Ence Pontevedra semella ter entrado nunha conta atrás de peche definitivo, salvo que prospere o seu recurso contra a sentencia da Audiencia Nacional que anula a prórroga da concesión de Lourizán. É un escenario que abre moitas incógnitas para o sector forestal. O eucalipto galego perdería un dos seus compradores de referencia, á espera dunha reconfiguración na Península da industria da celulosa. Analizamos as posibilidades.
Aumento de compras de Navia e do mercado portugués
A posibilidade da apertura dunha nova planta en Galicia, en sustitución da de Pontevedra, é descartada por Ence, que sostén que tecnicamente non se lle ofreceu ningún emprazamento viable. Se chega a pecharse Pontevedra, a compañía aposta por aumentar a capacidade de produción da súa planta de Navia polo menos en 340.000 toneladas, co que superaría o millón de toneladas anuais.
Esa ampliación de Ence Navia, xunto cun posible aumento de envíos de madeira a Portugal, principalmente a Navigator, que conta con plantas relativamente próximas ó sur de Galicia no distrito de Aveiro (Cácia) e en Figueira da Foz, permitiría dar saída a boa parte do consumo actual de Ence Pontevedra, que no último ano produciu algo máis de 400.000 toneladas de pasta.
Desde a perspectiva dos propietarios forestais, ese cambio de destinos produciría unha leve caída de prezos en monte, polos maiores custos de transporte da madeira, pero non existe especial preocupación. Percíbese que hai demanda de eucalipto e que a madeira galega terá mercado tanto en Navia como en Portugal, así como noutros posibles destinos, vía marítima.
Perda de transformación de materia prima en Galicia
Galicia exporta na actualidade en rollo, sen transformar, arredor dun 30% da madeira que corta en monte, principalmente eucalipto con destino a Navia e a Portugal, pero tamén piñeiro enviado a outros puntos da Península. Co posible peche de Ence Pontevedra, a porcentaxe de madeira en rollo enviada fóra da comunidade podería pasar a máis do 50%.
É un escenario que deixaría a boa parte do sector forestal como produtor de materia prima, en tanto que o emprego e o valor engadido asociado ós procesos industriais se xeraría noutros territorios. Falando en prata, a nivel forestal Galicia pasaría a ter o perfil tradicional dun ‘país en vías de desenvolvemento’. Produtor de materia prima que se transforma noutro territorio.
A posta en marcha dunha empresa pasteira que contribuíse á transformación industrial da madeira galega fora un anceio político desde a Segunda República, presentándose o primeiro proxecto no 1937. Daquela, a idea era procesar o piñeiro para obter pasta de fibra longa -a destinada hoxe en día á elaboración de cartón-, pero non foi ata décadas despois en que se impulsou o proxecto de Ence Pontevedra, que comezaría a funcionar no 1963 con piñeiro para, posteriormente, a partir do 1969, ir sustituíndo o piñeiro polo eucalipto, orientándose a factoría á fabricación de pasta de papel de fibra curta.
O peche de Ence Pontevedra -con independencia dos lexítimos intereses ecoloxistas e veciñais- deixaría a Galicia con escasos destinos industriais para o eucalipto, máis alá de usos menores en taboleiros e no aserrado.
Novas factorías en Galicia?
En Galicia existe unha oferta suficiente de eucalipto que xustificaría a posta en marcha dunha nova planta de celulosa, en sustitución da de Pontevedra. É un escenario que baralla o propio conselleiro de Economía, Francisco Conde, que apela a destinar fondos Next Generation para impulsar dous plantas en Galicia ligadas á madeira: unha para un proxecto de viscosa, fibras téxtiles derivadas da madeira, e outra para sustituír a Ence Pontevedra.
A cuestión é que Ence á súa vez aspira a fondos Next Generation para a ampliación da súa planta de Navia, polo que resulta complicado que haxa fondos europeos para ambos proxectos.
