Os datos da “Análise de consumo no fogar”, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, reflicten que o volume de compra de alimentos do 16 ao 22 de marzo de 2020 (semana 12), a primeira semana despois da declaración do estado de alarma en España con motivo do avance do COVID-19, moderouse respecto da anterior.
Así, do 9 ao 15 de marzo (semana 11) rexistrouse un repunte do 29,8% respecto das compras de alimentos realizadas nesa mesma semana do ano anterior. Mentres, na semana 12, ese incremento das compras foi do 10,9%.
Estes datos evidencian, segundo o Ministerio, que na semana 11 almacenáronse alimentos no fogar que na semana posterior non foi necesario mercar coa mesma intensidade, xa que baixaron un 20,2% dunha semana a outra.
Na semana 12 deste ano rexistráronse alzas no consumo de carne fresca en relación co mesmo período de 2019, con crecementos superiores ao 20% en carne de polo e de porco. Porén, produciuse unha caída significativa no consumo de carne de ovino do 25 %. En comparativa semanal, constatouse estabilidade na carne de polo, pero baixadas nas demais categorías de carne. Así, en carne de vacún rexistrouse na primeira semana un incremento das vendas do 31%, que baixou ao 18% na semana do 16 ao 22 de marzo.
No relativo ao leite e aos derivados lácteos, foron dos produtos máis comprados polos españois para aprovisionarse ao comezo do confinamento: case un 50% máis de vendas na semana do 9 ao 15 de marzo, para caer un 36% á seguinte semana.
Así mesmo, o consumo de froita mantívose estable con respecto ao ano anterior, aínda que si se observaron incrementos na compra de hortalizas e patacas (+23%) que, fronte á semana anterior, apenas variou.
Respecto dos produtos pesqueiros, a análise pon de manifesto que a compra de peixe fresco non variou apenas, aínda que baixou o 11% da semana 12 á 11. A compra de peixe conxelado subiu o 33% interanual na semana 12, pero caeu o 18% fronte á semana anterior.
Nesta última semana tamén se detectaron crecementos na compra de produtos da canle impulso, como snacks/froitos secos (+15%) ou tabletas de chocolate (+33%) fronte á mesma semana do ano anterior.
Os datos reflicten o crecemento do consumo de fariña en ambas as semanas (+147% e +196%, respectivamente). De feito, seguiu subindo en comparativa semanal (+16%).
Lugares de compra
En relación cos lugares de compra, na semana 11 todas as canles dinámicas alcanzaron un crecemento importante. E na semana 12 son os establecementos de proximidade, como as tendas tradicionais e os supermercados, os que rexistran maiores incrementos respecto da mesma semana do ano anterior (+19,4% e +17,9, respectivamente)
Efecto de normalización das compras é xeneralizado en todas as Comunidades Autónomas: