Que di a lei sobre a compra de produtos fitosanitarios por Internet?

Os problemas creados pola esixencia de carnet para mercar produtos fitosanitarios de uso profesional está levando a un crecente número de agricultores a mercalos por internet. A Unión Europea prepara un maior control sobre estas vendas.

Publicidade
Publicidade
Que di a lei sobre a compra de produtos fitosanitarios por Internet?

Internet estase a converter na tenda agropecuaria para un número crecente de agricultores que queren adquirir produtos fitosanitarios para a súa horta. Dende o pasado 26 de novembro, a normativa impide a venda de fitosanitarios de uso profesional a persoas que non dispoñan do carné básico de aplicador, mentres que para os fitosanitarios de uso doméstico a venda segue sendo libre.

Precisamente, ante a falta de carnet -por falta de oferta de cursos, por non querer realizalo…etc- son moitos os que se aproveitan do baleiro legal existente para a venda de fitosanitarios por internet para mercalos nas numerosas plataformas online existentes.

Víctor Novo Vázquez, Xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural advirte de que “a compra de fitosanitarios de uso profesional por internet é legal sempre e cando se pida o número de carnet de aplicador ao cliente e que a empresa que vende estea inscrita e dada de alta no ROPO”, ou Registro oficial de productores y operadores de medios de defensa fitosanitaria (ROPO). Ademáis, deben levar un rexistro de transaccións e cumprir o resto de obrigas, incluída a formación do persoal, que marca o Real Decreto 1311/2012. É dicir, as mesmas obrigas que se se tratase dunha dunha tenda física.

“É unha venda legal se todos os participantes no proceso de venda están rexistrados, tanto os usuarios profesionais como os establecementos”, subliña.

Sen embargo, a Administración recoñece que a venda de fitosanitarios por Internet non ofrece as mesmas garantías, xa que o comprador pode utilizar o número de carnet doutra persoa -mesmo a veces a tenda online non pide o número do carnet- e é difícil comprobar o rexistro de transaccións do establecemento.

O control de que os portais de venda online de fitosanitarios cumpren a normativa e están inscritos no ROPO correspóndelle á Comunidade Autónoma na que ten a sede a empresa. Neste sentido, fontes da Consellería do Medio Rural recoñecen que ata o de agora non se ten feito ningunha denuncia en Galicia contra este tipo de establecementos, “pero si que imos empezar a comprobar as tendas online que teñen a sede social en Galicia”.

Compra por internet de produtos fitosanitarios noutros países

A situación de “alegalidade” na que se move a venda deste tipo de produtos por Internet permite que nalgúns casos se poda mercar produtos fitosanitarios noutros países que non están autorizados en España. A este respecto, dende o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente (MAGRAMA) recordan que “en España só se poden utilizar produtos fitosanitarios autorizados para cada cultivo, polo que a importación mediante unha compravenda por internet sería ilegal”.

“O principal problema témolo coa venda por Internet de empresas que están fóra de España”

Neste caso, o paquete debería ser supervisado polas autoridades españolas en Aduanas e estaría incluído dentro do programa de vixilancia do uso e da comercialización. O programa de uso lévase a cabo dende o Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural e controla cada ano un número determinado de explotacións. Os titulares deben ter libro de rexistro de tratamentos coa identificación dos produtos e os albaráns ou facturas de compra. No programa de vixilancia na comercialización os controlados son os establecementos.

“O problema témolo no control das empresas de venda de fitosanitarios por Internet que non están ubicadas en España. Neste caso o control é complicado e limítase únicamente ao uso destes produtos -non deixaría de ser un uso e un comercio ilegal- e ao control que se poda facer dende Aduanas”, recoñecen dende o Magrama.

España e a Unión Europea van desenvolver lexislación específica para controlar a venda de fitosanitarios por internet

Ante o baleiro de control existente neste sector, tanto a Unión Europea como o Ministerio teñen previsto desenvolver lexislación específica que reforce os controis sobre o comercio online de produtos fitosanitarios.

“Algúns Estados membros xa puxeron de manifesto este problema e, de feito no novo regulamento de controis -que substituirá ao Regulamento CE 1107/2009– xa se plantea desenvolver lexislación específica para as vendas por Internet”, aseguran fontes do Ministerio. Un maior control que tamén se vai plasmar na lexislación na que está a traballar o Magrama.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información