O Pleno do Parlamento Galego aprobou este luns pola tarde varios cambios na política de prevención de incendios e de xestión forestal en Galicia. Fíxose a través da lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2018. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do Partido Popular e cos votos en contra da oposición, que coincidiu en interpretar que os cambios representan un “recoñecemento do fracaso” das políticas do goberno de Feijóo en prevención de lumes e de ordenación forestal.
Igualmente, as tres forzas da oposición -PsdeG-PSOE, BNG e En Marea- critican a forma escollida para realizar estes cambios, a través da lei de acompañamento dos orzamentos, e pola tanto sen a participación sectorial e sen os informes preceptivos.
¿Cales son os principais cambios que se introducen na prevención de lumes e na ordenación forestal para 2018?
Tal e como xa avanzou Campo Galego nas últimas semanas, os principais cambios que se introducen a través da Lei de Acompañamento dos orzamentos son:
-Suprímense as distincións que se establecían sobre a plantación de especies pirófitas e a partir de agora quedará prohibido plantar piñeiros, eucaliptos e acacias nos 50 metros arredor de edificacións, vivendas e urbanizacións, instalacións, límite do solo urbano, rural e urbanizable (as faixas secundarias de xestión da biomasa).
-Respecto a data en que os traballos de roza terán que estar rematados, adiántase ao 31 de maio, cando ata o de agora era en xuño.
-Axilízanse as accións que deben executar as administracións con carácter subsidiario. Así, cando se requira xestionar a biomasa a propietarios de parcelas descoñecidos e ilocalizables, bastará cun aviso cun prazo de 15 días no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.
Ábrese tamén a posibilidade de limpar os montes máis descoidados sen que teña que existir consentimento das persoas responsables nin autorización xudicial, sempre que estas parcelas non teñan consideración de domicilio.
-Cando exista un grave risco para as persoas e os bens materiais, poderán delimitarse por decreto as zonas de actuación prioritaria para que se limpen de xeito inmediato. Bastará cunha resolución da propia Consellería do Medio Rural ou dos concellos.
-Establécese a posibilidade incluso de chegar a expropiar predios de titular descoñecido en que non se estea xestionando debidamente a biomasa e, polo tanto, teña que facelo unha Administración pública. O requisito será que os custos destes traballos sexan superiores ao valor catastral do terreo.
Do mesmo xeito, vaise incorporar tamén a incautación de madeira cando sexa a Administración a que limpe ese territorio de xeito subsidiario e se desta venda existe beneficio, o importe resultante incorporarase a un fondo de nova creación que permitirá ter orzamento para executar outras rozas.
–Os montes veciñais en man común que non estean explotados adecuadamente poderán declararse en estado de grave abandono de xeito que poidan ser incorporados ao Banco de Terras. Así, poderá ofertarse a súa xestión a terceiros que estean dispostos a poñer o monte en valor durante 50 anos, sempre e cando a comunidade rexeite o coidado do monte ou a súa posta en valor.
Algo similar sucederá con aqueles terreos que dificulten a xestión dos montes por parte das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). Neste caso, ou ben se incorporarán ao Banco de Terras ou incluso se expropiarán co mesmo obxectivo de poñelas á disposición da Sofor en cuestión e que poidan xestionalas en común.
-A partir do próximo ano cando os propietarios incumpran a súa obriga de limpar o monte, as distancias mínimas que establece a Lei de montes ou manteñan en estado de abandono predios que foron concentrados, e estes incumprimentos provoquen ou agraven un incendio forestal, os custos de extinción tamén poderán ser repercutidos aos propietarios.
-Incluiranse nas redes primarias de xestión de biomasa as subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións, o que significa que nos cinco metros de perímetro destas instalacións non se poderán plantar especies pirófitas e deberá xestionarse a biomasa.
-Incluiranse nas faixas secundarias as vivendas illadas en solos rústicos a máis de 400 metros do monte.