
O cultivo das videiras, as técnicas de viticultura e o mercado do viño están nun momento de transformación profunda. Hai situacións puntuais que levan a cambios momentáneos e outras estruturais que modifican definitivamente o sector. Os cambios traen problemas pero tamén poden supoñer grandes oportunidades.
Foi a conclusión da xornada “Dende Ourense, pensando no viño”, que tivo lugar no arquivo provincial da capital ourensá e estivo organizada polo Colexio de Enxeñeiros Agrícolas. O presidente do Colexio, José Paz, destacou a importancia do viño na economía de Ourense e amosou o compromiso de celebrar novas xornadas sobre vitivinicultura.
Como presentarse nos mercados?
Jonas Tefterup é dende 2019 Master of Wine (MW) – o único de nacionalidade danesa-. Tamén é enólogo con ampla experiencia internacional en Alemania, Chile, Sudáfrica e zonas vinícolas de España. Na súa ponencia falou do futuro que albisca para os viños galegos, de carácter atlántico, no mercado internacional e deu claves para entender eses mercados.
“A frescura, mineralidade e elegancia son as fortalezas técnicas dos viños galegos. A eso hai que engadirlle unha tradición e unha historia recoñecidas e o valor que da o mercado ao emprego de castes autóctonas. Se a eso sumamos as paisaxes e as excelentes combinacións gastronómicas, temos unha carta de presentación inmellorable”, dixo Tefterup.
Os viños galegos son diferentes dende o punto de vista técnico e contan cunha historia e tradición dificilmente igualables (Jonas Tefterup, Iberian Wine Academy)
O MW afirmou que as uvas galegas autóctonas recollen características e matices de numerosas castes presentes en Europa e, por eso, non se debe buscar que o viño se pareza a ningún outro porque ten entidade propia. Incluso son de graduación alcohólica media, nun contexto en que os consumidores foxen das altas.

Tefterup dixo que a singularidade e tradición dos viños galegos levan a non ter que imitar outros modelos
Tefterup deu as claves para entender os mercados nos que máis poden medrar os viños galegos: Estados Unidos, Alemania, Reino Unido e Escandinavia (Suecia, Noruega, Finlandia e Dinamarca). E eso que son moi diferentes entre si tanto por tipo de consumo, volume, regulación, gustos do consumidor e facilidade de acceso. Os puntos comúns son a recomendación de contactar cun importador local e centrarse na restauración e o mercado gourmet.
Por contra, ve pouco atractivos os mercados de Asia-Pacífico. “Os custes de transporte hacia Australia, a contracción que semella imparable do mercado chino e as trabas burocráticas, a saturación de oferta que hai en Xapón ou Singapur, o consumo case inexistente na India…non semella a zona do planeta cara á que teñamos que envorcarnos.”
No acordo comercial entre a UE e Mercosur, Tefterup ve máis posibilidades que ameazas. “Os viños europeos resultan atractivos para os americanos pero non así ao revés. O maior problema véxoo en Brasil, porque é un mercado enorme e emerxente pero, no caso do viño, ofrece moi poucas garantías comerciais e administrativas. Fóra do Mercosur, México si que é un país de especial interese para o viño galego.”
O mercado do viño é cíclico e de cambio constante pero, a día de hoxe, os países de Asia-Pacífico non son atractivos para o viño galego
Como erros xerais das adegas galegas á hora de saír vender no exterior, o especialista citou os seguintes:
– Querer competir a prezo. Sempre haberá quen o faga máis barato e en máis cantidade, aínda que o produto sexa lixeiramente inferior
– Pretender vender en todos os países. Os condicionantes varían enormemente duns estados a outros. É mellor especializarse en mercados concretos que estar aventurándose cada pouco tempo
– Non ter unha historia. A tradición é unha fortaleza. Hai que chegar cun relato ben construído que explique o que facemos e como chegamos a facelo
– Etiquetas confusas. Hai aspectos que, por lei, deben figurar na etiqueta. Engadir información non obrigatoria pode saturar e mesmo confundir ao posible comprador
– Cambiar constantemente de importador. Aparte de perder tempo, non conseguimos asentarnos. É mellor insistir co importador elexido que estar buscando milagres que rara vez aparecen
– Pensar que unha feira xenera vendas. As feiras e certames son escaparates. Serven para darnos a coñecer. Pero o cliente faise unha vez que nos coñecen a fondo, e eso non se logra nas feiras
– Non investir na marca. A marca evoluciona. Temos que tela actualizada, reforzando o que funciona e rexeitando o que non. E adoptar cambios só se están plenamente xustificados
Viños máis resistentes e resilientes
Emilia Díaz Losada, técnico da Estación de Enoloxía de Leiro, explicou brevemente como as pragas foron modificando o manexo en viticultura e os diferentes momentos vividos. Dende a aparición da filoxera no século XIX -que se venceu mediante hibridacións- ata o enorme desenvolvemento dos produtos fitosanitarios e o momento actual, en que se buscan novos métodos.

