Que enfermidades están ameazando a cría de porcos?

A peste porcina africana está cada vez máis presente en Europa pero non é a única que pon en risco a estes animais. Existen enfermidades emerxentes das que se comezan a observar casos, e polo momento, a solución está na observación e na bioseguridade

Que enfermidades están ameazando a cría de porcos?

A peste porcina africana e a peste porcina clásica son as máis coñecidas pero existen outras emerxentes / Arquivo

Os porcos domésticos desenvólvense nun ecosistema no que aparecen novas ameazas constantemente. A peste porcina africana é unha das máis coñecidas polo seu avance mundial, pero tamén existen outras emerxentes como o virus do síndrome respiratorio e reprodutivo porcino ou o fallo de crecemento no peridestete, a última emerxente do mundo. Aínda que razas minoritarias como o porco celta poden ter vantaxes polo tipo de manexo, seguen sendo porcos e, polo tanto, non son inmunes a estas enfermidades. Que riscos existen e que a que síntomas se lles debe prestar atención? Varios expertos responderon a estas cuestións na última xornada técnica organizada por ASOPORCEL, a asociación de Criadores da Raza Porco Celta. 

Cadro clínico da peste porcina africana (PPA) e diferencias coa clásica (PPC)

Trátase dunha enfermidade hemorráxica contaxiosa que afecta a porcos domésticos e silvestres ocasionando altos índices de mortalidade. “En España polo momento ben, pero pode aparecen en calquera momento posto que somos os terceiros produtores mundiais de porcos. No caso do Porco Celta, ao igual que no resto de razas criadas en España, existe a desvantaxe da produción en extensivo, un factor de risco debido ao potencial contacto co xabaril”, explica o veterinario e profesor do departamento de produción animal da Facultade de Veterinaria da Universidade de Murcia (UM), Guillermo Ramis.

O cadro clínico xeral desta enfermidade manifesta unha febre alta, polo que os animais teñen frío -pode observarse como se xuntan uns contra outros-, están moi débiles e apáticos, co que perden peso. “Outro resgo distintivo típico é a aparición de cianose sobre todo na cola e nas orellas. Tamén podemos apreciar problemas dixestivos, como diarrea e vómitos, xeralmente con sangue; inflamacións articulares e problemas respiratorios -tose, disnea, etc.-”, sinala o investigador do Departamento de Sanidade e Anatomía Animais da Facultade de Veterinaria da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), Francesc Accensi.

Mostra de lesións cutáneas que poden aparecer en orella. Fonte: Francesc Accensi

Mostra de lesións cutáneas que poden aparecer en orella. Fonte: Francesc Accensi

“Na necropsia dos animais infectados, que vemos? Observamos típicamente un agrandamento do bazo (esplenomegalia), linfonodos hemorráxicos e aumentados de tamaño, hemorraxias e edemas, contido gastrointestinal hemorráxico, etc. En realizadas en xabarís, as lesións son basicamente as mesmas”, amosa o investigador.

As diferencias clínicas e patolóxicas da peste porcina africana coa peste porcina clásica non son perceptibles a simple vista, polo que para saber de que enfermidade se trata hai que detectar o xenoma do virus vía PCR a partir dunha mostra. Actualmente, ante a emerxencia que supón, moitos equipos de investigación están traballando na obtención dunha vacina contra a PPA, aínda que dada a complexidade do virus e o descoñecemento deste tardarase en ter unha vacina -atenuada- no mercado. Así pois, a bioseguridade e a vixilancia seguen sendo as medidas máis efectivas na loita contra a PPA.

Unha radiografía do virus

Como é o virus? “É virus ADN bicatenario, envolto e icosaédrico, do xénero Asfivirus. É un virus ‘grande’ xa que expresa máis de 150 proteínas, das cales se descoñecen unha gran parte. Del describíronse ata 24 xenotipos diferentes e a maioría das vacinas experimentais que hoxe en día existen só protexen contra a mesma cepa parental homóloga. As súas células diana son os macrófagos/monocitos, e unha vez en fases avanzadas, infecta ás células epiteliais xerando maiores problemas hemorráxicos”, describe Francesc Accensi.

É un virus resistentes a baixas temperaturas, incluso durante anos en carnes conxeladas. Afecta a porcos salvaxes propios de África, coma os facóqueros, que poden pasar a vida infectados, pero non se poñen enfermos, actuando, xunto coas carrachas blandas do xénero Ornithodoro, como reservorio do virus. Sen embargo, cando o virus da peste porcina africana (VPPA) infecta a xabarís ou porcos domésticos europeos, estes si que enferman.

