Que factores poden frear a instalación dun parque eólico en Galicia?

A xurista Alba Nogueira afonda sobre os condicionantes que determinan a tramitación de proxectos eólicos e recompila aspectos que xa foron claves para o éxito ou fracaso de alegacións fronte a distintos parques

Que factores poden frear a instalación dun parque eólico en Galicia?

A proliferación de novos proxectos de parques eólicos en Galicia nos últimos meses está a provocar que moitos veciños, gandeiros, produtores e propietarios de terra se atopen de cheo con estas iniciativas e coas consecuencias que pode provocar a súa instalación. En numerosas ocasións, estes novos parques eólicos son percibidos como prexudiciais polas persoas afectadas.

Fronte a estes proxectos, queda presentar alegacións ás Administracións, coas que valorar o impacto real que o parque ocasiona e decidir que aproveitamento prevalece, pero ¿que cómpre ter en conta á hora de presentar alegacións desta índole?

“Hai que dimensionar os proxectos eólicos en Galicia. Estamos a ver modificacións compulsivas do marco regulador que só tentan poñer unha alfombra vermella ós proxectos eólicos”

A xurista e catedrática de Dereito Administrativo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Alba Nogueira tratou esta cuestión nunha xornada organizada polo Observatorio Eólico de Galicia. A sesión centrouse nos posibles impactos que poden provocar algúns destes proxectos e que están a ser motivo para a súa paralización. “Hai que dimensionar os proxectos eólicos en Galicia. Estamos a ver modificacións compulsivas do marco regulador que só tentan poñer unha alfombra vermella ós proxectos eólicos”, valora a xurista.

Utilidade pública

Boa parte dos proxectos eólicos reivindican a utilidade pública da proposta para tentar así mesmo conseguir unha expropiación forzosa dos terreos, sen necesidade de mercalos ou alugalos. Segundo aclarou Nogueira, a propia lei 8/2009 que regula o aproveitamento eólico en Galicia e pola que se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, recoñece no seu artigo 44.5 a posibilidade de que os proxectos eólicos poidan ser declarados de utilidade pública.

Esta declaración serve en moitos casos de arma nos procesos de negociación cos propietarios, posto que ante prezos ou condicións pouco competitivas para os donos dos terreos, os promotores dos parques eólicos optan por deixar sobre a mesa a expropiación forzosa á que optan se son declarados de interese público.

Antes de declarar de utilidade pública un parque eólico e permitir expropiacións forzosas estúdanse os usos que se fan do terreo e a súa prevalencia. Este proceso pódeno solicitar afectados que fagan uso do monte como gandeiros ou comunidades de montes

Porén, no recoñecemento da utilidade pública dun proxecto eólico tamén se teñen en conta outros usos que se fan nese territorio. “É posible que co recoñecemento de utilidade pública haxa outras actividades produtivas (gandeira, agrícola, forestal, mineira…) ou bens a protexer, e a lei estipula que hai que facer un trámite para determinar que usos prevalecen se as actividades non son compatibles”, explica Nogueira.

Así, cando nas zonas existen outras actividades ou bens debera analizarse se son usos compatibles e de non selo, sométese a exame a situación para determinar cales prevalecen. Ademais, este trámite para determinar a prevalencia dos usos dun terreo é un trámite que pode iniciarse polas persoas que se vexan afectadas, como poden ser gandeiros ou agricultores, así como comunidades de montes. “Ver que usos prevalecen non só se inicia de oficio senón polos propios afectados”, concreta a xurista.

Cuestións a ter en conta nas alegacións

Á hora de tramitar as alegacións para analizar que usos do territorio prevalecen, Nogueira recomenda ter en conta os criterios que están a ser determinantes nesta valoración. Así, as alegacións deben estar afianzadas en razóns científicas e técnicas.

Ademais, o aporte de documentación que axude a estimar o impacto económico tamén é unha ferramenta de utilidade para que as alegacións sexan tomadas en consideración. Do mesmo xeito, afianzar os argumentos en normas ou xurisprudencia existente é outra das vías para que estas peticións se valoren.

Incluír estimacións do impacto económico, argumentos científicos e técnicos ou asentados en xurisprudencia poden ser de utilidade para lograr que as alegacións prosperen

Nogueira tamén sinala a importancia que chega a ter o órgano que promove ditas alegacións. “É preciso que o grupo que impulsa esta valoración de prevalencia dos usos teña un interese lexítimo, que estean afectados os seus dereitos ou bens”, concreta. Tanto é así, que a xurista recorda un caso dunha asociación sociocultural que promoveu  alegacións contra un parque eólico que afectaba á parroquia e que foron desestimadas por non estar vinculada directamente á actividade que se levaba a cabo nos terreos afectados e pese a que nos seus estatutos figuraba a defensa dos intereses dos veciños.

Avaliación de Impacto Ambiental

A Avaliación de Impacto Ambiental é un trámite que afrontan os proxectos dos parques eólicos e que tamén está a ser determinante en moitas ocasións para a súa paralización ou avance. En función do tamaño do parque, o proxecto debe superar unha avaliación ordinaria (para as iniciativas de maior tamaño) ou simplificada (para aquelas instalacións cunhas dimensións máis reducidas).

Nogueira sinalou que coa proliferación de parques eólicos que se está a producir nos últimos meses en Galicia estase a constatar unha fragmentación dos proxectos eólicos, coa intención de que estes parques se sometan a unha avaliación simplificada no canto de ter que afrontar unha ordinaria, máis complexa e que en moitos casos faría rexeitar o proxecto polo impacto que pode ter tanto no territorio como na poboación do lugar.

Coa proliferación de parques eólicos en Galicia estase producindo unha fragmentación dos proxectos para optar a unha avaliación máis simplificada

Estas estratexias están a aplicarse non só cos parques eólicos en si senón cos proxectos para as liñas de evacuación da electricidade xerada nestas instalacións. Este tipo de cuestións tamén poden ser incluídas nas alegacións, dado o impacto que chegan a producir. “Este fraccionamento de proxectos é unha cuestión que a lexislación europea persigue tanto na colocación de novos aeroxeradores como coas infraestruturas de evacuación da corrente eléctrica”, detalla Nogueira.

Outro das estratexias que a xurista sinala que se están a seguir con distintos proxectos para conseguir a súa aprobación é a recuperación de antigos informes de impacto ambiental, dado que a norma galega é moi antiga. Con todo, a avaliación de impacto ambiental tería unha caducidade de 2 ou 4 anos, segundo as características do proxecto e non cabe posibilidade de prórroga, tal e como sinala a especialista en Dereito Administrativo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información