Que especies empregar para ter cubertas vexetais no viñedo?

Coñecemos as alternativas de vexetación máis utilizadas na viticultura e as vantaxes que ofrecen as distintas variedades para manter o solo en óptimas condicións

Publicidade
Que especies empregar para ter cubertas vexetais no viñedo?

Cada vez óptase máis por mesturas de especies para conseguir mellores resultados, coma o caso desta cuberta que combina gramíneas e leguminosas.

Cepas en fileiras entre campos verdes ou cheos de cor. Esta é a estampa cada vez máis recorrente dos viñedos nas distintas rexións vitivinícolas e débese á aposta dos viticultores polas cubertas vexetais. Optan por plantar ou simplemente deixar crecer a vexetación que aflora entre as súas cepas en lugar de combatela con herbicidas ou o laboreo.

Son unha opción que ofrece protección fronte á erosión e as escorrentías, mellora as propiedades físicas do chan, axuda no control de pragas e é unha alternativa sustentable co medio ambiente e coa que se pode lograr tamén un aforro de custos. Ante estas vantaxes, moitos viticultores optan por este tipo de cubertas. Unha vez decididos por esta opción, cabe preguntarse, cales son as especies que mellores resultados ofrecen no viñedo

Sergio Ibáñez Pascual, investigador do Instituto de Ciencias del Vino y del Viñedo (ICVV) de La Rioja, ofrece algunhas recomendacións a ter en conta á hora de deseñar unha cuberta vexetal no viñedo. Boa parte das súas conclusións baséanse nas investigacións realizadas neste centro mixto de investigacións que integra o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), á Universidade e ao goberno de La Rioja. Ibáñez compartiu estas indicacións na xornada dixital “Cubertas vexetais en viñedos con restricións hídricas” organizada organizada pola Asociación de Técnicos en Viticultura de Castilla y León (Atevical) coa colaboración da Escola Universitaria de Enxeñaría Agrícola.

Cuberta vexetal espontánea nun viñedo vello de Garnacha na Serra de Gredos, Ávila.

Cuberta vexetal espontánea nun viñedo vello de Garnacha na Serra de Gredos, Ávila.

A selección

Cando comezaron a empregarse as cubertas vexetais en viñedos optábase por sementar mesturas comerciais utilizadas para xardinaría ou mesmo para campos de fútbol. Hoxe en día, sobre todo empréganse leguminosas, gramíneas e crucíferas. “É fundamental que a elección do tipo de cuberta se faga en función do obxectivo que buscamos con ela”, explica Ibáñez.

A elección do tipo de especies para a cuberta vexetal debe axustarse aos obxectivos que se pretendan lograr. Cada variedade pode proporcionar diferentes vantaxes

Así, o primeiro paso é ter claro que buscamos ao sementar ou deixar que medre unha cuberta vexetal espontánea nos nosos viñedos. Inicialmente asóciase esta opción como unha solución para evitar ou reducir o risco de erosión naquelas parcelas con pendentes pronunciadas ao estar en ladeiras de montañas, pero as cubertas vexetais poden proporcionar outros beneficios ao viñedo.Son unha alternativa para subministrar abono en verde, axudar a limitar o rendemento da vide e o seu vigor ou poden converterse nun método de biofumigación para algunhas pragas. Estes son só algúns exemplos dos usos que proporciona a cuberta e a elección dunha especie ou outra permite sacar maior partido a estas vantaxes.

A cuberta vexetal espontánea, a condición de que cumpra cos obxectivos que queremos, é a opción máis recomendable, xa que é a alternativa máis sinxela e económica, ao non ser necesario sementala. Ademais, estas cubertas espontáneas tamén achegan unha maior biodiversidade ao viñedo. “Non sempre a vexetación espontánea se axusta aos nosos intereses, xa que poden aparecer especies que non nos interesan, co que é máis difícil mantela”, apunta Ibáñez.

 Cuberta vexetal espontánea na que predominan as gramíneas, apenas hai especies de folla ancha invasoras.

Cuberta vexetal espontánea na que predominan as gramíneas, apenas hai especies de folla ancha invasoras.

Á hora de escoller as especies de vexetación a sementar tamén é importante ter en conta factores edafoclimáticos da parcela, xa que poden converterse nun impedimento para o desenvolvemento de determinadas cubertas. A idade do viñedo, a posibilidade de rega e o manexo que se queira facer da cuberta son aspectos determinantes a ter en conta.

