Un primeiro efecto das bandas de fungos atopámolo nas talas de piñeiro radiata. No ano 2024 aumentaron un 20%. O motivo está en que os propietarios estanse a desfacer das árbores antes de que a praga as afecte de tal xeito que non se poidan aproveitar.
Pero esa tala masiva ten aspectos negativos. “É unha madeira de pouca calidade. Vén moi seca e rende pouco. Tampouco podemos conservala demasiado tempo porque se deteriora rapidamente e hai que sacala con présa. E os seus usos son de moi pouco valor industrial. Ademais hai que concentrar a recollida no verán e na primavera porque no inverno é moi difícil e custoso traballar nesa zona debido á orografía en pendente e a que os camiños rurais están en mal estado polas nevaradas e a chuvia. Así, temos moita madeira, de baixa calidade e concentrada en poucos meses.”, explica Pedro Besteiro, do serradoiro Besteiro Forestal.
Aínda que poida parecer que os serradoiros saen gañando coa perda de peso da madeira afectada polas bandas -porque compran por tonelada e venden por metro cúbico- non é así, debido á pouca utilidade que a industria transformadora atopa nas masas afectadas.
As comunidades e propietarios de montes tamén se ven nunha encrucillada. Precisan dunha especie que permita unha rendibilidade a prazo medio para que o monte non sexa un foco de perdas. Unha rendibilidade que o radiata xa non pode garantir.
“O prezo da madeira na Fonsagrada sempre vai ser peor que noutras zonas como a Terra Chá porque os madeiristas teñen que desprazarse a distancias longas e traballar en terreos moi laboriosos. E, no noso caso, esas cortas de madeira de crecemento rápido son necesarias para poder manter outros proxectos, como os soutos ou as plantacións de bidueiros, rebolos e carballos.”, sinala José María Álvarez, da Sociedade de Fomento Forestal (SOFOR) Santa Juliana, da parroquia fonsagradina de Cereixido.
As cortas de especies de crecemento rápido son necesarias para manter outros proxectos, como os soutos de castaños, os carballos ou os bidueiros (José María Álvarez, Sofor Santa Juliana)
[En vídeo] Piñeiro taeda, pseudotsuga, castiñeiros… e eucalipto
Para Manuel Marey, catedrático da Área de Proxectos e Planificación da USC e tamén presidente da comunidade de montes en man común de Tórdea (Castroverde), a incerteza é algo que non se debe prolongar.
“Máis aló deste problema que está a haber coas bandas roxa e marrón, que non semella ter unha solución inmediata, hai que poñer a disposición dos propietarios todas as ferramentas legais e técnicas que permitan que o monte sexa rendible. O piñeiro radiata está nun momento crítico e xa leva anos así en toda a cornixa cantábrica. Os donos dos montes temos coñecementos e capacidade para facelos rendibles e sustentables. Pero hai que nos deixar actuar”, subliña Marey, en alusión á moratoria do eucalipto.
Hai que poñer a disposición dos propietarios dos montes todas as ferramentas legais e técnicas que permitan que sexan rendibles. (Manuel Marey, Catedrático de Proxectos e Planificación da USC)
Os transformadores da madeira non cren que vaia haber un desabastecemento inmediato de coníferas no mercado galego, aínda que se teme pola cantidade de piñeiro radiata a medio prazo. “Na produción forestal inflúen moitos factores porque se trata de procesos de moitos anos, 20 como mínimo. Por eso calquera aposta produtiva que se faga ten que ter as máximas garantías posibles. Algo que agora non se ten co radiata e que desmotiva á hora de pensar en novas plantacións.”, di Nuria Rodríguez, xerente da asociación Lugo Madera.
Unha diagnose na que coincide Manuel Fernández, da Cooperativa Chorima. “Ninguén está polo labor de deixar tres ou catro anos o monte sen nada ata que desapareza o fungo. A xente quere plantar pero non confía no radiata porque podería ter que arrincalo ao cabo de dous anos. E tampouco confían en que se vaia recuperar o xa danado”, asegura o seu presidente, Manuel Fernández.
A xente quere plantar e que o monte produza, pero agora desconfía do piñeiro radiata. E con razón. (Manuel Fernández, presidente da Cooperativa Chorima)
Nesta situación, as medidas que se propoñen de xeito inmediato pasan pola sustitución do radiata por outras especies. A opción máis viable e que en menor ou maior medida defenden case todos os actores é a substitución, aínda que sexa temporal, do piñeiro radiata polo eucalipto, especialmente a variedade nitens, pola súa mellor adaptación á altitude desta comarca.