Como se producen os contaxios? O VPPA transmítese por vía oro-nasal -contacto directo entre animais, inxestión de material contaminado, como restos dun animal morto, etc.- ou mediante a picadura de carracha. “Está pensado para transmitirse por picadura deste parasito, así que, sempre que haxa sangue infectada polo medio, teremos unha situación de risco; 1ml de sangue dun porco infectado pode conter 100 millóns de partículas do virus”, sinala Accensi. Cabe destacar que, o ser humano non se infectada co VPPA pero pode actuar como un ‘portador’ puramente mecánico -transportar porcos infectados de aquí para alá, botas contaminadas de sangue tras unha cacería, etc.- do virus.

É posible controlar a PPA? Polo momento, non existe nin tratamento nin vacina e as únicas medidas que hai -ratificadas pola Organización Mundial da Saúde Animal (OMSA)- son o diagnóstico rápido do foco, o sacrificio deses animais e o vaciado das explotacións colindantes. “A única arma efectiva da que dispoñemos nestes momentos é a bioseguridade”, insiste o investigador da UAB.

Enfermidades emerxentes en razas minoritarias

Na súa intervención durante as Xornadas Técnicas do Porco Celta, o profesor da Facultade de Veterinaria da Universidade de Murcia (UM), Guillermo Ramis, destacou tres enfermidades emerxentes no ámbito porcino: o fallo de crecemento no peridestete (PFTS) -a última emerxente do mundo-, o virus do síndrome respiratorio e reprodutivo porcino (PRSS), e o virus da diarrea porcina epidémica.

A primeira delas, a PFTS, “é unha enfermidade que afecta a leitóns que se destetan perfectamente sans, os sacas á transición e non comen, e empezan a perder peso con síntomas engadidos”, define o veterinario da UM. Esta patoloxía xa se considera unha enfermidade emerxente descrita en diversos países como Estados Unidos, España, Portugal ou Italia. Os animais afectados manifestan un cadro clínico caracterizado pola perda de condición física ou mesmo comportamentos atípicos.

Existe algunha influencia da xenética? Nunha investigación realizada por Ramis e outros compañeiros determinouse unha influencia da xenética na proliferación da enfermidade. A pesar disto, “a probabilidade de que esta enfermidade chegue a razas minoritarias é reducida porque as poboacións destes animais son pequenas, teñen pouca posibilidade de reposición e sofren pouca presión produtiva”, detalla Guillermo Ramis. Cabe engadir que a PFTS é propia de animais con crecemento rápido, unha cuestión impropia das minoritarias.

En canto á diarrea vírica epidémica (PEDV) é un tipo de coronavirus que afecta ao intestino delgados dos porcos neonatos xerando unha diarrea severa e ocasionando a morte por deshidratación. “Sabemos que certas modificacións sobre o xenoma do virus afectan sobre a súa virulencia polo que tamén contén unha influencia xenética”, afirma Ramis.

Por outra banda, a PRRS é un virus ARN coñecido como o virus do síndrome respiratorio e reprodutivo porcino que “está ocasionando unha taxa de abortos que non coñecíamos desde o ano 96 e unha mortalidade de porcas do 50%, e que ten a maior taxa de mutación vista na natureza”, sinala o veterinario. Isto ocasiona que diferentes animais teñan diferente resposta á enfermidade, diferente carga vírica, ou mesmo unha dinámica vírica diferente. “Unha vez máis, o ADN inflúe sobre cuestións como a produción de anticorpos”, engade.

É probable que aparezan a PEDV ou a PRRS aparezan nunha raza minoritaria? “Si que é probable porque seguramente teñen os mesmos receptores que o resto de porcos. Igualmente, a rusticidade é unha vantaxe importante nestas razas: xeralmente, ao non estar sometidas a tanta presión de selección teñen maior capacidade de adaptación ao medio. Ademais, ao tratarse de explotacións de tamaño reducido a presión de infección é menor”, sintetiza Guillermo Ramis. Cómpre engadir que as ferramentas de control e prevención en porcos de razas minoritarias son máis efectivas debido ao volume das explotacións.

Neste punto, hai que ter en conta que case todas as enfermidades infecciosas van depender dun receptor, e no caso dos porcos, “ata onde se sabe, as razas minoritarias teñen os mesmos receptores para patóxenos que as brancas, aínda que existen certas excepcións, como algunhas razas minoritarias chinas que non teñen receptor de E.coli co que non poden contaxiarse desta enfermidade. Este é o exemplo polo cal, pode haber excepcións que non sabemos e que teñen as nosas razas minoritarias”, engade o profesor da Universidade de Murcia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información