Conseguir unha boa implantación, así como unha mínima invasión a curto prazo ou lograr que estes espazos se manteñan coas súas propias sementes, sen necesidade de resembrar cada ano son outros dos factores valorados para implantar determinadas especies.

A cebada é unha das alternativas máis populares, aínda que require un maior número de segas que outras especies

Unha das primeiras opcións que se propoñen para sementar como cuberta vexetal é a cebada, tanto polo prezo económico da semente como pola facilidade de atopar este cereal. “É unha opción moi a valorar, xa que se logra unha implantación moi boa, aínda que ao ser unha especie anual ten o inconveniente de que é preciso sementar todos os anos”, detalla o investigador.

Tamén é certo que pouco a pouco se vai optando por outras alternativas debido á gran cantidade de biomasa que xera. “A cebada, así como a avea ou o triticale, todas elas especies agrícolas, son moi vigorosas, o que fai difícil o seu manexo”, concreta Pablo González Cristóbal, técnico da firma Zulueta Corporación, especialistas en céspedes e cubertas vexetais.

Para evitar ter que volver sementar cada tempada, tamén se opta por especies similares como o Bromus catharticus, coñecida popularmente como cebadiña polas súas similitudes coa cebada, pero cunha capacidade de sementeira máis alta e cun ciclo máis curto, o que pode resultar interesante para ter unha menor competencia.

cuberta vexetal vides_festuca ovina

Unha das opcións empregadas polos seus bos resultados é a festuca ovina.

Outras especies populares para utilizar como cubertas son as festucas, que teñen un ciclo máis longo. “Pola nosa experiencia recomendaría a Festuca ovina, dada a súa adaptación, capacidade de resementeira e pola súa pouca competencia”, detalla Ibáñez. Nas gramíneas, outra das opcións é o Lolium perenne (Raygrass), cun ciclo máis longo que as festucas.

A Vulpia myuros ten unha gran capacidade de autosiembra e un ciclo curto que se adapta moi ben. Un dos maiores inconvenientes desta especie é o elevado custo da semente e que ademais está a resultar difícil de atopar. “Ultimamente a única forma de atopalas é a través de importación, procedentes de California”, apunta.

Dadas as dificultades para conseguir as sementes de Vulpia, pero os bos resultados que ofrece, no ICVV están a probar especies similares á Vulpia como a Brachypodium distachyum. Esta variedade non alcanza máis de 20 centímetros de altura a diferenza doutros Brachypodium e conta cunha capacidade de autosementeira alta. “Levamos aínda pouco tempo probándoa con adegas que colaboran connosco, pero os resultados son interesantes”, comenta o investigador.

A Vulpia, a Festuca, o Bromo e o Raygrass ofrecen unha boa capacidade de autosementeira e un importante aforro económico e enerxético

Tanto a Vulpia, como a Festuca, o Bromo e o Raygrass ofrecen unha boa capacidade de autosementeira e un importante aforro económico e enerxético. Ademais, a Festuca e o Ryagrass de ciclo longo son tamén unha opción para controlar os altos rendementos e vigor do viñedo. Mentres, a cebada, a Vulpia, así como a veza, todas elas de ciclos curtos ou medios, permiten limitar o rendemento e vigor sen comprometer a acumulación de fotoasimiladores na baga.

Nas cubertas con gramíneas é conveniente non rozar ata que a planta espigara e producira o resementado, cara a final de xuño. “Desta forma acumúlanse reservas (carbohidratos) nas plantas a nivel radicular e o rebrote outonal é máis potente”, explica o técnico especialista en cubertas de viñedos da firma Zulueta Corporación.

cuberta vexetal herba trevo 2 viñedo

Os trevos, como o persa, son alternativas interesantes pola súa capacidade de cubrir o solo.

O Trifolium resupinatum (trevo persa) é outra das alternativas que estudaron no ICVV. É unha variedade bastante rústica, adaptada a solos cun Ph por encima de 8,5 e case non é preciso recorrer á sega. “O problema que vimos é que despois dos 3 anos de implantación, nalgúns casos xa tras o primeiro ano, hai unha invasión grande doutras especies, polo que se fixo necesario volver sementar”, indica Ibáñez.

