Fronte ó laboreo ou o uso de herbicidas nos viñedos, o emprego de cubertas vexetais é unha práctica cada vez máis estendida nas distintas denominacións de orixe galegas. Investigadores da Universidade de Santiago analizaron o manexo das cubertas vexetais na Ribeira Sacra en busca de estratexias que permitan optimizar esta práctica.
Unha das liñas que abordaron é o uso de cultivos de cobertura específicos, ben sexan de gramíneas, crucíferas ou leguminosas, cos que maximizar a dispoñibilidade controlada de nutrientes e auga para manter un adecuado estado físico do solo.
As elevadas pendentes e o reducido tamaño das parcelas son dous condicionantes importantes para o uso de cultivos de cobertura en viñedos da Ribeira Sacra
“A Ribeira Sacra ten uns importantes condicionantes para o uso de cultivos de cobertura: pendentes moi elevadas e microparcelacións”, recoñece o investigador da Universidade de Santiago, Julián García Berrios. O experto presentou, no marco das V Xornadas de Viticultura celebradas en Ourense, os resultados desta liña de traballo que se inclúe nunha investigación máis ampla na que se abordou o manexo da viña en busca de prácticas eficientes.
Cultivos de cobertura
Neste estudo botaron man dos principais grupos de cobertura máis dispoñibles. Así empregaron gramíneas por ser especies que reducen a erosión, permiten unha elevada extracción de nutrientes, teñen unha alta competitividade fronte á vexetación adventicia e o seu alto índice de resementeira.
Tamén utilizaron leguminosas xa que son especies que permiten unha enorme fixación de nitróxeno atmosférico e actúan bastante ben para reducir a erosión. “Son especies cunha implantación moi precoz e resulta moi interesante, xa que o outono é un dos momentos de maior risco”, explica o investigador. Ademais, tamén valoraron o uso destas especies debido a que son un gran atrainte de insectos.
Ademais empregaron especies crucíferas en gran medida polo seu efecto inhibitorio de sementes.
No estudo realizaron dous ensaios en senllos viñedos da Ribeira Sacra, un situado en Portomarín e outro en Montefurado. Buscaban coñecer a evolución da cobertura para o que realizaron unha análise de imaxes, así como un estudo florístico e de evolución da vexetación. “A obtención de datos de cobertura mediante métodos de procesado fotográfico resultou un sistema rápido e eficaz”, explica o investigador.
O pasado marca a diferenza
O estudo mostrou que máis aló do tipo de cobertura escollido ou a localización do viñedo, a historia previa é un factor determinante sobre a evolución da cobertura e o seu impacto no solo do viñedo. “Aínda que a localización determina a diferenza botánica, hai un factor máis determinante, a historia da parcela. A preparación previa do terreo resultou ser un aspecto crítico”, explica o investigador.
A historia previa da parcela antes de implantar cultivos de cobertura inflúe na evolución da cuberta
Os cultivos implantados no viñedo que anteriormente contara con pradeira permanente teñen unha maior variedade de especies. “A pradería natural é o tratamento que ofrece maior cobertura por cantidade de biomasa producida”, explica García Berrios.
No caso do viñedo onde se labrou a terra ata a implantación da cuberta vexetal, contabilizáronse un total de 49 especies, mentres que no viñedo que previamente contara con pradeira o número de especies elévase a 53. “Mesmo se apreciaron diferenzas en como responderon as diferentes cubertas xa que as especies que aparecían eran diferentes”, apunta o investigador.
Resultados por especies
Outro dos aspectos sobre os que se centrou o estudo é na evolución da cobertura e neste sentido, os investigadores constataron diferenzas entre as especies. No caso das leguminosas destaca a súa precocidade e a súa capacidade para establecer cobertura. Así, o tratamento con altramuz alcanzou maiores graos de cobertura que outras especies e un rápido desenvolvemento.
“Nas cubertas con gramíneas como o centeo conseguiron maiores valores de biomasa e un control máis eficaz sobre o número e peso de especies adventicias”, explica o investigador. Ademais, o uso destas especies, ao contar cunha gran capacidade de resistencia ata a resementeira, resulta de gran interese para conservar a auga do viñedo e protexer o chan.
No tratamento con crucíferas como a colza lograron un control de adventicias similar ao resto de cultivo de cobertura cuns valores moi inferiores de biomasa e cobertura.
Vantaxes das cubertas vexetais sobre os solos de viñedos
Nesta mesma liña de traballo sobre a optimización das cubertas vexetais en viñedos, no Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria de Cataluña (Irta) analizaron os efectos das cubertas vexetais, así como a súa fertilización sobre a microbiota de solos de viñedos comerciais no Alt Empordá (Xirona). O investigador Marc Viñas Casals presentou os resultados tamén no marco das V Xornadas de Viticultura celebradas en Ourense.
No seu traballo comprobaron como as cubertas e compost contribúen a un enriquecemento do terreo e como factores como a idade da cuberta inflúe de forma específica na diversidade microbiana do chan, tanto de bacterias e arquexas como de fungos.
Ademais, as cubertas vexetais son tamén outro aliado para a agricultura de carbono, xa que como evidencia este traballo, incluír este tipo de prácticas nos viñedos ten un impacto positivo no carbono orgánico do chan, así como en macronutrientes, diversidade microbiana e na propia funcionalidade potencial do chan. “Este impacto positivo durante o uso de cubertas novas con adición de compost débese a unha maior dispoñibilidade de compostos de compost para a microbiota do chan”, detalla Viñas Casals.
O estudo tamén evidencia o efecto das cubertas vexetais e o compost sobre o pH dos chans. Así, en solo acedos, incrementa a riqueza Procariota do chan e o seu potencial nitrificante aínda que non a diversidade fúnxica.
Viñas Casals insiste na importancia de considerar a idade da cuberta vexetal e a dosificación do compost para mellorar a microbiota do solo e contribuír a mellorar os servizos que este tipo de prácticas posibilitan no chan de viñedos.