
Alberto Jurado, responsable de instalacións gandeiras de COVAP, durante o seminario celebrado en Asturias
Serven todos os establos para colocar un robot de muxido? Que condicionantes hai que ter en conta á hora de dimensionar corredores e cubículos? Como varía o comportamento das vacas? Débense situar ventiladores e bebedeiros ao lado do robot?
Alberto Jurado, responsable do deseño dos establos dos gandeiros socios da cooperativa COVAP no Val dos Pedroches (Córdoba), participou no último seminario organizado pola Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina (Anembe), achegando algunhas claves sobre como deben ser as naves para muxido robotizado.
Nas ganderías robotizadas cobran máis importancia todos os detalles porque os problemas tamén se agravan
Contar con espazo suficiente diante do robot, así como a súa disposición e facilidade de acceso, a lonxitude da nave, a anchura dos corredores ou mesmo a luminosidade son factores que inflúen en que unha vaca decida ou non ir voluntariamente a muxirse. Outras cuestións como a saúde podal do rabaño ou o número de animais por robot tamén teñen un peso determinante á hora de que haxa máis ou menos atrasos. “Nas ganderías robotizadas cobran máis importancia todos os detalles, porque os problemas tamén se magnifican”, recoñece Alberto.
Evitar a sobrepoboación
A primeira recomendación que fai é evitar a sobrepoboación de animais nos lotes. “Se temos unha sobrepoboación, iso afectaranos ás visitas ao robot e á calidade da cama”, asegura. “Hai que evitar os problemas de sobrepoboación, que se son puntuais nalgún momento do ano por acumulación de partos, pódense compensar co manexo”, matiza.
As xovencas e as vacas frescas esperan máis para acceder ao robot
Nun estudo da Universidade de Wisconsin (EEUU) non existen diferenzas entre o tempo que as vacas deben esperar para entrar a muxirse ao robot entre sistemas de muxido robotizado en tráfico libre e en tráfico guiado. A media de espera sitúase en 1,5 horas e esperan máis tempo as xovencas ca as vacas adultas.
“Tamén pasa o mesmo que nunha sala convencional, esperan máis as vacas frescas ca as que están en cola de lactación. De aí a importancia dos permisos de muxido”, engade Alberto.
Amplitude e accesibilidade ao robot
Un dos dilemas máis frecuentes á hora de instalar un robot de muxido é o tamaño da sala de espera. “Se son moi grandes, as vacas pérdense e, se son moi pequenas, as vacas pélexanse, hai máis problemas de xerarquía e redúcense as visitas ao robot”, explica.
Non me gustan os bordos moi altos para acceder ao robot, procuro deseñalos con pendentes ascendentes
Por iso, máis que no tamaño, Alberto pon o foco na facilidade de acceso. “É moi importante que haxa espazo antes e despois do robot, sobre todo o espazo antes de entrar”, destaca. “Non me gustan tampouco os bordos moi grandes para acceder ao robot. Procuro deseñar bordos con pendentes ascendentes, que vaian de menos a máis, orientados en función do paso da arrobadeira”, indica.
En canto ás dimensións dos corredores, é necesario atopar tamén o punto medio, é dicir, non deben ser nin moi estreitos nin excesivamente anchos, “para que non se sequen e esvaren nelas as vacas”, argumenta.
A nosa recomendación con robot é pasar a arrobadeira como mínimo cada 3 horas
Cada canto pasamos a arrobadeira? A recomendación que fai Alberto en establos con robot é pasala mínimo cada 3 horas pero sen abusar tampouco. “Nunha sala moléstase menos ás vacas se a pasamos cando están na sala de espera para o muxido”, evidencia.
Tamaño dos cubículos
A dimensión dos cubículos e a calidade da cama están intimamente relacionadas coa produción e a calidade do leite polos seus efectos sobre a saúde de ubre.
“Á hora de establecer as medidas dos cubículos a primeira dúbida que xorde é para quen deseño o cubículo. Nunha gandería pode haber vacas de tamaños moi dispares, pero eu prefiro sobredimensionar un pouco o cubículo pensando na vaca grande, aínda que as xovencas e as vacas pequenas nos manchen un pouco máis”, argumenta.
