¿Que aspectos cómpre revisar da Lei de montes veciñais en man común?

Recollemos algunhas das principais achegas realizadas por distintos colectivos para a actualización da normativa sobre montes veciñais en man común que prepara a Xunta

¿Que aspectos cómpre revisar da Lei de montes veciñais en man común?

Monte veciñal cunha plantación de frondosas caducifolias na parte exterior da masa forestal. / Arquivo.

A comezos de ano, a Consellería de Medio Rural iniciaba o proceso para modificar a actual Lei de montes veciñais en man común, aprobada no 1989. Trátase dunha modificación que as comunidades de montes veciñais levaban anos reclamando, dados os cambios rexistrados na xestión do monte nestes últimos 30 anos, para os que a norma vixente parecía non dar resposta. Dende a Xunta pediron a colaboración das distintas entidades que integran o Consello Forestal de Galicia para afrontar a revisión da Lei.

Os distintos colectivos forestais estiveron a recoller propostas para esta actualización. Así, na Organización Galega de Comunidades de Montes mesmo impulsaron unha Iniciativa Lexislativa Popular que recompila as súas principais achegas. Outros colectivos como a Asociación Forestal de Galicia levaron a cabo reunións coas comunidades de montes para incluír as súas peticións.

Coas propostas sobre a mesa e aínda pendentes de que se concreten os cambios que se afrontarán na norma, ou mesmo a elaboración dunha nova lei que regule este tipo de montes, recollemos algúns dos aspectos que coinciden en revisar dende o sector forestal.

  • Definir a condición de comuneiro.

    Esta é unha das cuestións que as asociacións sinalan que é imprescindible abordar, xa que regular quen pode ser comuneiro é dos aspectos que está a traer de cabeza en máis dunha ocasión ás comunidades de montes veciñais. Definir de xeito claro e conciso como se acada a condición de comuneiro/a é unha cuestión que todo o sector considera preciso.

    Ata o momento, moitas comunidades de monte veciñais rexíanse pola norma de ‘casa con fume’, é dicir unha vivenda habitada na parroquia ou lugar, pero cómpre que esa familia ou persoa viva todo o ano aí ou abonda con que sexa a vivenda na que pasa as fins de semana e as vacacións? Esa é unha das respostas que procuran.

    Así, por exemplo, dende a Organización Galega de Comunidades de Montes avogan porque sexa a comunidade de montes quen poida establecer un prazo mínimo de residencia para adquirir a condición de comuneiro, que non debe ser superior a 9 meses nin inferior a 3 meses. Tamén solicitan que unha persoa non poida ser comuneiro en dúas comunidades de montes veciñais á vez.

    Mentres, na Asociación Forestal de Galicia incide na importancia de manter certa flexibilidade con estes requisitos para facilitar o funcionamento das comunidades do interior galego, tendo en conta o despoboamento e avellentamento das poboacións de moitos concellos destas zonas.

  • Preservar a orixe xermánica.

    Os montes veciñais están catalogados como de titularidade xermánica, singular en Galicia, é dicir, non son públicos nin privados, son de titularidade comunitaria, xestionados pola comunidade de montes veciñais. Este é un dos puntos que é preciso preservar, segundo coinciden tódolos colectivos forestais, como a Organización Galega de Comunidades de Montes, a Asociación Forestal de Galicia ou a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga).

    Desde a Organización Galega de Comunidades de Montes amosaron certo temor a que esta reforma non preserve esta orixe e se acabe por cambiar a titularidade, pero o carácter xermánico está protexido xa por leis de ámbito estatal, como a Lei de montes de natureza especial de 1980 ou a Lei de montes 43/2003.

  • Mellorar a xestión e potencialidades do monte

    Nas zonas do interior galego máis marcadas polo despoboamento, un dos principais retos que afrontan boa parte das comunidades á o da escasa xestión e aproveitamento que se está facendo dos montes, unha situación que desde o sector forestal extenden ás superficies conveniadas coa Administración.

    Así, desde Asefoga apuntan que a produción media de madeira das cortas que se fixeron nos montes con convenios nos últimos 20 anos sitúase nun metro cúbico por hectárea e ano, cando podería chegar a atoparse en torno a 8 ou 9 metros cúbicos. En termos xerais, estímase que dos 10 millóns de toneladas de madeira que se cortan en Galicia apenas 1,5 millóns de toneladas de madeira procede dos montes veciñais, que ocupan unhas 600.000 hectáreas, o que supón un 30 % da superficie do monte galego.

  • Tamén cómpre ter en conta que en ocasións os montes veciñais ocupan superficies pouco produtivas, como os altos dos montes, así como o feito de que algunhas das zonas con mellores condicións en Galicia para a produción de madeira, como son a provincia da Coruña ou a Mariña de Lugo, teñen escasas superficies de montes veciñais.

