Que alternativas hai se se prohíbe a queima dos restos agrícolas?

Este ano formalizouse en España a prohibición á queima de restrollos, se ben é unha normativa aínda en discusión

Que alternativas hai se se prohíbe a queima dos restos agrícolas?

Un tractor equipado dun triturador que recolle e tritura os restos de poda dun viñedo. / Arquivo.

A Ley 7/2022 de Residuos y Suelos Contaminados estableceu desde abril a prohibición ás queimas de restos agrícolas, coa excepción de motivos fitosanitarios e sempre con autorización previa. Pasado o verán, cando toca reabrir as queimas agrícolas, a postura das distintas comunidades autónomas está a oscilar entre ir trampeando, establecer moratorias temporais para permitir a adaptación do agro ou aplicar a normativa ao pé da letra. Nos próximos meses, o Goberno terá que aclarar e unificar o escenario.

A esperanza das comunidades autónomas é que a actual Ley 7/2022 de Residuos y Suelos Contaminados se modifique no Congreso, algo que está a debate, logo de que, en principio, ningún grupo se opuxese na Comisión de Agricultura a tramitar un cambio da normativa.

A cuestión é ata que punto España ten capacidade para cambiar a Ley 7/2022, pois a prohibición das queimas agrícolas vén marcada por directivas europeas de residuos. Haberá que ver cal é a postura do Ministerio de Transición Ecolóxica ao respecto.

A actual normativa establece que só se poden permitir queimas agrícolas cando haxa motivos fitosanitarios, e sempre previa autorización individual, segundo se recolle no artigo 27.3 da Ley. En Galicia, polo de agora a Xunta optou, sen embargo, por manter o sistema de queimas agrícolas dun xeito similar ó anterior, baseado nun sistema de comunicacións previas, sen necesidade de autorización.

A Xunta acóllese ó artigo 3e) da Ley, no que se establece que non son obxecto da Lei “a palla e outro material natural, agrícola ou silvícola non perigoso, utilizado en explotacións agrícolas e gandeiras, na silvicultura ou na produción de enerxía a base desta biomasa, mediante procedementos ou métodos que non poñan en perigo a saúde humana ou danen ó medioambiente”.

Claro que esa é unha disposición suxeita á interpretación, pois as partículas finas que emiten as queimas agrícolas representan un problema de saúde humana e ambiental, sobre todo en determinadas comarcas e periodos. Así llo trasladou xa á Administración un colectivo ecoloxista, que advertiu de que o mantemento das queimas podería chegar a dirimirse en sede xudicial.

Centros loxísticos de biomasa e redes de calor locais

En Galicia fanse cada ano arredor de 400.000 queimas comunicadas de restos agrícolas procedentes de podas e rozas, pois trátase dun método sinxelo e económico para eliminar eses ‘residuos’. A alternativa principal pasa polo triturado, con incorporación ó solo ou retirada, pero é máis cara e esixe unha mecanización previa, a parte de xerar unha pegada de carbono polo gasto de combustibles fósiles.

En comarcas de viñedo e kiwi, cun mínimo de 2-3 toneladas de restos por hectárea, nin sequera habería vías para xestionar esa biomasa das podas. Hai uns anos, o proxecto Biomasa Ap, liderado polo CIS Madeira, comprobou que era posible a trituración e retirada dos restos para o seu procesado posterior. A iniciativa logrou obter pellets dos restos de viñedo que eran aptos para caldeiras industriais, se ben non se deron pasos posteriores nesa liña.

Desde o Clúster de Biomasa de Galicia, o seu presidente, Francisco Álvarez, considera lóxica a restricción á queima de restos agrícolas, pero subliña que hai que ofrecer alternativas, que el encamiña á valorización enerxética desa biomasa. “A semana que se abren as queimas agrícolas, estas queimas emiten máis partículas finas ó aire que todo o parque de calefacción de España” -sinala Álvarez-. “Así que restrinxir as queimas, si, pero que se fai cos restos?”.

Unha posibilidade que apunta Álvarez pasa por establecer centros loxísticos de biomasa, que funcionen cos restos de poda dun xeito similar a un punto limpo, coa recollida de restos e o seu posterior estelado, orientado a caldeiras de leña e similares. “É un sistema que xa está funcionando noutras comunidades autónomas e que se podería implantar en Galicia”, valora.

En España, o proxecto Agroinlog pescudou precisamente a posibilidade de crear centros loxísticos de biomasa integrados con industrias agroalimentarias, como adegas e cooperativas, de xeito que as agroindustrias abrisen unha liña de negocio paralela coa biomasa, á vez que aproveitaban o persoal e a maquinaria que quedaba sen carga de traballo fóra do ciclo das campañas agrícolas.

Outra opción que plantea o Clúster de Biomasa de Galicia pasa pola promoción de redes de calor microlocais, orientadas a aldeas e pobos. É un sistema que o Clúster da Biomasa xa propuxo para o proxecto de Aldeas intelixentes que promove a Xunta nas aldeas modelo (21 declaradas en toda Galicia). A idea é aproveitar nesas redes de calor os restos agrícolas e buscar sinerxias coas comunidades de montes próximas, a fin de avanzar na autosuficiencia enerxética dos pobos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información