Emilia Díaz estivo acompañada por José Paz na súa ponencia
“Dende 1991, e con máis intensidade nos últimos dez anos, estase a regular dende a UE para producir viño con menos riscos sanitarios, con menor dependencia dos produtos químicos e coa maior trazabilidade posible. Así, trabállase na resiliencia dende os eidos técnico, biolóxico, xenético e institucional.”
A hibridación que permitiu superar a filoxera foi substituída polos fitosanitarios. Agora toca decidir que faremos no futuro (Emilia Díaz, Estación Enolóxica de Leiro)
Díaz fixo un repaso polas chamadas “variedades PIWI”, que son hibridacións de castes europeas con outras americanas e asiáticas. “Non se trata de manipulación xenética senón dun traballo de máis de 90 anos para obter videiras que produzan viños de calidade e que sexan resistentes aos fungos. O que se fixo foron cruzamentos e retrocruzamentos ata obter os resultados agardados.”
Os traballos realizados coas técnicas de marcadores moleculares e selección clonal centráronse principalmente en obter cepas resistentes ao mildeu e ao oidio. “Dende que se empeza a experimentar ata que se obtén unha planta apta para o mercado pasan como mínimo 9 anos. Para ter todas as garantías. Coas castes PIWI conseguimos reducir en máis dun 70% o uso de fitosanitarios químicos pero, a día de hoxe, é imposible suprimilos por completo.”
En España hai xa 31 castes híbridas avaliadas, 9 delas pendentes de inscrición en resixtro oficial en España e outras 22 en Francia. No caso de Galicia desenvólvese o proxecto Agromillora, no que colabora a adega Martín Códax.
Díaz sinalou catro preguntas que manteñen aberto o debate técnico e legal sobre o uso de hibridacións:
– Poden empregarse as castes híbridas en viños de Denominación de Orixe?
– Pódense mesturar nos viños con castes puras autóctonas?
– Como manter a autenticidade dos viños empregando hibridacións?
– Canta innovación en tecnoloxía xenética pode asimilar o sector?
A edición xenética xa se está a aplicar en todo o sector primario e temos que aproveitala
A técnico rematou a súa intervención falando da edición xenética, que permite eliminar características negativas das uvas antes de plantar a videira. A tecnoloxía CRISPR -que actúa como unha tixeira sobre o ADN- é a máis empregada. E lembrou tamén a ferramenta Fitovit posta en marcha pola Consellería do Medio Rural para que os viticultores racionalicen o uso de fitosanitarios.

Os sistemas de hibridación lograron reducir en máis dun 70% o uso de fitosanitarios
Control de fraudes
Alejandro Parra, de Tenomar Laboratorios, falou das ferramentas de control que existen hoxe en día para combater as fraudes na elaboración e comercialización do viño. “Por cuestións de escaseza ou de picaresca, as fraudes foron historicamente habituais no viño. Dende engadir auga ou azucre (chaptalización) ata falsificar etiquetas ou empregar uvas non autorizadas. Hoxe, dende o eido químico, hai tecnoloxías que detectan calquera alteración.”, dixo o técnico.
Ademais de engadir auga ou azucre, outras fraudes habituais son a falsificación de etiquetas de denominación de orixe, a adxudicación incorrecta de añada (facendo pasar un viño vello por outro xoven ou viceversa) ou facer constar na etiqueta a presenza de variedades que realmente non van no produto.
Hai múltiples formas de fraude e poden ser voluntarias ou involuntarias. Eso si, todas conlevan algunha sanción (Alejandro Parra, Tenomar Laboratorios)
“Menos habituais pero igual ou máis graves son feitos como engadir mostos concentrados para aumentar a dozura, aplicar colorantes alimentarios para mellorar a imaxe do viño ou vender viños comúns a prezo de exclusivos.”
Parra sinalou que os tipos de delito de fraude son moi variados e poden ir dende o eido fiscal ata o da propiedade intelectual, contra a saúde pública ou contra a propiedade industrial. E as penas tamén son variadas; dende sancións de 300 euros ata penas de cadea e 250.000 euros de multa.