As iniciativas de transformación do eucalipto que propón a Xunta faríanse por medio dunha colaboración público – privada. De chegar fondos Next Generation, ben para a planta de viscosa, ben para os dous proxectos (viscosa e celulosa), a Administración tería que definir con que socios industriais contaría. Ence e os portugueses de Navigator estarían previsiblemente interesadas na iniciativa, se ben desde o sector dos propietarios forestais apóstase pola chegada de novas empresas que rachen co duopolio de facto que exercen en Galicia ambas compañías.
A planta de viscosa, segundo apuntan fontes do sector forestal, deberíase acompañar ademais de aproveitamentos complementarios nunha biorrefinería, de cara a obter o maior valor engadido posible das partes da madeira que non se utilizasen no proceso. A viscosa é un mercado con demanda en aumento, pero o recente peche da factoría cántabra de Sniace, orientada a viscosa, demostra a necesidade de afinar na competitividade do proxecto galego.
Emprego doutras especies forestais?
Cando a Xunta anunciou o proxecto dunha planta de viscosa que opta a fondos Next Generation, eludiu concretar a materia prima a empregar na planta, máis alá de apuntar que se poderían aproveitar diversas especies forestais e mesmo material para reciclar “como papel e cartón” -segundo o presidente da Xunta-. As perspectivas apuntan a que o eucalipto sería na práctica a principal materia prima para a planta, pero ábrese tamén o escenario dun posible uso complementario doutras especies forestais.
O piñeiro, a segunda especie en volume de cortas en Galicia, ten na actualidade unha demanda disparada, tanto para usos de serra, nos aserradoiros galegos, como para usos de trituración -principalmente en Finsa, biomasa e na planta de celulosa de fibra longa de Viana do Castelo (Portugal)-. Cunha demanda en aumento e unha oferta en retroceso nos últimos anos, o uso de piñeiro en novas industrias galegas de celulosa – viscosa semella pouco probable.
A parte do eucalipto, a alternativa que quedaría sería o emprego de frondosas caducifolias como o bidueiro, que é unha das principais materias primas empregadas pola industria escandinava da celulosa, competidora de Ence no mercado europeo.
O bidueiro, fronte ó eucalipto, presenta desvantaxes a nivel forestal e industrial. O seu crecemento en monte é menor, co que se alongan turnos de corta, e a cantidade de madeira que se precisa para lograr unha tonelada de pasta é maior, o que apunta a menores prezos. En Escandinavia, o bidueiro para pasta de papel págase no entorno dos 16 euros / tonelada, polo que non é competitivo a nivel económico fronte ó eucalipto. Outra cuestión son as vantaxes ambientais e paisaxísticas que podería aportar no monte, de posicionarse como un cultivo forestal complementario en Galicia asociado a unha demanda industrial.
Creio que Campo Galego nom estades a ser objetivos a hora de tratar o tema de Ence, que tomades claramente umha posiçom a favor da pasteira e obviades a quantidade e de beneficios que tería a sua saída da Ría de Pontevedra, que é o que se reinvindica.
Ence leva anos congelando o prezo da madeira que se lhe paga aos produtores, passanos aquí como no sector do leite, e tirando a baixa qualquer suba mentras reparte beneficios milionários entre o seu conselho de administraçom ou oferta “regalos” em vez de pagar mais a tonelada. Umha empresa que recordemo COTIZA EM MADRID nom aquí.
Si a Xunta se pom as pilhas temos umha oportunidade para dar-lhe um empurre ao sector madeireiro, aumentando a diversidade de especies prantadas, de desetinos e qualidade da madeira. Mais acorde com a nossa vegetaçom natural, com maior valor paisagistico e o conseguinte valor social e também ecológico e mais resistente aos lumes.
Ence deve saír da Ria, da costa, qualquer observador imparcial veria esto. A industria da pasta deve seguir na Galiza, há emprazamentos para isto, por exemplo As Pontes. O que nom pode industria da pasta e condicionar o desenvolvemento do sector enteiro da madeira.