Que alternativas ó petróleo se presentan para a maquinaria agrícola?

Expertos abordan na xornada organizada polo Museo de Muvicla as distintas propostas que poden servir de substituto para o petróleo na agricultura e gandería. Combustibles verdes, xa implantados en países coma Francia, amósanse como opcións a ter en conta

Que alternativas ó petróleo se presentan para a maquinaria agrícola?

O sector busca maquinaria máis eficaz e tecnolóxica que permita aforrar combustible. // Foto de arquivo.

O petróleo segue sendo hoxe a enerxía máis recorrente no agro, aínda que hai anos que se iniciou timidamente a transición verde na procura doutras alternativas máis sostibles e respectuosas co medio ambiente. Son xa moitas as granxas que botaron man de sistemas como os paneis solares para a produción de electricidade e comézase a procurar un aproveitamento e transformación do xurro con fins enerxéticos. Porén, a transformación enerxética aínda é unha materia pendente.

Segundo os datos que manexa a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO), o sistema alimentario segue a empregar un 30% de toda a enerxía utilizada no mundo. Ademais, o petróleo segue sendo fundamental. En países coma Estados Unidos, da enerxía empregada no sistema alimentario, o 21% céntrase na produción agrícola.

A crise de abastecemento de combustibles, que abarca dende o petróleo, ao carbón ou o gas, que se está a vivir nos últimos anos urxe agora a procurar alternativas viables para a produción agrogandeira. Que enerxías se empregarán a curto prazo para a produción alimentaria? Esta foi a pregunta en torno á que xirou a xornada técnica celebrada recentemente no Museo vivo e integrado do campo e da locomoción agraria (Muvicla), situado en Láncara, Lugo. Media ducia de expertos de distintos eidos realizaron unha radiografía da situación actual no agro e sinalaron algunhas das alternativas que xa se están a introducir no agro.

Entre as alternativas que se contemplan no sector agrario para o petróleo atópase o bioetanol ou o hidróxeno

Países coma Francia comezaron xa a apostar por empregar o bioetanol para a maquinaria agrícola. Tamén o uso do hidróxeno se amosa como unha alternativa a ter presente para os tractores do futuro. Ademais, a xestión do xurro e o seu aproveitamento abre a posibilidade a un combustible procedente do agro.

A crise de abastecemento de combustibles

Un dos condicionantes que está obrigando a procurar alternativas para o petróleo no agro é a crise de abastecemento de combustibles fósiles que se está a detectar nos últimos anos. “Estamos ante a tormenta perfecta, cun problema anticipado dende hai décadas, pero ante o que non se quixo reaccionar, xa que obriga a facer cambios moi profundos. Ademais, agardábase que a transición cara a enerxías renovables fose sinxela, o que non está a resultar así”, explica o investigador do CSIC, Antonio Turiel Martínez durante a súa intervención telemática na xornada de Láncara.

A crise do petróleo iniciouse xa no 2014 cando deixou de ser rendible economicamente esta explotación e as compañías reduciron os investimentos que realizaban para buscar novos xacementos. Dende o 2018 agudizáronse estas consecuencias, afectando non só ó petróleo senón tamén ós sucedáneos que se foran introducindo. “No peor dos escenarios, entre o 2018 e 2025 podería producirse unha caída da produción do 50%. Abonda comparar outros momentos históricos como a redución do 4% coincidindo coa crise do 2008 ou a do 20% durante a II Guerra Mundial para darnos conta da importancia desta redución”, sinala Turiel. Unha das consecuencias máis directas é a escaseza de diésel, que xa se está a notar e que motiva o incremento dos prezos que está a experimentarse nos últimos anos.

As dificultades para abastecerse de petróleo, carbón ou gas están a traer consecuencias directas ó non se ter feito a transición a enerxías renovables

Xunto coa crise do petróleo, tamén se están a detectar limitacións noutros combustibles como o carbón, no que tamén se acadou o máximo de explotación no 2014; ou o gas, onde Europa acadou o máximo de abastecemento por terra, logo de que os dous principais provedores (Rusia e Alxeria) tamén tocasen o máximo de produción hai xa 10 anos.

Aínda que para Turiel non cabe dúbida de que nun futuro toda a enerxía que se consumirá procederá de renovables, tamén sinala que moitas das alternativas que se están propoñendo agora non chegaron a desenvolverse por completo e mesmo pode que non cheguen a facelo. “Os vehículos eléctricos están lonxe de poder explotarse a unha escala masiva por cuestións como a escaseza de materiais que existe”, detalla o experto.

