixestatos cunha alta carga de nitróxeno e fósforo, cando hai zonas de Galicia que xa están eutrofizadas. O 75% dos solos galegos teñen exceso de fósforo, segundo a Instrución Técnica das Consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente. E as plantas de biogás engaden máis nitróxeno e fósforo no proceso de dixestion.”

O manexo dos dixestatos será determinante para que a planta sexa rendible

O manexo dos dixestatos será determinante para que a planta sexa rendible

O investigador do CIAM sinalou tamén posibles riscos sanitarios derivados da implantación de determinados modelos de plantas de biogás. “Un exemplo é a Dermatose Nodular Contaxiosa, que pode transmitirse a través do dixestato. Un só animal infectado pode contaminar toda unha planta e espallar a enfermidade por múltiples granxas. O proceso de dixestión non elimina todos os virus.”

Castro establece unha comparativa entre os dous modelos posibles que poderían implementarse en Galicia:

– Modelo tradicional (granxa e terras da propia granxa): Sábese de onde ven o xurro e a que fincas vai. O ciclo é pechado: gando-xurro-pradeira/millo da casa. Se hai un problema (nutrientes, sanidade), a trazabilidade é clara e pódea corrixir a explotación.

– Modelo industrial (planta de biogás + transportistas + xestores): O xurro da granxa mestúrase con residuos de moitas outras (SANDACH, lodos, etc.). O dixestato que volve ao campo pode ter composición e riscos que descoñecidos amparados en “segredo industrial”. En caso de epizootia ou contaminación, é moi difícil saber quen é o responsable (gandeiro, planta, transportista…) o que implica inseguridade xurídica para o produtor. Dependencia de contratos, camións e intermediarios: perda de autonomía na xestión.

Temos que elixir entre un modelo de corte industrial ou un ligado ás explotacións que as dote de autonomía

O membro do CIAM reclama unha lexislación que permita que os gandeiros ou as agrupacións de gandeiros poidan decidir o que van facer cos seus recursos e que tipo de plantas e como queren implementalas nas súas explotacións.

As xornadas remataron coas intervencións de representantes de empresas e cooperativas que contan con plantas de biogás e que explicaron o funcionamento das mesmas. Biogastur, propiedade de Central Lechera Asturiana; Biovec, que desenvolveu unha planta en Valladolid que se nutre de residuos hortícolas e o proxecto executado pola Cooperativa Valle de los Pedroches foron expostos nas intervencións.

Todos os participantes coincidiron na necesidade de establecer unha instrución técnica única para toda a Unión Europea e cunha lexislación que permita a súa aplicación de forma clara, áxil e que resulte de utilidade. Na clausura das xornadas estivo presente o Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.

Visita á planta de Xustás

Para coñecer o primeiro proxecto de planta de biogás vencellado a unha explotación gandeira que se desenvolveu en Galicia, os asistentes ás xornadas desprazáronse ata Xustás (Cospeito) onde puideron comprobar o traballo desenvolvido pola empresa Norvento en colaboración cunha gandería de produción de leite de vacún.

Miguel Balboa, de Norvento, deu as explicacións técnicas e as claves de funcionamento da planta. Unha das características diferenciais é que a fosa de xurros está dividida de xeito que permite que se faga un aproveitamento dos mesmos tanto para a produción de biogás como para aplicación agronómica se fose precisa.

Os participantes na xornada de Castro de Rei visitaron a planta de biogás de Xustás (Cospeito)

Os participantes na xornada de Castro de Rei visitaron a planta de biogás de Xustás (Cospeito)

Balboa explicou que na planta están conseguindo que unha tonelada de xurro xenere 40 m³ de biogás. A instalación emprega unicamente como materia prima residuos orgánicos xerados na explotación, tanto xurro como restos de comida, silo en mal estado ou o esterco dos boxes dos xatos.

A día de hoxe hai parte do xurro que se produce que non é capaz de absorber a planta, que ten unha potencia de 50 kW e estaría pensada para unhas 100 vacas. Trátase dunha planta de monodixestor, polo que dependendo do tempo de maduración que permaneza o xurro en ocasións non é capaz de extraerlle todo o metano, algo que si se lograría cun dobre dixestor colocado en serie.
Para a mestura de xurro e sustrato no dixestor, faise un estudo inicial, valorando o tempo de retención e a carga diaria precisa. Esa carga faise polo bombeo do xurro e por un sistema de alimentación adicional para os sustratos sólidos.

A planta de Xustás purifica o metano cun sistema de filtrado para que chegue o máis puro e limpo posible

A planta de Xustás purifica o metano cun sistema de filtrado para que chegue o máis puro e limpo posible

Parte da enerxía térmica cubre as necesidades da explotación e do propio dixestor, que precisa manterse a unha temperatura duns 37º, pero poden quedar arredor de 240.000 kWh de enerxía térmica dispoñible, o que representa máis de 25.000 euros en gasto equivalente en gasóleo.

A planta de Xustás está conseguindo producir 40 m³ de biogás empregando unha tonelada de xurro

O dixestor conta dentro cun axitador e fóra cunha antorcha que regula a presión queimando os gases sobrantes. Para purificar o metano ten un sistema de filtrado para que o biogás chegue o máis puro e limpo posible (99%) ao motor de co-xeneración que produce a electricidade. A maiores hai unha caldeira que serve para regular a temperatura interna do dixestor e para proporcionar auga quente sobrante para a granxa.

 

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información