Que facer na horta en agosto? Coidados e consellos de cultivo

Agosto é o mes no que se concentra a colleita dos cultivos de verán e a plantación dos de inverno. Un bo plan de traballo axudará a organizar as tarefas.

Publicidade
Que facer na horta en agosto? Coidados e consellos de cultivo

Algúns produtos da horta de verán

Agosto é un mes de intensa actividade nas nosas hortas xa que se xunta a colleita de cultivos de verán e das patacas de tarde coas plantación xa da horta de inverno.

Velaquí algúns consellos:

A rega é un tema moi importante neste mes. Un sistema de rega por goteo con programador aforraranos moito traballo. Recoméndase facelo nas primeiras horas do día ou a últimas da tarde e sen mollar as follas das plantas para evitar enfermidades fúnxicas. O acolchado con herba seca ou palla axudará a reter a humidade e a aforrar auga.

Convén non descoidar as colleitas xa que coa calor solen adiantarse. O mellor momento para colleitar é nas primeiras horas da mañá, cando os produtos están máis frescos. As cabaciñas hai que repasalas para recoller os froitos cada semana; o mesmo que os tomates e as xudías cada catro. Pementos e berenxenas tamén precisan ser colleitados unha vez á semana, máis ou menos. No caso dos pementos de Padrón é recomendable recollelos dúas veces por semana.

En canto á sementeira ao aire libre, cara finais de agosto é a mellor época para sementar o rei da gastronomía galega de inverno: o nabo. Hai que sementalo en pó e cunha chuvieira nacerá deseguido, aínda que dependendo das comarcas e do tipo de grelo (de cedo, de tarde ou de medio tempo), pode facerse tamén en setembro e mesmo en outubro.

Tamén podemos sementar ao aire libre cenouras, leitugas, nabicol ou escarola que, con bos coidados, estarán listas para recoller nos meses de setembro-outubro.

Agosto é tamén un dos mellores meses para plantar a horta de inverno: couveflor, repolo, brócoli, escarola…etc. Non debemos descoidar o rego para evitar que seque.

Tamén é o último mes recomendable para plantar porro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información