¿Que explotacións poderían quedar exentas da prohibición de esparexer o xurro?

¿Que explotacións poderían quedar exentas da prohibición de esparexer o xurro?

O pasado día 11 o Boletín Oficial do Estado publicou un decreto con cambios para poder percibir as axudas da PAC no 2018, entre os que destaca a prohibición do esparexido dos xurros por bandexa ou canón, esixindo a súa inxección no chan, Permítese, iso si, ás Comunidades Autónomas, establecer excepcións, que deberán estar debidamente xustificadas.

Esta medida, que persegue reducir a contaminación por nitratos e por óxido nitroso, levantou unha forte preocupación entre as ganderías de vacún de leite, xa que a inmensa maioría non enterran o xurro mediante inxectores, un sistema pouco aplicable no minifundio e a orografía de Galicia, e que ademais encarece os custos, ao requirir máis tempo e tractores con máis potencia, ademais da compra dos inxectores.

Neste sentido, responsables das Comunidades Autónomas de Galicia, Asturias, Castela e León e Cantabria mantiveron o pasado xoves unha reunión para consensuar unha resposta conxunta ao Decreto do Ministerio. E mañá xoves, representantes das organizacións agrarias galegas manterán un encontro en Santiago coa Consellería do Medio Rural para acordar unha posición galega ante esta problemática.

Sen embargo, unha das primeiras comunidades que xa fixo os deberes foi a de Cantabria. O pasado día 24 fixo público un “Informe sobre a aplicación de xurros en Cantabria en relación á modificación da normativa reguladora da condicionalidade da PAC en España”. O texto propón para a rexión unha serie de excepcións que poderían servir de base para o resto de Comunidades Autónomas, entre elas Galicia.

Así, demanda que se poda seguir esparexendo o xurro mediante plato ou abanico nos seguintes casos:

-Parcelas cunha pendente media superior ao 12%.

-Parcelas de tamaño inferior a 0,25 hectáreas.

-A totalidade da explotación gandeira cando o resto de parcelas (descontadas as parcelas incluídas nas dúas excepcións anteriores), en conxunto, representen unha superficie interior a:

a) 50% da superficie total da explotación ou menos de 2 hectáreas no primeiro ano.

b) 35% da superficie total da explotación ou menos de 2 hectáreas no segundo ano.

c) 20% da superficie total da explotación ou menos de 2 hectáreas no terceiro ano.

d) 10% da superficie total da explotación ou menos de 2 hectáreas no cuarto ano.

O informe do goberno cántabro tamén advirte de que se pretende aplicar a prohibición do Ministerio na rexión haberá un incumprimento xeneralizado da normativa, un maior risco de vertidos incontrolados e de desequilibrio territorial na aplicación de xurros.

Neste sentido, piden que se reconsidere ou se aprace a prohibición e que de aplicarse coas excepcións antes citadas, se faga de forma progresiva, parcial e non traumática para as explotacións.

Ademais, pídese que se sigan as recomendacións dun proxecto de investigación que se iniciará o próximo ano, para mellorar a eficiencia no uso de nutrientes, mitigar os gases de efecto invernadoiro e reducir a pegada de carbono nas ganderías de vacún de leite da Cornixa Cantábrica.

Asturias tamén pedirá excepcións

Pola súa parte, a consejera de Desarrollo Rural do Principado de Asturias, María Jesús Álvarez xa adiantou que, ao igual que Cantabria, van pedir excepcións. De feito, o Principado xa informou ao Ministerio en contra desta normativa na fase previa de consultas coas Comunidades Autónomas.

Ao igual que en Galicia, a conselleira asturiana incide en que os niveis de contaminación por nitratos de xurros gandeiros son inferiores aos de outras Comunidades Autónomas, especialmente as que contan cunha importante cabana gandeira intensiva de porcino, como Aragón ou Cataluña.

Medidas alternativas

Dende o sector gandeiro, diversas fontes apuntan a que a aplicación de xurros gandeiros en Galicia mediante esparcido non xera problemas de contaminación, “sempre e cando despois de aplicalos coa cisterna, se pasen os discos ou unha grade para enterralo”.

Recomendan tamén que se financie a construción de balsas de xurro en común para que os gandeiros podan acumulo para a sementeira do millo, o cultivo mais esixente en fertilizantes, así como axudas para a cuberta das foxas de xurro, evitando así que enchan coa auga de choiva.

Descarga aquí o informe elaborado polo Goberno de Cantabria.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información