“Marzo marzán, pola mañán cara de rosas, pola noite cara de can”. O refraneiro popular xa nos advirte de que estamos ante un mes con fortes contrastes, con días de primavera e temperaturas nocturnas ás veces propias do inverno.
Algúns consellos:
Durante a primeira metade de marzo é unha boa época para incorporar á terra os abonos verdes que plantamos en outono, como nabos, centeo, avea ou cebada.
– Para poñernos a traballar na terra debemos agardar uns días a que seque, é dicir a que estea en tempero, coa humidade óptima para que ao removela non se formen terróns, prexudiciais para o desenvolvemento das plantas.
– A partir deste martes, que é cando entra a lúa chea, podemos realizar a sementeira das patacas de cedo.
– Tamén podemos plantar ao aire libre a partir de mediados de mes -se seguimos as recomendacións do calendario lunar- cenouras, espinafre e ervillas.
– Este mes tamén podemos transplantar ao aire libre couveflor, repolo e brócoli de primavera. Igualmente, podemos plantar leitugas, preferentemente en caballóns, para que non lles afecte a humidade, e porros.
– Ademais, podemos facer alcouves tanto ao aire libre como protexidos, tamén a partir deste martes segundo o calendario lunar. Así, en sementeiro descuberto podemos plantar acelgas, leitugas, remolacha vermella ou porros.
– E en morteiro protexido -invernadoiro ou similar- podemos plantar cucurbitáceas (melón, cabaciña, sandía, cogombro, cabaza..). En pequenos testos depositamos tres ou catro pebidas e deste xeito podemos transplantar o cepellón chegado o momento.
Fonte: Elaboración propia e Manual Práctico del Huerto Ecológico, de Mariano Bueno.