Unha opción que proporciona un gran efecto peneirante nos solos do viñedo é o Medicago truncatula e ao ser unha especie rastreira non é preciso segala. No ICVV fixeron este ano os seus primeiros estudos con esta variedade en colaboración coas Adegas Dinastía Vivanco e os resultados foron moi favorables, aínda que están pendentes de comprobar a capacidade de autosementeira desta especie. Esta adega estaba interesada en probar especies que puidesen utilizar na liña de sementeira para evitar o uso de herbicidas. “A maior dificultade é realizar a sementeira nesta zona, xa que, polo momento, non hai maquinaria para afrontar este traballo”, explica.

O uso da veza nas cubertas é unha das mellores opcións se se busca un abono para o solo

O Trifolium fragiferum (trevo fresa) é outra das especies que se está empregando para plantar na liña de sementeira do viñedo. De feito, o centro de experimentación e investigación en viticultura e enoloxía de Navarra, o Evena, levou xa a cabo estudos sobre o seu uso como cuberta ao pé das cepas con bos resultados, posto que destaca pola súa capacidade para cubrir o solo.

cubierta con veza

Cuberta vexetal de veza.

Se o obxectivo é que a propia cuberta vexetal sirva como abonado de inverno, unha das mellores alternativas é a veza. “Dada a cantidade de biomasa que xera a veza non ten sentido empregala como cuberta se non se busca un abono para o solo”, valora o investigador. Do mesmo xeito que ocorre coa cebada ou a avea, a veza require un maior número de segas.

Ademais, é preciso ter presente que a veza é proclive á invasión de flora espontánea, co que a curto-medio prazo perde o carácter de cuberta monoespecífica. A veza, do mesmo xeito que o medicago e o trevo poden mellorar os niveis de nitróxeno no solo.

 

cuberta vexetal cadro 2 viñedo

Características agronómicas das principais especies empreadas para cubertas en viñedo.

cuberta vexetal de flores _Vides

As adegas tamén están a empregar cubertas florais, que son un atractivo en sí e que proporcionan unha maior biodiversidade.

Cubertas variadas

Nos últimos anos están a probarse mesturas con aquelas especies que achegaron bos resultados de forma individual. “Con estas mesturas conseguimos mellorar a biodiversidade e lograr diferentes obxectivos ao combinar as especies”, indica Ibáñez. Unha das mesturas que probaron con bos resultados é a formada por dúas leguminosas e dúas gramíneas. En concreto, esta composición baséase en: 35% de Esparceta, 25% Trifolium fragiferum, 15% Raygrass e 25% Festuca ovina.

“Se a mestura de especies está ben deseñada non compite co cultivo da vide, senón ao contrario. Pode mellorar o desenvolvemento das cepas e a calidade na produción da uva”: Pablo González, técnico de Zulueta

A presenza dunhas especies ou outras tamén está condicionada polo vigor da viña ou a fertilidade do solo. Tal e como explica o técnico Pablo González, a proporción de leguminosas nunha mestura non debe superar o 20%, e a súa recomendación pasa porque se atope entre o 5 e o 10%. “Se a mestura de especies está ben deseñada non compite co cultivo da vide, senón ao contrario. Pode mellorar o desenvolvemento das cepas e a calidade na produción da uva”, comenta. Así, aconsella utilizar mesturas polifitas, formadas a base de gramíneas e leguminosas pratenses en proporcións equilibradas segundo as súas diferentes características, a fin de aproveitar as súas distintas calidades.

Cada vez máis comezan a verse adegas que apostaron tamén por incluír cubertas cheas de cor, ao sementar flores nas cubertas espontáneas ou ó combinalas con outras especies que cultivan. Un dos maiores inconvenientes destas alternativas é o custo da semente, porén convertéronse nun atractivo máis para o enoturismo.

Os estudos realizados no ICVV con cubertas florícolas a base de Caléndula officinalis, Centaurea cyanus, Cosmos bipinnatus ou Papaver californicum, entre outras; demostran que é unha forma de incrementar de forma rápida a fauna auxiliar, pola gran cantidade de pole que ofrecen, o que ofrece unha maior capacidade de proliferación de inimigos naturais fronte ás pragas que afectan o viñedo. Ademais, a combinación adecuada pode proporcionar unha floración graduada que abarque de xullo a setembro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información