Se ben habería unha perda en canto á calidade da madeira, manteríanse ou mesmo se reducirían os ciclos de corta de xeito que a rendibilidade sería máis inmediata.
“O que se prohibe incentiva. É decir, cando algo queda prohibido -como pasa agora parcialmente coa moratoria do eucalipto- leva a que a xente busque a forma de mantelo. E eso vale para case todo no campo. Algúns propietarios saltan a moratoria porque teñen a necesidade de obter un rendemento. E que pase eso non é algo desexable. Hai que establecer un regulamento axeitado e racional para que se poida aproveitar o monte sen deixar de ser sustentable e sen incumprir as normativas. Hai espazo abondo para frondosas, coníferas e eucalipto. O caso é atender tamén as necesidades puntuais en cada momento.”, di Manuel Fernández, de Chorima.
“Hai espazo abondo no monte para frondosas, coníferas e eucalipto” (Manuel Fernández, cooperativa Chorima)
Dende a SOFOR Santa Juliana, o seu vicepresidente apunta na mesma dirección. “Aquí temos unha praga grave e uns piñeiros cada vez máis afectados. Ou ben se buscan variedades de piñeiro que resistan a praga e rendan nun ciclo curto ou hai que buscar outra especie. Unha solución sería autorizar unha quenda de eucalipto mentres non aparecen os tratamentos para a banda marrón e vermella.”
O que se prohibe, incentiva. Algún propietario pode ter a tentación de saltar a moratoria do eucalipto porque precisa obter un rendemento. E eso é negativo. (Manuel Fernández)
Manuel Marey insiste na necesidade de solucións urxentes. “A sustentabilidade tense que levar parcela a parcela e territorio a territorio. E todos os propietarios temos que ter os mesmos dereitos en todo o territorio. O feito de que nunha zona haxa sobrepoboación dunha especie non pode levar a que non se autorice esa especie noutra zona onde non é maioritaria. E máis se, como neste caso, as alternativas coas que se traballaba están nunha situación tan grave como a que atravesa o piñeiro radiata.”
Marey apela tamén á historia da xestión forestal familiar e tradicional en Galicia. “Sempre se plantou para obter un beneficio ou para deixarlle ese beneficio os fillos. E ese dereito non se pode perder. Hai que mantelo dentro da racionalidade e cumprindo coas normativas. Pero as normativas teñen que ser coherentes e respectar a diversidade. Na situación actual, hai que antepoñer a busca de solucións á imposición de prohibicións.”
O catedrático da USC vai máis aló do problema puntual das bandas e avoga por non afondar nos monocultivos. “Non pode ser que un veciño de Vigo ou da Mariña vexa só durante toda a súa vida eucaliptos. Ou que aquí só vexamos radiata. Os monocultivos son negativos dende o punto de vista social, ambiental e económico. Aquí tradicionalmente apostouse polo piñeiro radiata pero esta situación obriga a buscar outras especies. Sexa o eucalipto ou sexa outra. O importante é que, se substituimos o radiata, que non sexa por outra especie única que traia outro monocultivo.”
Na Asociación Lugo Madera non falan de eucalipto pero si que deixan claro que é necesario aproveitar todos os recursos forestais que poidan ofrecer os montes e que, por tanto, hai que buscar opcións novas cando fallan as tradicionais.
Por contra, Pedro Besteiro non ve o recurso ao eucalipto ante a praga como algo totalmente positivo. “Se queremos un eucalipto de calidade, temos que irnos a un ciclo de 30 anos. E non parece que eso sexa o que queren os propietarios. Porque cos eucaliptos que se cortan agora -de 12 a 14 anos- o traballo e os resultados nos serradoiros son moi diferentes e máis complicados. É unha madeira que non seca ben, que fende e que non pode ter os usos que está a ter o piñeiro radiata. Dende logo, o mercado non o acollería como substituto”, subliña.
O eucalipto non é unha alternativa para os serradoiros (Pedro Besteiro)
“Por exemplo -continúa Besteiro- para facer unha caixa para viño non valería e os clientes dos serradoiros non o mercarían. Ou, polo menos, non polo prezo do radiata porque a utilidade e calidade son moito menores. Agora ben, hai que entender a preocupación dos propietarios pola praga do radiata e a súa necesidade de buscar alternativas.”
