O mes de maio é un mes de máis luz e calor que, combinadas coa humidade das últimas choivas, fará que os nosos cultivos medren con forza. Tamén medrarán abundantemente as herbas polo que as sachas e aporcados ou aconchegados serán frecuentes.
Labores máis frecuentes:
-
É o momento de realizar os semilleiros para os cultivos que queiramos transplantar no verán, como repolos, leitugas ou remolacha de mesa. Regarémolas cando sexa preciso xa que son moi sensibles á deshidratación nos días de calor.
-
Maio é tamén o mes máis axeitado en moitas zonas de Galicia para a sementeira do millo. A plantación de millo doce para autoconsumo é unha alternativa interesante, máxime cando se trata dun cultivo que se da moi ben no noso país.
-
É o momento de transplantar no exterior os grandes cultivos no verán: tomateiras, pementos, berenxenas, leitugas, acelgas….
-
Tamén estamos no mes idóneo para plantar directamente de semente tanto cenouras como xudías e todo tipo de cucurbitáceas: cabaciña, cogombro, cabaza, melóns, sandías…etc.
-
O calor e a humidade farán que empecen a proliferar fungos como o mildeu. Para combatelo é recomendable facer tratamentos con caldo bordelés –cobre- cada dez días. Patacas e vide son os cultivos máis sensibles a este fungo, e polo tanto debemos estar vixiantes e facer os tratamentos periódicos para frealo.
-
Outro fungo, o oídio, tamén se propagará coas condicións favorables que vai ter (humidade e calor). Un tratamento a base de xofre é o máis recomendable para combatelo, sobre todo en cultivos como o allo.
Bo traballo!