Intentamos traballar con plataformas anchas e con moito espazo diante para o balanceo da vaca
E aínda que o tamaño e a anchura do cubículo son importantes, “case máis importante é o espazo que a vaca ten diante para o balanceo”, asegura. “Nós intentamos traballar con plataformas anchas e con espazo diante, porque cando temos plataformas pequenas con pouco espazo diante as vacas o que teñen é a ladearse e cruzarse nos cubículos, independentemente da anchura da plataforma”, explica.
Encamar dúas veces á semana é a forma de gastar menos area
“Por iso tamén se colocamos moita cantidade de material de cama diante do cubículo a vaca ladease máis, sobre todo se ten unha barra de cubículo flexible”, describe. “Encamar dúas veces á semana é a forma de gastar menos area e apórtase moito máis confort ás vacas”, engade.
O enxeñeiro de COVAP asegura ademais que “non son recomendables estruturas fixas de formigón nos cubículos, salvo na plataforma, para deste xeito poder variar as medidas a medida que o noso rabaño cambie”.
Teñen que poder moverse as barras dianteiras dos cubículos, porque en 4 anos todas as nosas vacas serán diferentes e poden ser máis grandes
“Cada 3 ou 4 anos hai que revisar e mover as barras dianteiras dos cubículos, porque cunha taxa de renovación do 25 ou o 30% nese tempo todas as vacas do noso establo serán diferentes, e se fixemos ben a recría e en función do seme elixido, as nosas vacas poden ser máis grandes e non caber nos cubículos”, razoa.
Para calcular a anchura e a lonxitude dos cubículos débese medir ás vacas, tanto a anchura dos ósos traseiros coma a altura á cruz. “Multiplicando esa anchura da vaca por 0,8 daríanos un rango de entre 1,22 e 1,32 metros de ancho para o cubículo”, calcula.
Material da cama
“Na nosa zona temos moita cama fría de compost, pero o obxectivo de que a cama estea seca é máis difícil de lograr co compost que con outros materiais como a area, por iso estamos recomendando cubículos de area ás ganderías con robot”, recoñece.
Ademais, engade, “o problema para o manexo de cubículos con robot é que non podes entrar todos os días con maquinaria para facer mantemento, por iso estamos recomendando area en vez de compost”, reitera.
O problema para o manexo de cubículos con robot é que non podes entrar todos os días con maquinaria para facer mantemento
En cambio, Alberto descarta por completo a colchoneta: “a colchoneta é o mellor para o gandeiro, porque traballa menos, pero para a vaca é o peor. Na nosa zona só puxeron colchoneta 2 ganderías e retirárona, porque co sol unha colchoneta negra que queima non invita ás vacas a deitarse”, conta.
En canto ao manexo, “intentamos que non entre ningún tractor polos corredores para preparar as camas para molestar o menos posible ás vacas, polo que preferimos traballalos con maquinaria menos pesada”, indica.
Saúde podal
As camas e cubículos son clave para a saúde podal, defende, “e todos sabemos que o feito de que as vacas anden e non haxa coxeiras é imprescindible para que queiran ir a muxirse ao robot”, lembra.
Recomenda facer o recorte de pezuñas cando se secan as vacas e sobre “a pregunta do millón”, onde poñer o pediluvio, opina que “nunca se deben poñer á entrada ou á saída do robot”. “Nós fixemos un deseño para colocalos nos corredores de cruce”, propón.
Se as vacas non andan porque están coxas non irán a muxirse ao robot
Alberto é partidario de acurtar as distancias que as vacas teñen que percorrer para ir ao robot, evitando naves excesivamente longas. “Con robot recomendamos deseñar establos con tres filas de cubículos porque se acurtan as naves e as vacas teñen que andar menos, uns 50 metros como máximo”, detalla.
O deseño varía en función de se é un establo de nova construción ou unha reforma, que obriga en ocasións a adaptarse ao xa construído. “Nunha nave nova estándar para 2 robots o que facemos é colocalos no centro da nave; se é unha reforma dunha nave antiga normalmente van nas cabeceiras”, indica.
Con robot recomendamos acurtar as naves e colocar tres filas de cubículos
En canto ao número de cubículos que poñer en cada lote por robot, recomenda entre 65 e 70 “para non hipotecar o futuro, porque non sabemos cantas vacas chegaremos a ter no robot, debido á selección xenética que fagamos, á mellora tecnolóxica do robot ou por outros motivos”. Deste xeito, ademais, ao contar cun maior número de cubículos, “estarán máis descansados e será máis fácil o seu mantemento en bo estado”, argumenta.