As botellas poden concentrar diferentes tipos de fraude no viño e na etiquetaxe
As técnicas de resonancia magnética nuclear (RMN) que traballan na análise de isótopos estables son as máis avanzadas actualmente. “Empregando bancos de datos da UE e doutras entidades podemos chegar ata a determinar de onde procede a auga ou o azucre que se engadiu a un viño.” Con todo, Parra sinalou que en moitas ocasións as fraudes son involuntarias e poden deberse a un erro de manexo ou a fallos no proceso posterior a que o viño saia da adega.
Co uso da tecnoloxía RMN podemos detectar ata a máis mínima alteración que se teña producido no viño
As tecnoloxías RMN e as de espectometría de masas estanse estendendo e simplificando. “Hoxe reduciron o seu tamaño e baixaron de prezo exponencialmente. As industrias teñen interese en que as adegas poidan contar coa tecnoloxía nas instalacións e eviten calquera desviación no seu produto.”
O papel e os retos das Denominacións de Orixe
A xornada contou cunha mesa redonda na que estiveron representados os Consellos Reguladores das cinco Denominacións de Orixe (CRDO) vitivinícolas galegas. Antonio Lombardía, presidente do CRDO Ribeira Sacra; Carlos Basalo, vicepresidente do CRDO Ribeiro; Ramón Huidobro, secretario xeral da DO Rías Baixas; Manuel Vázquez, presidente do CRDO Monterrei e Jorge Mazaira, director técnico da DO Valdeorras foron os representantes.
Todos eles coincidiron en que nos seus territorios -en maior ou menor medida- o minifundio supón un freo para o sector polo excesivo número de parcelas por hectárea e as complicacións técnicas e burocráticas que conleva o seu manexo. Por exemplo, sinalou Basalo, en Arnoia hai inscrita unha parcela que só conta cunha fila de videiras.

Dende os Consellos Reguladores son optimistas co futuro do viño pero reclaman medidas inmediatas
Outra coincidencia está no traballo de aplicación de novas tecnoloxías para facilitar todos os procesos de cultivo, elaboración e xestión. Igual que noutros sectores agrarios, todos os consellos reguladores reclaman que a UE levante a prohibición de usar drons para a aplicación de fitosanitarios. Especialmente en zonas de orografía complexa como a Ribeira Sacra e en xeral pola falta de man de obra.
A UE ten que entender que o uso de drons para aplicar fitosanitarios é imprescindible no contexto orográfico e de falta de man de obra de Galicia
A caída do consumo de viños tintos foi obxecto de análise. A suba das temperaturas medias, a baixada mundial de demanda, a tendencia baixista dos mercados chino e de luxo, a incapacidade de entrar no segmento da xente nova, a moda do godello…son moitos os factores que levaron a ese problema.
Con todo, Lombardía sinalou que en 2025 as vendas de tinto Ribeira Sacra aumentaron un 5% e, no que vai de ano, un 8%. “Non estamos onde queremos pero imos na liña de mellora. O que non vemos lóxico é substituír as cepas vellas de máis valor por castes brancas. Porque o mercado pode cambiar e, ademais, os brancos son máis sensibles á calor.”
Tamén se puxo sobre a mesa a cuestión de reducir o grao alcohólico dos viños ou mesmo comercializar dende as DO viños sen alcohol. A cuestión é se optar por esas elaboracións para dar saída a viños e uvas ou deixalas de lado e promocionar os viños que xa existen. Dende as DO cren que as adegas terán a última palabra pero, polo de agora, só se contempla -e sen concretar- a opción de baixar graduacións e non a de ir a viños sen alcohol.
Se cadra temos que pensar en dividir Galicia entre zonas de tinto e zonas de branco
Finalmente, todos os membros dos CRDO aseguraron que, aínda que compiten no mercado galego, cando saen fóra de Galicia transmiten unha imaxe de unidade absoluta de xeito que se fala de “viños de Galicia” antes que das particularidades de cada un.
AGACAL
A xornada pechouna o Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), Martín Alemparte, que estivo presente durante todo o evento. Alemparte destacou a importancia que ten o sector do viño para a provincia de Ourense no ámbito económico, social e territorial.
Tamén quixo poñer en valor o traballo que se realiza dende a administración autonómica para que os viños que saen ao mercado cumpran con todos os requisitos de salubridade, métodos de elaboración e trazabilidade.
O labor de control redunda en beneficio de todo o sector porque elimina elementos nocivos nos procesos (Martín Alemparte, Director de AGACAL)
Nesa liña, dixo que as adegas non deben temer os controis periódicos que se realizan. “Porque redundan en beneficio de todos. Quen fai as cousas ben non ten de que preocuparse. E, localizando o que se fai mal, beneficiamos ao conxunto do sector.”

O Director de AGACAL insistiu en que os controis de calidade benefician a todo o sector e aos consumidores
Ademais, lembrou que os CRDO son os que teñen a última palabra en case todos os aspectos. “Dende a administración só temos un labor de comprobación de que as cousas se fan conforme ao establecido. Os consellos teñen que tomar decisións buscando consensos internos e, sobre todo, resultados.”
Galego









Control OJD