Que carnes teñen as mellores perspectivas de mercado?

Un informe da Comisión Europea pronostica que a avicultura será o único sector con crecementos en produción, consumo e exportacións ao longo desta década. Espérase que China reduza as súas importacións de porcino, vacún e polos nos próximos anos, tras recuperarse da peste porcina

Que carnes teñen as mellores perspectivas de mercado?

O mercado europeo de carne enfrontará nos próximos anos cambios nas preferencias dos consumidores. O consumo global de carne espérase que se continúe a reducir, aínda que dun xeito leve, pois pasaría de 68,7 Kg. por persoa e ano no 2020 a 67,6 Kg. no 2030, segundo un recente informe de perspectivas de mercado da Comisión Europea. Nese escenario, a única produción que medra é a avícola, que pasaría de 23,4 a 24,6 Kg. por persoa e ano.

O consumo interno de polo e pavo benefíciase da consideración da carne de ave como máis saudable, ó que hai que engadir circunstancias de mercado favorables. No 2019, houbo un pico de exportacións de porcino a China -país afectado pola peste porcina africana- e iso levou a unha suba de prezos da carne de porco en Europa. O encarecemento do porcino provocou que os consumidores reorientasen parte das súas compras de carne ás aves, unha tendencia de compra que se mantivo no 2020 polas facilidades que ofrecían os cortes avícolas para a cociña caseira durante os confinamentos.

Así as cousas, a Comisión Europea considera que o sector porcino non recuperará este mercado interno que foi perdendo nos dous últimos anos. Sen embargo, manterá unha cota importante ao longo da década, cunha leve baixada, pois pasará dun consumo por persoa e ano de 33,4 Kg. no 2020 a 32 Kg. ao final de década, segundo o informe de perspectivas a medio prazo que baralla a Comisión.

O porcino continuará sendo a principal carne en volume de consumo, pero mantén a tendencia á baixa

En exportacións, o porcino verase afectado pola recuperación da produción interna china, que se espera que para 2025 teña recuperado os niveis anteriores ós brotes de peste porcina africana. A previsión é que dos case 3,5 millóns de Kgs. exportados no 2019 ó país asiático se pase a menos de 2 millóns no 2030. Con todo, hai incertidumes no horizonte, dependendo da evolución que teña a peste porcina africana en Asia e na propia Europa, así como da evolución da Covid.

A perspectiva é que a produción de porcino baixe un 4,6 % en Europa ó longo desta década, unha porcentaxe similar á que se espera que medre a avicultura.

En prezos, a situación derivada da Covid e dos casos de peste porcina en Alemania levaron a unha tendencia á baixa. A situación do mercado internacional, cunha forte competencia de países como Estados Unidos, Brasil e Canadá pode xerar leves baixadas adicionais no prezo, segundo os cálculos da Comisión.

A parte positiva é que a progresiva redución da produción en Europa orixinará previsiblemente un aumento de prezos na segunda metade da década.

Vacún
En carne de vacún, a baixada de produción prevista ronda o 8,6% a final de década, froito en parte dunha menor dispoñibilidade de animais, pois a perspectiva apunta a que as granxas de leite continuarán mellorando rendementos por vaca e reducindo animais totais,

En prezos, froito desa menor oferta, é posible un lixeiro repunte no periodo 2025-2030, se ben o sector tamén se verá afectado polo cambio de preferencias dos consumidores, que se espera que pasen de consumir 10,6 Kg. de vacún o ano (2020) a 9,7 Kg. (2030).

No mercado internacional, para este 2021 hai boas perspectivas puntuais de exportación a Filipinas e a Oriente Medio, aínda que as perspectivas a medio prazo empeoran, pois as vendas de gando vivo a países como Turquía calcúlase que baixarán nos próximos anos, á vez que haberá que enfrontar unha ampla oferta no mercado de carne por parte de Arxentina, Brasil e Estados Unidos, o que presionará os prezos á baixa.

Ovino
Outro sector valorado no informe da Comisión é o de ovino e caprino, que manterá ao longo desta década o actual nivel de consumo que ten en Europa, de 1,3 Kg. por persoa e ano. A continuidade de prezos similares ós actuais e de axudas acopladas á produción xeran unha perspectiva de estabilidade. En prezos, en concreto, espéranse leves baixadas na media europea tralo pico de 2020, pero o informe pronostica que as cotizacións recuperanse no periodo 2025-2030.

Tendencias
Entre as tendencias que cobran importancia entre os consumidores, a Comisión sinala o consumo local e as preocupacións pola pegada ambiental e o benestar animal nas explotacións. A produción ecolóxica e os selos de calidade espérase tamén que continúen en ascenso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información