Impacto do deseño das instalacións na inxesta
A zona de alimentación cobra unha importancia fundamental na produción de leite, xunto coa zona de descanso (cubículos) e a de muxido. “O espazo de comedeiro debe ser de entre 70 e 75 centímetros por vaca para animais en lactación e de 75 centímetros no lote de vacas secas e posparto”, aclara.
A diferenza de altura entre o chan no que pisan as vacas e o chan do comedeiro debe situarse entre 10 e 15 centímetros e a anchura do muro que separa o comedeiro da zona na que se atopan as vacas debe ser inferior a 20 cm. “As cornadizas máis antigas, colocadas hai máis de 10 anos, están moi baixas, e atopámonos tamén moitas veces con muros moi anchos que impiden que as vacas coman”, asegura.
Nos comedeiros flexibles non se ocupan todos os ocos, polo que non se deben contar os ocos existentes como prazas de alimentación, xa que normalmente ocúpase un si e outro non. “Nunha cornadiza convencional con trabantes ou barra corrida superior nun oco de 5 metros entran 7 vacas; nunha cornadiza flexible igual, porque cada vaca ocupa dous espazos de comedeiro”, aclara.
Dentro da súa rutina diaria, unha vaca en lactación pasa entre 3 e 5 horas comendo repartidas entre 9 e 14 tomas
A superficie do comedeiro debe ser fácil de limpar. “Eu prefiro o aceiro no canto da resina, que é máis difícil de manter e de limpar. A desvantaxe do aceiro é que escapa máis a comida porque esvara máis”, explica. A anchura varía entre 1,10 e 1,20 metros para o aceiro e 1,30-1,50 para a resina, en función do volume de comida que se vaia almacenar (depende das veces que preparamos a ración e de se hai 1 ou 2 filas de cornadiza).
En canto á pendente do chan que pisa a vaca á hora de comer, esta debe ser inferior ao 1%, para que os animais non teñan problemas nas patas dianteiras como consecuencia da presión que exercen sobre elas ao comer. “Se a pendente é maior, tenden a xirar as pezuñas e prodúcense lesións”, indica Alberto.
Manexo do comedeiro
O obxectivo, respectando estas dimensións óptimas, elaborando unha ración apetecible e cunha composición balanceada e realizando un manexo axeitado do comedeiro, é lograr un alto consumo de materia seca no tempo adecuado. Unha vaca en produción pasa entre 3 e 5 horas ao día comendo (entre 9 e 14 veces), o que representa o 16% do seu tempo diario.
“É a segunda actividade que máis tempo lle leva á vaca no día”, detalla o técnico de COVAP, que considera contraproducente en vacas de alta produción restar tempo de inxesta con permisos de muxido esaxerados. “Máis de 4 ou 5 muxidos diarios parécenme innecesarios, porque esas vacas perden tempo para comer e descansar”, afirma.
Máis de 4 ou 5 muxidos diarios parécenme innecesarios, porque esas vacas perden tempo para comer e descansar
As xovencas tardan máis en comer e inxiren menor cantidade de materia seca que as vacas. “Unha vaca dedica entre 200 e 220 minutos a comer, mentres que as xovencas tardan 250 minutos”, calcula.
Para lograr unha inxesta óptima, insiste, o manexo do comedeiro é clave. “O manexo do comedeiro é para min o máis importante, porque unha cousa é a ración que prepara o nutrólogo, outra a que o carro mesturador pon no comedeiro e outra a que come realmente a vaca”, diferenciou.
Con robot de muxido non é necesario botar comida en toda a cornadiza
Contar cun arrimador garante comida dispoñible no comedeiro as 24 horas do día, o que favorece a estabilidade ruminal, reduce a competencia no comedeiro e aforra carga de traballo nas granxas. “É o empregado máis rendible da gandaría, porque achegar a comida é unha das tarefas máis importantes nun establo e que menos gusta facer aos empregados”, insistiu. “En naves con robot de muxido e 3 filas de cubículos non pasa nada por ter menos prazas de cornadiza se temos arrimador e achegamos con frecuencia”, considera.
O arrimador garante unha actividade ruminal estable, incluso con estrés por calor é máis constante
En caso de non dispoñer de arrimador, Alberto considera que “con robots de muxido, ao non acudir todas as vacas ao mesmo tempo a comer, como ocorre ao saír da sala de muxido, en comedeiros moi longos cunha soa fila de cornadizas, non é necesario botar comida en todas as prazas, é preferible amorear máis a comida nunha parte do comedeiro e deixar o resto sen comida en vez de botar un cordón máis estreito en todo o comedeiro para así non ter que achegar tanto”, xustifica.
