Mobilizar as terras abandonadas por parte da Administración para poñelas a disposición dos agricultores e gandeiros que as queiran traballar; priorizar as políticas de prevención de lumes sobre as de extinción; deixar de criminalizar aos gandeiros como autores dos lumes cando son os principais prexudicados ou desbloquear as axudas da PAC ás explotacións afectadas por incendios forestais.
Estas son algunhas das reivindicacións dos participantes na xornada monográfica sobre os incendios en Galicia que realizou este domingo a Organización de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) e a Plataforma STOP Non Máis Lumes no Concello de Cualedro.
A elección deste concello non foi casual, xa que os lumes deste verán arrasaron máis de 3.000 hectáreas nos concellos de Cualedro, Baltar, Trasmiras e Xinzo de Limia deixando sen pastos, e mesmo sen cortes e forraxes, a numerosas explotacións gandeiras da zona, fundamentalmente de ovino e de caprino.
Trala xornada elaborouse un manifesto coas seguintes conclusións:
1. A principal causa de incendios no rural ourensán é o abandono das terras agrarias. Este ano nos catro concellos afectados polo incendio do 31 de Agosto e do 1 de Setembro existen 40.244 has. incluídas no SIXPac susceptibles de ser declaradas e utilizadas, pero das cales só se declararon un total de 9.738 has dentro da campaña da PAC 2015.
“De 40.244 hectáreas de solo agrario dos concellos afectados polo lume da Serra do Larouco só 9.738 se declararon na PAC”
Esto é un fiel reflexo da realidade que están a sufrir estes Concellos e en especial o de Cualedro, onde a dinámica de despoboamento no rural conduce á perda de territorio sostido e sostible no tempo con actividades agrogandeiras. O abandono das actividades no territorio fai que este se atope na súa maioría a monte baixo, cunha cantidade de biomasa que fai que sexa especialmente susceptible a que as condicións de seca rematen por desencadear este tipo de incendios.
2. É imprescindible que se poñan en funcionamento medidas urxentes para recuperar a xente e o territorio abandonado. Debe dotarse de máis medios ao Banco de Terras para que realmente sexa efectivo e poña a disposición, en especial dos máis mozos, terras para poder iniciar a súa actividade.
As actuais políticas aplicadas dende Santiago e Madrid non fan máis que afondar nesta situación preocupante. En especial dúas medidas: a primeira é a transformación a CAP=0 de tódolos recintos de menos de 3000 metros cadrados con uso a pasto arbustivo ou pasto sobre arboredo, o que fai que moitos gandeiros e mancomunidades de montes veciñais en man común perdan moitas axudas da PAC ás que terían dereito desde Europa pero que a aplicación local da normativa fai que se reduzan os importes aprobados.
A segunda é que a obrigatoriedade de presentar o número de DNI do titular catastral burocratiza unha situación de minifundismo característico de Galicia. E é que moitas parcelas pertencen a herdeiros de herdeiros e van deixar de ser mantidas e xestionadas porque non poden ser xustificadas na PAC de 2016 con esta normativa tal e como está plantexada actualmente.
“Existe un gran malestar entre os gandeiros porque se lles criminaliza, cando son os máis prexudicados polos lumes”
3.Existe un gran malestar entre os gandeiros porque é o sector máis criminalizado na orixe dos lumes cando narealidade se trata do máis prexudicado. Despois de sufrir as consecuencias directas do incendio, a maioría das explotacións teñen paralizadas as axudas da campaña da PAC deste ano porque precisan do informe do Distrito Forestal onde se detallan as parcelas afectadas no incendio incluídas na PAC deste ano.
Mentres o informe non chega ao FOGGA, teñen paralizado os cobros das axudas, o que probablemente derive no cobro de todas as axudas do 2015 e 2016, polo que terán que facer fronte a un pago máis elevado á Facenda por non poder fraccionar o pago en varios exercicios.
E isto unido á seca deste ano, fai que moitos gandeiros non dispoñan de liquidez suficiente para mercar a forraxe para alimentar o gando (herba seca, palla, cereal ou penso) na actualidade e teñan que tirar dos seus aforros pasados se dispoñen de eles, xa que tampouco poden pastorear en terreos forestais e de monte veciñal nos 2 anos seguintes ao lume producido (Lei 3/2007 . Artigo 43).
4. A maioría de incendios producidos por gandeiros débense a incidentes ou neglixencias no uso da maquinaria agrícola e na maioría dos casos non intencionados, polo que consideran inxusto que se lles equipare co resto de incendios intencionados que se derivan de outras actitudes e outras circunstancias. Débese investir máis tempo e recursos en investigar as causas dos incendios e os verdadeiros incendiarios.
5. É necesario facer campañas informativas, educativas e de divulgación medio ambiental entre os máis cativos, en especial no rural, porque son eles os axentes, xestores e mantedores do territorio e da paisaxe no futuro próximo. Esto propiciará que se eliminen pautas de comportamento arrastradas de xeito cultural e tradicional en épocas pasadas.
6. Débese facer un reparto máis equitativo dos orzamentos. Non se poden destinar os orzamentos tan elevados na actualidade para a extinción e é imprescindible realizar labores de roza e mantemento ao longo de todo o ano para reducir a cantidade de biomasa presente no monte.
7. A administración debe tutelar un proceso organizativo e participativo onde se lle dea voz e acollida a todos osaxentes afectados (gandeiros, asociacións de gandeiros, asociacións ecoloxistas de defensa do medio ambiente, cazadores, concellos, empresas afectadas, etc…) para coñecer as súas ideas e tratar de darlle solución entre todos. Non se poden tomar medidas de actuación sobre o territorio sen contar coa opinión e participación da propia xente afectada que se atopa no medio.
8. A nova PAC 2015-2020 baseada de modo relevante nos desafíos territoriais e ambientais permite sen dúbida que se poidan articular mecanismos de axuda e dinamización, que axudarían a solucionar toda esta problemática.