“Puxemos de acordo a 146 propietarios; o minifundio pode pasar de ser freo a un motor”

Os veciños de Remuíño, na comarca do Ribeiro, xuntáronse para avanzar nun proxecto conxunto co que poñer a producir as terras da aldea. No mes de novembro presentaron toda a documentación para que a Xunta cree un polígono agroforestal de 260 hectáreas e desde entón agardan que a Consellería “mova ficha”

Publicidade

poligono agroforestal Remuíño (Arnoia)San Antón de Remuíño é unha parroquia do concello da Arnoia, na comarca do Ribeiro, que coma moitas outras aldeas ourensás sofre un grave problema de avellentamento poboacional e abandono da actividade agraria. Pero os veciños de Remuíño non se resignan a ver esmorecer a súa aldea.

“Quedamos 45 veciños no pobo, onde o 70% supera os 75 anos”, detalla Eduardo Fariñas, presidente da Asociación de Propietarios de Predios de Remuíño. A asociación foi creada en febreiro de 2020, xusto antes do confinamento, coa intención de dar forma legal á idea na que levaban varios anos traballando: agrupar as fincas para poder recuperar a actividade produtiva, centrada tradicionalmente na viticultura pero que co paso dos anos se foi abandonando debido ao reducido tamaño das parcelas.   

Empezamos en febreiro de 2020 creando a asociación, pero había xa un movemento no pobo a favor de agrupar as fincas. Falar de reestruturar era un tema tabú até fai poucos anos, pero hoxe xa non o é

 “O interese por parte da xente é total. Os propietarios recibiron a proposta moi ben e convencer aos veciños foi relativamente sinxelo. Sempre que se fala de propiedade temos detrás o mantra do apego ás fincas, pero esa perspectiva en Galicia xa cambiou. A percepción que nós temos, en base á nosa experiencia, é que no rural hoxe xa se ve por parte da xente que é necesario dar una volta ao modelo de propiedade tradicional para poder seguir adiante”, afirma Eduardo.

O 80% das fincas da aldea están abandonadas

“Só un 15 ou 20% do pobo está produtivo neste momento. Debido ao minifundio que hai, é inviable o traballo para a xente que queira asentarse cunha parcela minimamente dimensionada. O Ribeiro ten un problema neste momento de produción porque con fincas pequeniñas non se pode traballar e crear unha parcela cunha superficie óptima para traballar resulta moi complicado”, explica.

A denominación de orixe máis antiga de Galicia está a perder produción de maneira acelerada na última década

Remuíño atópase no corazón do Ribeiro, unha denominación de orixe que está a perder produción de maneira importante nos últimos anos. Nas dúas últimas décadas a capacidade efectiva de produción de uva na Denominación de Orixe reduciuse á metade, cun descenso da superficie produtiva dun 18% desde o 2016.

Superficie media de 300 metros cadrados

Ligado á alta idade media dos viticultores (preto da metade teñen máis de 65 anos) e ao baixo grao de profesionalización dunha parte dos produtores, o excesivo minifundio é un dos factores que ameaza o futuro da produción de viño no Ribeiro. A Denominación de Orixe conta con 1.374 hectáreas, que están divididas en 20.542 parcelas, unha estrutura da propiedade que dificulta a remuda xeracional.

“En Remuíño quedan 5 familias con xente nova traballando o campo. Adícanse fundamentalmente ao viñedo, complementado con outras actividades agrícolas, pero a actividade principal é a viticultura”, conta Eduardo.  “Algún deles tivo que cambiar e mercar entre 150 e 180 parcelas para conseguir una hectárea de viñedo, que xa lle permite traballar mecanizadamente e sacar uns rendementos axeitados. Hoxe é inviable pensar que se van traballar as fincas como hai 50 anos”, argumenta.

Quedan 5 familias con xente nova adicada á agricultura, algunha delas tivo que mercar e cambiar máis de 150 parcelas para conseguir xuntar unha hectárea de viñedo

O polígono agroforestal proposto polos veciños contaría cunha superficie de 260 hectáreas, distribuídas en 9.000 fincas cunha superficie media de 300 metros cadrados que “urxen unha restruturación que permita non so mellorar a dimensión das fincas senón tamén aumentar a viabilidade técnica, económica e social” das iniciativas produtivas, defenden desde a asociación.

Propietarios ilocalizables

Ademais dunha poboación envellecida e o pequeno tamaño das parcelas, os impulsores da iniciativa de agrupamento das parcelas atopáronse con outro atranco: a dificultade para saber de quen eran as fincas. “Localizar a todos os propietarios é moi complicado, eu diría que imposible”, asegura Eduardo.

No Ribeiro houbo moita emigración a Sudamérica e quedaron moitas parcelas sen repartir en herdanza porque no seu momento había unha cultura de non facer partixas

Logo dun exhaustivo traballo de busca, concluíron que entre un 11 e un 14% dos propietarios non son localizables. “No Ribeiro houbo moita emigración a Sudamérica e quedaron moitas parcelas sen repartir en herdanza porque no seu momento había unha cultura de non facer partixas, polo que en moitos casos figuran como propietarios persoas que serían bisavós dos actuais donos. Isto fai que sexa imposible localizar a moitos deses descendentes dos veciños emigrados no seu día”, explican.

