A principal queixa das granxas en Galicia adoita centrarse no prezo do leite, 2,9 céntimos litro máis baixo que no resto de España durante o 2016, pero hai outro factor, o modelo de contrato, que tamén suscita conflicto. Os contratos poden ser a prezo fixo ou variable. No caso dos contratos cun prezo variable, normalmente os de maior duración, a polémica radica en que criterios utilizar para cambiar o prezo do leite mes a mes.
A Interprofesional Láctea (INLAC) elaborou xa hai anos catro índices, en base a parámetros obxectivos de mercado, que se poderían empregar nos contratos para referenciar os prezos do leite, de xeito que evolucionasen mes a mes segundo o que marque o modelo elixido. Eses índices aprobáronse co consenso de todo o sector, industrias, cooperativas e organizacións agrarias, pero na práctica, as industrias a penas están a usalos, con excepcións contadas, como poden ser Danone ou Celega.
O sector entende que o uso dos índices da Interprofesional Láctea reduciría a conflictividade
A maioría de industrias traballa ou ben con contratos a prezo fixo ou con contratos a prezo variable suxeitos a fórmulas particulares. É o caso de Lactalis, que propón un modelo de fixación de prezos no que é xuíz e parte, segundo as denuncias das organizacións agrarias.
O sector entende que a conflictividade que orixinan propostas como a de Lactalis sería solucionable co uso de índices obxectivos como os da INLAC. Agora ben, que tería pasado cos prezos do leite en Galicia no 2016 se os contratos estivesen referenciados a algún dos índices da INLAC?
O caso dunha granxa media en Galicia
Facemos a proba para unha granxa media de Galicia (300.000 litros / ano) coa ferramenta online que ten a propia Interprofesional na súa web. Introducimos en cada mes os prezos medios do leite na comunidade (datos do Ministerio de Agricultura) no periodo decembro 2015 – novembro 2016 e comparamos o resultado co que ofrecerían os catro índices da INLAC.
Se o prezo en Galicia evolucionase como en Francia, Lactalis teríalle pagado un millón de euros máis ás granxas galegas no 2016
O prezo real cobrado en Galicia (prezo usuario, en azul na gráfica) é o máis baixo de todos, pero cunha escasa marxe sobre os índices A e A1, deseñados en base ás particularidades do mercado español, que terían representado ingresos a maiores para as granxas de 100-150 euros ó ano.
Se se toma como referencia o índice B (evolución dos prezos en Francia), cada granxa debería ter ingresado arredor de 900 euros a maiores ó longo do ano, en tanto que co modelo C (evolución dos prezos en Alemania), os ingresos deberían ter sido de arredor de 600 euros a maiores.
Son, en calquera caso, cartos adicionais que para as granxas, a nivel individual, non representarían unha gran diferenza, se ben para as industrias, a suma do conxunto si resulta unha batalla importante. Un exemplo. Lactalis, que traballa en Galicia con arredor de 1.200 granxas, debería terlle pagado no 2016 un millón de euros máis ós gandeiros galegos se os prezos en Galicia tivesen evolucionado como en Francia.
Índices para o mercado español
Con todo, o sector gandeiro é máis partidario dunha indexación dos prezos ós índices elaborados para o mercado español (A e A1), pois enténdese que nunha perspectiva de longo prazo aportan maior estabilidade e que reflicten as particularidades do modelo de negocio do sector lácteo en España.
O peso que ten nos índices A e A1 o IPC do leite deixa un reto compartido para gandeiros e industrias, a suba do leite no supermercado
Eses dous índices (A e A1) toman en conta os seguintes criterios: IPC do leite (38%), prezo do leite en 5 Estados membros (Francia, Portugal, Alemania, Dinamarca e Países Baixos), 20%; prezo do penso de vacas de leite (20%), índice de cotización da materia graxa (12%), índice de cotización dos queixos (10%).
O peso que ten no prezo final dos índices A e A1 o IPC do leite pon de manifesto un reto no que industrias e gandeiros comparten intereses, a mellora dos prezos do leite, sobre todo o de marca branca, nos lineais das cadeas de distribución.
“Lactalis fai as súas contas en Galicia”
O malestar no sector polo novo contrato ofrecido por Lactalis é patente. Os gandeiros esperaban unha suba superior ó céntimo ofertado pola industria gala. “É unha suba que non alivia a situación, pois para as granxas que están na corda non representa ningunha solución”, considera Óscar Pose, de Unións Agrarias, que se posiciona tamén en contra do modelo de indexación de prezos ofrecido pola empresa.
Valoracións da Fruga
A Federación Rural Galega (Fruga) transmite igualmente o seu malestar pola proposta de contrato de Lactalis-Puleva. “Vimos dun último trimestre do 2016 con continúas subas dos produtos lácteos industriais e non é de recibo que esa mellora do mercado non se plasme nos prezos no campo”, valora o coordinador de Gandería da Fruga, Elías Somoza.
A Fruga comparte ademais a oposición ó modelo de indexación de Lactalis. “Lactalis é a principal industria transformadora a nivel de España e dá a impresión de que quere facer as súas contas en Galicia, onde ten o leite máis barato do Estado” -cuestiona Elías Somoza.- “Sería preciso un modelo de contrato único en Galicia que aportase prezos estables no campo, non que cada industria faga o que lle pareza en base os seus intereses”.