Bebedoiros
En canto aos bebedoiros, debe garantirse polo menos 10 cm de bebedoiro por vaca. “Na nosa zona estamos traballando xa con máis de 10 cm/vaca de bebedoiro, normalmente con 12 cm ou incluso con 15”, indica.
Debe haber varios bebedoiros, separados entre si máis de 15 metros, para reducir o efecto das vacas dominantes. Deben estar situados a unha altura de entre 65 e 80 cm desde o chan e ter un caudal de auga de entre 10 e 20 litros por minuto.
A ubicación dentro do establo é outro dos aspectos a analizar, en función do tipo de nave. “Se os poñemos nos corredores de cruce, ese corredor debe ter máis de 5 metros de anchura”, asegura. En todo caso, aclara “non debemos colocalos nunca preto dos cepillos nin preto do comedeiro, porque se ensucian máis”.
O bebedoiro hai que colocarlo preto do robot, pero non xusto á saída para non atascar o tráfico
En explotacións con robot de muxido, “o bebedoiro hai que colocarlo preto do robot, porque a vaca quere beber ao saír de muxirse, pero non debe situarse xusto á saída do robot para non atascar o tráfico”, recomenda. Pola contra, os cepillos si deben estar na zona de entrada ao robot, para atraer as vacas cara a el.
Luminosidade
Alberto asegura que “nos robots nos que hai moita claridade e moita luz, hai menos visitas”. “Ás vacas non lles gusta o sol nunca, nin aínda que sexa inverno e non faga calor; sempre vai buscar a sombra porque é o seu comportamento natural na natureza para ser menos visible aos posibles depredadores”, argumenta.
Nos robots nos que hai moita claridade e moita luz, hai menos visitas
Que o sol incida de forma directa no comedeiro, na zona de cubículos ou no robot de muxido é algo a evitar cando se deseña un establo. “Por iso intentamos traballar con naves cada vez máis baixas nos laterais pero con máis pendente de tellado cara á zona central. Deste xeito evitamos que o sol entre e axudamos á ventilación e á saída da calor pola zona de cume”, explica.
Intentamos traballar con naves cada vez máis baixas nos laterais para que non entre o sol pero con máis pendente de tellado cara á zona central para favorecer a ventilación
Alberto recomenda tamén colocar mallas antipaxaro en todos os laterais das naves para minimizar así a entrada de pombas, pardais e outros paxaros ao establo. “Hai que concienciar os gandeiros porque se perde comida e pode xerar un problema sanitario”, indica.
Estrés por calor e estrés por vento e frío
Para combater o estrés por calor, “primeiro hai que mollar ben as vacas, non serve só con humedecelas un pouco, hai que empapalas ben, e despois secalas rápido”, recomenda. “Isto é fundamental en lugares como Galicia, cunha alta humidade ambiental. Para iso debemos usar unha velocidade do aire de entre 3 e 7 m/s. En Galicia, a diferenza de Andalucía, o que facemos é mollar menos as vacas e poñer máis tempo o aire”, detalla.
O aire sempre compensa, tanto no comedeiro como nas camas e no robot, porque evita a presenza de moscas
“Non se poden poñer os ventiladores só onde están os robots e non poñelos no resto da nave. O que pasa moitas veces cando hai estrés por calor é que as vacas se nos acumulan e atascan na zona de entrada ou saída do robot, porque é a zona máis fresca e escura da nave. Para evitalo, débese colocar un ventilador xusto onde está o robot, é dicir, dentro do box, para afastar as moscas e que a vaca non patee, pero non na zona de entrada e saída, para que non se nos queden alí as vacas”, indica.
Debemos deseñar e construír gandarías versátiles que sexan válidas para calquera época do ano
Tendo en conta as condicións climáticas da zona onde se vaia instalar o establo, Alberto defende que se deben deseñar e construír “gandarías versátiles” que sexan válidas para calquera época do ano. “En estrebos orientados ao norte, ás veces as vacas poden chegar a ter frío e deixar de comer en función da temperatura e da velocidade do aire. Existe o dito de que as vacas nunca teñen frío, pero depende de onde estean”, opina.