A situación actual das bandas de fungos obriga a antepoñer a busca de solucións á imposición de prohibicións. Manuel Marey
Outra das primeiras opcións nas que se pensa é o piñeiro pináster, a outra gran caste de conífera en Galicia. Unha opción que non ven viable dende a Cooperativa Chorima no caso da Fonsagrada. “Podería ser útil nas zonas máis baixas. Nas altas non, porque coas nevaradas e o peso da neve sobre a árbore poden romper tanto os exemplares de poucos anos como as polas mestras dos máis antigos. E non lles gusta o frío.”
Para Pedro Besteiro, o pináster ten outros inconvenientes “É madeira de mellor calidade. Pero o mercado non o acolle ben. Porque lle cae o nó e ten unha cor vermella máis intensa que precisa tinguiduras. Da máis traballo e por eso se comercializa mellor o radiata.”.
Na SOFOR Santa Juliana contan con masas de pináster nas zonas máis baixas respecto do nivel do mar e con bos resultados, aínda que non entra nos seus plans polo de agora sustituir por pinàster os radiatas danados.
Non temos constancia científica da aptitude do piñeiro taeda porque non leva suficiente tempo en Galicia como para ter unha valoración fiable. (Nuria Rodríguez, Asociación Lugo Madera)
Outra opción podería ser o piñeiro taeda. Unha caste relativamente nova en Galicia. “Sabemos que se están traendo sementes de zonas de Francia e que, en principio, podería ser un cultivo viable. Pero, coma sempre, non temos aínda constancia científica de que os resultados sexan os desexados porque non pasou o tempo suficiente como para podelo valorar. Aparte de que podería ser moi válido para algunhas zonas de Galicia e non así para outras. E tamén entran en xogo factores como a orientación e altitude da parcela, a evolución do clima…”, explica Nuria Rodríguez.
Pedro Besteiro ten unha visión semellante. “Parece que o taeda é unha variedade resistente ás bandas de fungos. E o seu crecemento é a uns 20 anos fronte aos 25 do radiata e cunha calidade similar. O que non sabemos é se a súa evolución e adaptación serán como as do radiata, polo que segue a ser unha aposta arriscada. Pode ser viable como substituto se continúan as talas masivas de radiata e entramos en déficit desa variedade. Haberá que velo.”
Menos optimista é Manuel Marey. “Dende que chegaron as bandas hai case cinco anos, non temos constancia de que houbera ensaios científicos para determinar a resistencia doutras especies fronte a elas. Gustaríanos confiar no taeda pero non temos datos que nos permitan facelo. Habería que contrastar en explotacións e repoboacións que efectivamente é resistente ás bandas en circunstancias diferentes. A ciencia ten os seus tempos e os seus límites.”, indica.
As talas masivas levaron a que se perdera boa parte do piñeiro silvestre, que era moi resistente e de moita calidade. (Pedro Besteiro, Besteiro Forestal)
O que semella descartado é que o coñecido como piñeiro silvestre, considerado autóctono, vaia ser o substituto do radiata. Todos os actores do sector coinciden en sinalar a súa resistencia a pragas de fungos como as bandas ou insectos como a procesionaria e a alta calidade da súa madeira. O que pasa é que as repoboacións que se fixeron nos anos 50 do século XX foron taladas de xeito masivo pola alta rendibilidade que proporcionaban e hoxe quedan poucas masas. Aparte de que o seu ciclo de crecemento vaise a case 60 anos, o dobre que o radiata. Sería, como moito, un complemento a longo prazo e en lugares onde non haxa urxencias.
“É unha madeira semellante a do piñeiro roxo sueco e alemán. O mercado acéptaa moi ben, aínda que teña ese ton máis vermello. Na Fonsagrada, Baleira e Castroverde deuse moi ben porque se adapta ben ao frío e a altitude. Pero no seu día non se puxo límite ás cortas e agora case está desaparecido. Unha mágoa porque ten moita calidade e préstase para o traballo coas novas maquinarias.”, di Pedro Besteiro.