  • Reservar espazo para os aproveitamentos agrogandeiros

  • Desde Asefoga inciden en que é preciso garantir a compatibilización dos usos forestais (madeireiros, etc.) cos agrogandeiros, para o que propoñen que se estableza unha reserva de superficie do monte para usos agrogandeiros, atendendo deste xeito a demanda de base territorial que poidan ter ganderías asentadas nesa parroquia ou lugar e que contribúen a fixar poboación no rural.

    En similar liña, a Organización Galega de Comunidades de Montes propón que este aproveitamento gandeiro ou agrícola poida facerse tanto por parte da veciñanza comuneira de xeito individual ou en cooperativa por medio de lotes. Dende esta organización sinalan que o aproveitamento debe ser gratuíto e por un período máximo de 12 anos. Por outra banda, sinalan que é necesario que parte da superficie destes montes veciñais poida cederse de xeito temporal para o seu aproveitamento, de maneira que proporcione un beneficio directo para as comunidades de montes.

  • Usos sociais

  • O uso que se fai dos montes veciñais con fins sociais é outro dos aspectos sobre os que se precisa concretar a regulación, segundo propoñen os diferentes colectivos. Na Asociación Forestal de Galicia piden regular a titularidade dos camiños e pistas forestais, xa que este é un aspecto que en numerosas ocasións leva a disputas entre usuarios e as comunidades de montes. Mesmo se están a dar casos de camiños comunais, é dicir privados e de servizo dese monte, que pasan a estar identificados no Catastro e en inventarios municipais como de dominio público. A Asociación Forestal de Galicia avoga ademais por formalizar contratos entre as sociedades de caza e os montes veciñais incluídos nun Tecor.

    Mentres, na Organización Galega de Comunidades de Montes tamén fan fincapé neste aspecto e apuntan que o uso social dos montes veciñais en man común que se faga por parte de persoas que non sexan comuneiras debe facerse sen danar o monte e respectando a titularidade das terras. Inciden en que deberá contar coa autorización das comunidades de montes e piden que, por estes usos, se eviten responsabilidades civís e penais sobre as comunidades de montes.

  • Medidas para os montes afectados por un parque eólico

  • Desde Asefoga inciden en que a reforma da lei de montes veciñais é unha ocasión para que as comunidades de montes veciñais xoguen un papel máis activo nas negociacións para a instalación de parques eólicos, sen que prime só o interese público do proxecto eólico e se teñan en conta outros beneficios do monte antes das expropiacións forzosas. A asociación considera que as comunidades de montes veciñais poden pasar a ser ferramentas claves para a constitución de comunidades enerxéticas que permitan vantaxes non só para os propietarios dos terreos senón para os veciños afectados por esa instalación.

  • Garantir o recoñecemento xurídico

    “Nos últimos anos ampliouse a capacidade xurídica de obrar das comunidades de montes veciñais e debe recoñecerse na lei. Quizás hoxe se poida formular o recoñecemento da personalidade xurídica plena das comunidades de montes veciñais, dada a práctica perdida dos aproveitamentos individuais dos comuneiros sobre o monte”, valora a Asociación Forestal de Galicia.

  • Guia didactica_montes veciñais

    Achegar os montes veciñais ós máis novos

    Por outra banda, dende a Organización Galega de Comunidades de Montes están tratando de achegar dun xeito práctico os montes veciñais ós máis novos, para o que realizaron unha guía didáctica titulada As Terras Comunitarias de Galiza: o Monte Veciñal en Man Común, coa que amosar o funcionamento das comunidades de montes á mocidade en idade escolar.

    A guía foi elaborada polo Instituto Galego das Terras Comunitarias e distribuirana nos colexios e institutos galegos como libro guía para o profesorado e alumnado. Esta guía busca ser unha ferramenta que lles permita comprender e avaliar a importancia da propiedade colectiva que representan os montes veciñais en man común, baseados nun funcionamento democrático e asembleario.

    “A guía busca ser unha ferramenta que lles permita comprender e avaliar a importancia da propiedade colectiva que representan os montes veciñais en man común, baseados nun funcionamento democrático e asembleario”

     

    Ademais pretenden dar maior visibilidade ás comunidades de monte veciñais, que foron un referente de traballo comunitario e que se manteñen vivas. Destacan que as comunidades de montes veciñais están moi ligadas á sociedade rural pero tamén teñen unha gran incidencia na poboación urbana e na súa calidade de vida. “A súa condición de propiedade comunal e a súa xestión asemblearia converte ós montes veciñais nun referente para construír unha sociedade máis solidaria e cooperativa”, reivindican dende o colectivo.

    -Descarga aquí a Guía Didáctica para escolares.

Una idea sobre “¿Que aspectos cómpre revisar da Lei de montes veciñais en man común?

  1. Manuel González abril

    Aprovechar esta nueva regulación exponer otras opciones de regeneración de la zona forestal ,y el regresó de animales ,regenerando el terreno,,como el recinage, cultivos de otras especies, ( no estaría tan abandonado y menos incendios

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información