Tivemos que traballar de xeito exhaustivo; temos mapas con todas as fincas delimitadas

A Asociación de Propietarios de Predios de Remuíño está formada neste momento por 146 donos de fincas, o 94% dos propietarios localizables, e aportan o 89% da superficie total das terras. “Os non localizables, a cantidade de superficie que aportarían é pouca, pode ser un 5% do total”, detallan.  

“A lei do 2021 aporta ferramentas interesantes”

O interese dos veciños de Remuíño por dar unha saída á superficie abandonada do pobo vén de atrás. “Comezamos a traballar coa lei de reestruturación do 2015 pero pedía o acordo dos propietarios do 90% da superficie. Por iso todos os proxectos quedaban parados. Pero a lei do 2021 abre un xeito de traballar diferente, máis sinxelo. Agora baixa a necesidade de acordo ao 70% da superficie e iso faino moito máis doado”, explica Eduardo.

A Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia esixe o acordo dos propietarios de cando menos o 70% da superficie

Outra das novidades que aporta a Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, pensando nos casos de fincas con donos descoñecidos, como acontece en Remuíño, é a posibilidade de incorporación ao Banco de Terras.

“A lei de febrero de 2021 permite que se poida facer igual un reagrupamento aínda que haxa propietarios ilocalizables, deixando a propiedade pendente de que alguén a poida reclamar durante 10 anos”, contan desde a asociación.

Viño, horta e monte

Vista aérea de Remuíño, onde as pequenas leiras de vides no entorno das casas e montes de piñeiro e castiñeiro rodeando o pobo

Vista aérea de Remuíño, con leiras e vides no entorno das casas e montes de piñeiro e castiñeiro rodeando o pobo

A necesidade de terras para viñedo que se demanda hoxe no Ribeiro sería a principal finalidade do proxecto de agrupamento de terras de Remuíño, pero os veciños queren que o novo polígono teña carácter agroforestal para sacar partido tamén ao monte da parroquia.

“Temos piñeiros de 25, 30 e 40 anos. Moitos deles están no seu turno de corta, pero neste momento non é viable facelo porque sería cortar 2 aquí, 5 alí e 7 no outro lado e, nesas condicións, non hai interese por parte das empresas madeireiras. Facendo una xestión conxunta de todo o monte poderíanse ter uns ingresos xa inmediatos”, explican.

A nosa proposta sería que a actuación fose integral, en todo o terreo que conforma o pobo e que rodea as casas

Por iso, a proposta de usos que desde a asociación fan para as 260 hectáreas incluiría distintos tipos de aproveitamento: “a parte principal sería para cubrir a demanda de terras de viñedo que hai neste momento no Ribeiro; outra parte sería para horta, sobre todo para pemento de Arnoia; e o resto para monte. En total serían unhas 100 hectáreas forestais e o resto para viñedo e horta”, detallan.

Defenderse contra o lume

A superficie de monte que rodea o pobo foi plantada con piñeiros e castiñeiros pero hoxe está totalmente abandonada, “porque cunha superficie media de 300 metros cadrados non se pode aproveitar a madeira e facer cortas e plantacións, e na zona de castiñeiros o mesmo.

En Remuíño o día que haxa un lume non queda absolutamente nada, non hai maneira de paralo, o risco é inmenso

O coidado do monte e a súa xestión suporía, ademais dun beneficio económico para os veciños, poder reducir o risco de incendio. “A nosa proposta sería que a actuación fose integral, en todo o terreo que conforma o pobo e que rodea as casas. No Ribeiro e na Arnoia non hai moitos incendios, pero en Remuíño o día que haxa un lume non queda absolutamente nada non hai maneira de paralo, o risco é inmenso”, din.

Emigración e repoboación

Remuíño perdeu nos últimos 20 anos un terzo da súa poboación. Á primeira ola de emigración a América veu despois unha segunda, na que a xente moza marchou ás cidades en busca de traballo. É o caso de Eduardo. El traballa na Coruña, aínda que a súa nai segue vivindo en Remuíño, e igual que otros veciños está moi implicado no proxecto.

Tiven que marchar por traballo, pero as miñas orixes están en Remuiño e vou moito alí

“Collemos pola man este tema una xeración nova e entre os 146 propietarios que xa aceptaron e asinaron o pre-compromiso para levar a cabo un polígono agroforestal de iniciativa pública encóntranse, por un lado, todos os que residindo en Remuíño dedican actualmente a súa produción á comercialización e, por outro, os que coñecendo a posible potencialidade agraria da zona queren aproveitar a oportunidade que a reestruturación lles brindaría para proxectar e executar novas explotacións”, explica.

