Que aproveitamentos poden ter as frondosas caducifolias en Galicia?

Un proxecto estuda posibles usos en edificacións e mobiliario urbano de madeira de carballo, bidueiro e castiñeiro cortada en montes galegos

Que aproveitamentos poden ter as frondosas caducifolias en Galicia?

Visita a unha plantación de frondosas caducifolias en Zas (A Coruña), no marco do proxecto ForestED.

Un terzo do monte galego está arborado con frondosas caducifolias, principalmente carballos, rebolos, bidueiros e castiñeiros. Pero trátase de especies cun escaso aproveitamento, máis alá do seu emprego para leñas domésticas. Dos arredor de 9 millóns de metros cúbicos que se cortan cada ano en Galicia con destino industrial, só un 3% é de frondosas caducifolias. É posible mellorar ese aproveitamento?

Un proxecto no que participa a Asociación Forestal de Galicia está a estudar a elaboración de novos produtos en madeira galega de frondosas con destino a mobiliario urbano e a edificacións, tanto con uso estrutural como en interiorismo e exteriores das construcións.

O obxectivo é valorar posibles usos para a madeira de carballo, bidueiro e castiñeiro, especies que ocupan amplas superficies no monte galego, principalmente nas provincias de Lugo e Ourense.

O aproveitamento industrial das frondosas caducifolias en Galicia estivo lastrado ata o de agora pola falta de silvicultura nos montes, pois as masas presentan con frecuencia maioría de árbores con formas e calidades deficientes.

Innovación
O proxecto ForestED oriéntase a valorar que se pode facer coa madeira que hai de xeito cotiá no monte, de diámetros variados e con formas e calidades diversas. “A idea é definir produtos innovadores que se poderían lanzar ó mercado a partir dos recursos que xa temos en monte”, explica o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans. É unha liña na que tamén se está traballando nos últimos anos desde o ámbito público, na idea de buscar destinos industriais para as masas de frondosas.

ForestED é unha iniciativa liderada polo Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña e que conta tamén co apoio tecnolóxico do Centro de Ciencia y Tecnología Forestal de Cataluña. Estas dúas entidades serán as que procesen as árbores cortadas en monte en Galicia, no marco do proxecto, para valorar os seus posibles usos industriais.

Visita dos socios do proxecto ForestED a Maderas Gayoso (Vilalba), un dos poucos aserradoiros galegos especializados en castiñeiro

Visita dos socios do proxecto ForestED a Maderas Gayoso (Vilalba), un dos poucos aserradoiros galegos especializados en castiñeiro

Selección de montes
Este mes, os socios do proxecto xa estiveron visitando bosques de frondosas caducifolias en Galicia e decidiron a selección de tres montes en O Incio (Lugo), Boqueixón (A Coruña) e Zas (A Coruña).

Nos tres casos, trátase de masas con dispoñibilidade de madeira madura para a súa extracción, sen restriccións de protección nin topográficas. O obxectivo do proxecto é facer un manexo das masas por medio dun aproveitamento sostible, é dicir, as cortas limitaranse a rareos, de xeito que a continuidade da masa quede garantida,

A Asociación Forestal de Galicia subliña que os aproveitamentos faranse a partir dun estudo da biodiversidade da área de intervención e cunha planificación técnica que defina os itinerarios silvícolas a seguir en cada caso, orientados á mellora da biodiversidade e á renovación das masas e a súa rexeneración natural.

En paralelo ó traballo coas frondosas galegas, en Cataluña estudarán tamén o aproveitamento industrial doutras dúas especies, o piñeiro carrasco e a faia.

ForestED conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Como se xestiona o aproveitamento madeireiro das frondosas en Francia?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información