“Non é só desenvolver maquinaria que empregue novas enerxías, senón que estes combustibles deben estar dispoñibles. Debe haber unha loxística e seguridade de poder acceder a estes combustibles para os produtores”: Santiago Sousa, enxeñeiro agrónomo

Nesta mesma liña, o enxeñeiro agrónomo Santiago Sousa, incidiu na importancia de que o cambio de maquinaria con enerxías alternativas ó petróleo tampouco supoña dificultades para os gandeiros á hora da súa xestión diaria. “Estamos vendo avances significativos na maquinaria, cunha aposta pola tecnoloxía e amparados en mellorar a eficiencia, pero tampouco se debe de esquecer que esta enerxía ten que estar dispoñible, debe haber unha loxística e seguridade para repoñela”, sinala. “Unha explotación agraria ou gandeira ten que poder adquirir esa nova maquinaria, pero tamén mantela en funcionamento, non só pola eficiencia da máquina, senón pola seguridade desa enerxía”, destaca.

Alternativas que están xa a incorporarse

O bioetanol, a obtención de combustible mediante cereais como o millo ou o trigo, é unha das alternativas que se presentan ó uso de derivados do petróleo ou o carbón no ámbito agrario. Dende a Asociación Española de Bioetanol (Bio-E), creada recentemente, apuntan que o bioetanol pode converterse non só nunha alternativa como combustible para a maquinaria agraria senón que abre unha nova demanda para os produtos do campo, e pode servir para incentivar o uso de terras de pouca calidade e evitar o abandono. “O bioetanol pode contribuír a xerar e manter emprego no rural e crear unha industrial rural que engada valor ós produtos agrícolas”, detalla José Ramón Freire, director xeral e fundador de Bio-E.

En Europa estase a comercializar un combustible que incorpora un 10% de bioetanol e que está presente xa en 16 estados. En países coma Bulgaria, Romanía, Dinamarca está a ter unha gran penetración. Francia tamén está a realizar unha forte aposta polo bioetanol nos últimos anos, comercializado com E85. “O bioetanol en Francia contribuíu ó desenvolvemento dos agricultores ó proporcionarlle unha maior demanda para as súas producións”, concreta Freire.

En Francia, o prezo medio do bioetanol no 2020 estaba nos 0,68 euros por litro, o que supuña un aforro do 35% para os usuarios

O prezo medio do E85 en Francia estaba nos 0,68 euros por litro no 2020, o que supuña un aforro do 35% para os usuarios, segundo os datos manexados por Bio-E. No país galo pasouse de contar cunha rede dunhas 1.000 estacións nas que se podía repostar este combustible, a pasar a sumar máis de 2.500 no 2021. Compañías como Total xa anunciaron que terán dispoñible o bioetanol en tódalas súas gasolineiras ó longo deste 2022.

“O combustible do futuro para a maquinaria agraria será o hidróxeno. Teremos tractores accionados con pilas de hidróxeno”

Outra das alternativas que para algúns dos participantes no debate se presenta como unha opción de futuro é o hidróxeno. “O combustible do futuro para a maquinaria agraria será o hidróxeno, tractores accionados con pilas de hidróxeno, xa que entre outras vantaxes é das poucas alternativas que ofrece a autonomía requirida para a maquinaria no agro”, sinala Gema Flores Fernández, enxeñeira agrónoma en Massey Ferguson.

Dende o sector da maquinaria está a avanzarse na investigación do emprego do hidróxeno, aínda que existen polo momento moitas limitacións para a súa utilización no agro. Un dos principais retos é conseguir que proporcione a potencia precisa para mover apeiros de grandes dimensións.

Á marxe de procurar combustibles alternativos ó petróleo, no sector tamén están apostando por lograr un aforro conseguindo máquinas máis eficientes e tecnolóxicas. “As empresas de maquinaria agrícola estamos tentando que os nosos tractores e maquinaria sexan cada vez máis eficiente e tecnolóxica, para reducir o impacto ambiental e que o produtor poida conseguir un aforro de combustible”, apunta Flores.

Outra das alternativas fronte ó petróleo para o sector agrario pode proceder do aproveitamento e transformación do xurro en biocombustible. “A xestión do xurro permitiría resolver un problema para moitas granxas ó tempo que se aproveita para producir enerxía”, apunta a doutora en veterinaria Olga Iglesias. “Debemos de ser punteiros en Economía Circular co aproveitamento do xurro”, apunta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información