“Se isto vai adiante, os proxectos xorden sós. Ademais da demanda de terra para viñedo, xa temos tres persoas interesadas en facer plantacións de castiñeiro para froito. Se se fai a reestruturación, logo procede facer unha actuación de recuperación das vivendas e dos camiños, porque o pobo ten potencial e hai casas que se poderían rehabilitar para asentar poboación”, defende.

Agardando pola Xunta

“A ilusión dos propietarios neste momento é inmensa e gustaríanos que a Xunta acompañase este proxecto porque vai supoñer seguro un punto de inflexión non só para Remuíño senón para o Ribeiro”, di convencido Eduardo. “Esperamos que a Xunta poida ver neste proxecto as posibilidades que pode dar á zona”, engade.

Estamos agardando pola Xunta, porque o traballo fundamental, o de poñer de acordo aos veciños, xa llo demos feito

Os veciños de Remuíño están vivindo con extraordinaria ilusión os pasos que se foron dando desde o inicio do proceso até o momento da presentación dos pre-compromisos asinados, o 25 de novembro de 2021, e agardan desde entón con entusiasmo que a Xunta de Galicia aborde este proxecto.

“Toda a documentación foi presentada en novembro 2021. Estamos poñendolle á Xunta enriba da mesa un tema que pensamos que está listo. O traballo fundamental xa llo damos feito, porque o básico e fundamental é o acordo dos propietarios e conseguimos que os veciños estean de acordo. A Consellería pedíanos firmar un pre-compromiso para entrar a formar parte dun polígono de iniciativa pública e entendemos que cumprimos con creces os requisitos que nos pedía a normativa. Presentouse a documentación e estamos a expensas de que se produza algunha comunicación e a Consellería dea un paso adiante e aborde este proxecto”, din.

Posta en valor das vellas adegas de Pousadoiro

Conxunto de adegas de Pousadoiro

Conxunto de adegas de Pousadoiro

Remuíño ten un barrio bodegueiro singular, o de Pousadoiro, cun conxunto de 80 adegas antigas situadas nun outeiro ao que noutro tempo subía a procesión das rogativas para pedir unha boa colleita.

“As bodegas do pobo están todas xuntas, son adegas antigas, temos documentación do ano 1635 onde xa se falaba das bodegas que había e do canon en viño que tiñan que pagar á parroquia de San Salvador de Arnoia”, conta Eduardo.

O conxunto de adegas de Pousadoiro están colocadas en ladeira no medio dos terreos de viñedo. Son pequenos edificios cúbicos de planta rectangular construidos a turramonte, aproveitando a parede natural do terreo, con muros portantes de mampostería granítica, dinteis de cantería e cuberta de tella.

É un complexo moi curioso que ten potencial tanto para a produción de viño como para outros usos de restauración ou turísticos

“Son 80 adegas que están semisoterradas, é un complexo moi curioso que ten posibilidades doutros aproveitamentos ademais do da produción de viño. Estamos elaborando un dosier para presentar tamén á Xunta para poñelas en valor. Teñen potencial tanto para a agricultura como para outros usos de restauración ou turísticos”, explican.

Como a dos viñedos, a situación das bodegas tamén é de abandono neste momento. “En conxunto pode haber 3 ou 4 veciños que elaboran nelas viño para autoconsumo e outras 2 ou 3 que as teñen máis para para dar un paseo e ir de visita e todo o demais está abandonado, en moi boas condicións ata agora pero sen uso”, describen.

Un exemplo para outros lugares

O espíritu de colectividade vén de vello en Remuíño, que durante a Segunda República foi un dos núcleos activos do socialismo en Ourense. Desta volta, a unión do pobo busca poñer en valor os seus recursos, neste momento infrautilizados, loitar contra o abandono e dar cabida a proxectos novos que dinamicen a economía do rural.

Reestruturar a terra na parte norte de Galicia é máis doado, na nosa zona é moito máis complicado

Pode ser ademais un modelo a imitar noutros lugares de Galicia. “Estamos convencidos de que si, sobre todo no sur de Galicia, onde a estrutura da propiedade é moi complicada e hai un problema importante de minifundio e de descoñecemento dos propietarios. Reestruturar na zona norte de Galicia é máis doado”, opina Eduardo.

“A nosa experiencia pode servir a outros. Demostramos que se á xente lle presentas proxectos ben deseñados os veciños enténdeno porque ven que é una necesidade. Falar de reestruturar era un tema tabú até fai poucos anos, pero hoxe xa non o é”, asegura.

Pensamos que o de Remuíño pode ser un modelo de actuación para a comarca do Ribeiro

Os propietarios de Remuíño son conscientes de que hai que poñer en valor o rural e deron os pasos necesarios para non ser un freo, senón un motor, neste proceso, aceptando unha reestruturación da superficie que permita aproveitar os recursos agrarios dispoñibles e fixar poboación.

“Pensamos que o de Remuíño pode ser un modelo de actuación para a comarca do Ribeiro, onde o minifundio segue a ser un problema para a posta en valor da súa potencialidade agrícola, facilitando por medio deste tipo de iniciativas unha estrutura e dimensión axeitada a proxectos novos”, defende Eduardo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información