Que di a lei sobre a circulación de gando por estradas?

Unha recente sanción da Garda Civil de Tráfico a un gandeiro de Becerreá (Lugo) por levar as súas vacas a pacer por unha estrada secundaria incumprindo a normativa, volveu poñer de actualidade esta problemática. Analizamos o que di a normativa de tráfico.

Que di a lei sobre a circulación de gando por estradas?

Vacas na estrada. Autor: www.amj-en-balade.fr

O desprazamento de gando, sobre todo vacas, por estradas secundarias para levalas a pacer é unha práctica moi habitual en Galicia. A recente sanción – 80 euros- da Garda Civil de Tráfico a un gandeiro de Becerreá (Lugo) por conducir as súas vacas incorrectamente pola calzada volveu poñer de actualidade esta problemática.

Desde as organizacións agrarias e os propios gandeiros piden “flexibilidade” á Benemética e comprensión aos condutores. Alegan que cumprir a normativa ao 100% é moi difícil e piden “sentido común” na súa aplicación para garantir que os condutores circulen con seguridade pero tamén que os gandeiros, cuxa situación económica polos prezos da carne e do leite xa é moi difícil de por si, poidan realizar o seu traballo de levar o gando a pacer.

A continuación reproducimos o que di a normativa en España, recollida no Regulamento Xeral de Circulación. En concreto, no capítulo V en que lexisla sobre a circulación de animais por estradas e vías, agás autoestradas e autovías, onde teñen prohibido o tránsito.

Artigo 126: Normas xerais

Nas vías obxecto da lexislación sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria, só se permitirá o tránsito de animais de tiro, carga ou cadeira, cabezas de gando illadas, en manda ou rabaño, cando non exista itinerario practicable por vía pecuaria e sempre que vaian custodiados por algunha persoa.

O devandito tránsito efectuarase pola vía alternativa que teña menor intensidade de circulación de vehículos e de acordo co que se establece neste capítulo (artigo 50.1 do texto articulado).

Artigo 127. Normas especiais

1. Os animais a que se refire o artigo anterior deben ir conducidos, polo menos, por unha persoa maior de 18 anos, capaz de dominalos en todo momento, a cal observará, ademais das normas establecidas para os condutores de vehículos que poidan afectarlle, as seguintes prescricións: (Actualizado a Lei 18/2009) 74

a) Non invadirán a zona peonil.

b) Os animais de tiro, carga ou cadeira ou o gando solto circularán pola beiravía ao lado dereito, e se tivesen que utilizar a calzada, farano aproximándose canto sexa posible ao borde dereito desta; por excepción, permítese conducir un só de tales animais polo borde esquerdo, se razóns de maior seguridade así o aconsellan.

c) Os animais conducidos en manda ou rabaño irán ao paso, o máis preto posible do borde dereito da vía e de forma que nunca ocupen máis da metade dereita da calzada, divididos en grupos de lonxitude moderada, cada un dos cales cun condutor polo menos e suficientemente separados para entorpecer o menos posible a circulación.

No caso de que se atopen con outro gando que transite en sentido contrario, os seus condutores coidarán de que o cruzamento se faga coa maior rapidez e en zonas de visibilidade suficiente, e, se circunstancialmente isto non se puido conseguir, adoptarán as precaucións precisas para que os condutores dos vehículos que eventualmente se aproximen poidan deterse ou reducir a velocidade a tempo.

d) Só atravesarán as vías por pasos autorizados e sinalizados para o efecto ou por outros lugares que reúnan as necesarias condicións de seguridade.

e) Se circulan de noite por vía insuficientemente iluminada ou baixo condicións meteorolóxicas ou ambientais que diminúan sensiblemente a visibilidade, o seu condutor ou condutores levarán no lado máis próximo ao centro da calzada luces en número necesario para precisar a súa situación e dimensións, que serán de cor branca ou amarela cara adiante, e vermella cara atrás, e, no seu caso, poderán constituír un só conxunto.

f) En estreitamentos, interseccións e demais casos en que as respectivas traxectorias se crucen ou corten, cederán o paso aos vehículos, salvo nos supostos contemplados no artigo 66.

2. Prohíbese deixar animais sen custodia en calquera clase de vía ou nas súas inmediacións, sempre que exista a posibilidade de que estes poidan invadir a vía.

Podes consultar aquí o texto completo do Regulamento Xeral de Circulación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información