“Co silvestre, nesta zona, fixéronse millóns de euros. Aguantaba perfectamente as nevaradas sen romper e fomentouse moito a plantación hai 70 anos. Agora quérense variedades de crecemento máis rápido e por eso chegou con tanta forza o radiata, que tamén daba moi bo resultado ata que apareceron as bandas,”, conta Manuel Fernández. Malia que poida parecer que 60 anos é un ciclo moi longo, variedades semellantes no norte de Europa tardan ata 120 anos en completar o seu desenvolvemento.
A pseudotsuga ou abeto de Douglas tarda máis de 40 anos en completar o ciclo e os madeiristas non a teñen en consideración. (José María Álvarez, SOFOR Santa Juliana)
Dende hai tempo, nos tres concellos máis afectados polas bandas, hai pequenas masas de pseudotsuga, coñecida como “abeto de Douglas”. É unha árbore cun ciclo duns 40 anos e extremadamente resistente ás pragas de insectos e fungos que foron chegando. Actualmente estanse a talar ao cabo de 20 ou 22 anos para utilizalas na elaboración de vigas prensadas, o cal supón unha saída, pero deixa uns rendementos de madeira e, sobre todo, de valor económico moi lonxanos do que se acada co radiata.
“Algúns socios da SOFOR temos plantacións fóra da sociedade e particulares de pseudotsuga. Aguantan moi ben pero os madeiristas non o queren. Incluso teñen rexeitado levar exemplares que tiñan na base 50 centímetros de diámetro. Porque ten o problema de que está a dúas cores: vermella por dentro e branca por fóra; co cal non serve para mobles. E porque a madeira ten pouco peso e non interesa nun mercado no que todo vai por toneladas. E, ademais, ten moitas pólas non aproveitables que dificultan o traballo e moitos nós no toro.”, explica José María Álvarez.
Para o presidente de Chorima, a cousa está clara. “Se hai que irse a ciclos de 40 anos ou máis, a xente desiste. Eles non o van comercializar e os seus descendentes veremos. Ten a súa calidade e é moi dura e, aínda así, non é o recomendable nas circunstancias forestais desta zona.” Pedro Besteiro atopa outros motivos para non se decantar pola pseudotsuga. “Sería ir competir con zonas como Austria, norte de Francia ou Alemania onde o abeto Douglas leva séculos implantado. Alí xa teñen a maquinaria adaptada, coñecen as técnicas de corta e cultivo e controlan perfectamente os mercados. E, insisto, o ciclo será demasiado longo para o que buscan os propietarios forestais de aquí.”
As pragas da avespiña e da tinta levan a que o castiñeiro non sexa visto como alternativa ao radiata. José María Álvarez
Vista a necesidade de obter rendibilidade nun prazo razoable, as frondosas perden a capacidade de substituir o piñeiro radiata nesta zona castigada polas bandas de fungos. Máis aló dos proxectos xa existentes, como o da SOFOR Santa Juliana e as súas masas de rebolos, bidueiros ou carballos, non hai proxectos vencellados ás frondosas. E moito menos para ubicalas onde agora hai radiata de calquera tamaño.
Peor aínda: a alternativa que podería constituir o castiñeiro vese seriamente ameazada por dúas pragas: a avespiña e a tinta. “Non hai moito que aquí había familias que sacaban cada ano entre 15.000 e 20.000 euros pola venda de castañas. Pero agora eso perdeuse. As colleitas reducíronse tanto polo efecto das pragas que mesmo quedan sen recoller porque non se desquita nin o tempo que leva recollelas. Eso é unha mágoa. Podíase obter rendemento todos os anos e vender a madeira das podas periódicas ou dos castiñeiros máis vellos. Agora nin unha cousa nin outra.”, di o presidente de Chorima.
Unha análise similar fan na SOFOR Santa Juliana. “Noutras zonas de Galicia erradicouse case por completo a avespiña do castiñeiro empregando o parásito torymus e aquí non foi así. Non sabemos por que.” E logo está a tinta, un organismo mestura de alga e fungo que ataca as árbores dende a raíz e se estende por todo o corpo ata acabar matándoa. A combinación de avespiña e tinta descarta, polo momento, o castiñeiro como substituto do piñeiro radiata e leva a pensar na procura de solucións urxentes para a produción de castaña e madeira na zona.
Pois eu que non son especialista e vexo como alternativa, Faias, bidueiros, carballos,castiñeiros e salgueiros para evitar lumes.