A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Puntos clave para as sementeiras temperás de millo

sementeira millo aira POL 23 7As sementeiras temperás de millo ofrecen a vantaxe de sementar ciclos máis longos e por tanto máis produtivos, pero tamén implican riscos e cambios nas prácticas culturais. Dende RAGT, empresa de referencia na comercialización de millo forraxeiro, ofrecen unhas recomendacións para estas primeiras sementeiras de cedo.

-Por qué é interesante ir a sementeiras de cedo en millo?
Dende o punto de vista de manexo é interesante porque pódese sementar un ciclo máis longo e isto implica máis cantidade de forraxe ou ben, sementar unha variedade do ciclo habitual co obxetivo de adiantar a colleita. Existen certos factores que debemos ter en conta como baixas temperaturas nos primeiros estadíos, asimilación de certos nutrientes (P) máis lenta ou alta incidencia de pragas e adventicias.

As novas tecnoloxías aplicadas ás sementes axudan a un mellor enraizamento, vigor vexetativo e fortificación da planta fronte ás inclemencias metereolóxicas. No caso de RAGT, a solución Fortify axuda á planta nos primeiros estadíos, acelerando a velocidade de xerminación, favorecendo o desenvolvemento do sistema radicular e aumentando o vigor da planta. Unha rápida nascencia, ademáis, diminúe o período crítico onde a plántula é sensible a posibles ataques de paxaros.

-Para qué ciclos e aproveitamentos están pensadas?
Se a finalidade de aproveitamento do cultivo de millo é facer pastone ou grao húmido, debemos ter en conta o tempo extra que vai ser necesario para alcanzar o noso obxetivo de maduración. É un factor crucial para ter unha colleita exitosa.

“Se eliximos ciclos longos para grao húmido ou pastone é moi immportante elixir parcelas ben drenadas para no ter problemas na colleita”

Por iso, será conveniente, elixir ben as parcelas que se van destinar a ese uso: deben ser fincas ben drenadas para evitar problemas de mobilidade da maquinaria posto que xeralmente, a data de colleita será posterior a da que sería normal para ensilado, podendo chegar a un mes por riba no calendario.

Elixir a variedade de maneira acertada é tamén importante. Non soamente en termos de precocidade e producción senón tamén en termos de sanidade, para evitar fundamentalmente caídas de planta ou aparición de distintas enfermidades (fundamentalmente fúnxicas) que despois vaian ocasionar problemas de fermentación ou manexo.

-No caso de RAGT, que variedades recomendarías en Galicia para sementar antes e por qué?
Dependerá un pouco da estratexia forraxeira da explotación. Non debemos esquecer que o millo vaise converter na forraxe máis importante na ración, xa que se trata da forraxe máis produtiva e enerxética. Polo tanto, esa estratexia de alimentación debe construirse en torno a el.

Dito esto, debemos adecuar a elección da variedade ao manexo da rotación, a situación edafoclimática da explotación, presión de enfermidades, etc. Dende RAGT ofrecemos un catálogo amplo, con variedades moi rendibles e estables en produción, que ofrecen moita cantidade de grao e con excelente stay-green e sanidade, co obxetivo, de producir forraxe coa máis alta dixestibilidade.

O mellor consello é axudarse do noso equipo técnico que dará a mellor recomendación en cada caso .

-En zonas de terras lixeiras e onde hai seca estival,  como pode ser sur de Lugo, zonas de Pontevedra, tamén pode ser interesante para ciclos curtos de millo?
Serán interesantes sempre que sexan rendibles. Hai que facer unha análise da produción de materia seca en relación ao investimento que xera o cultivo.

Os ciclos curtos, sementados cedo, adiantan a floración escapando dos días mais calorosos e mellorando a fecundación dos graos. Aínda así, a partir da polinización a demanda de auga e nutrientes, sobre todo nitróxeno, por parte da planta é moi alta polo que o éxito non estaría garantizado de todo.

A escasez de auga é un problema para a agricultura a nivel mundial ao igual que o incremento das temperaturas. Dende RAGT investigamos para producir variedades que soporten de mellor maneira estas novas situacións climáticas. Trátase de producir o mesmo pero con condicións máis limitantes. Falamos de variedades indentificadas como Stressless.

-O tipo de terreo e a súa localización resulta fundamental para poder realizar estas sementeiras. Por qué?
Sí, hai que ter en conta que os ciclos longos son máis demandantes de auga e nutreintes que un ciclo máis curto, polo que o terreo debe ser fresco, profundo, con alta porcentaxe de materia orgánica para aguantar a humidade o maior tempo posible.

 “Os ciclos longos son máis demandantes de auga e nutrientes que un ciclo máis curto”

Para mellorar estas propiedades da terra, desde RAGT, recomendamos a rotación con cubertas vexetais en lugar de deixar o chan a barbeito. Estas cubertas poden ter distintos obxetivos en función das nosas necesidades, pero principalmente evitan a erosión, melloran a estructura, aumentan a capacidade de infiltración da auga no terreo (moi importante en anos con moita e forte pluviometría), compiten coas herbas adventicias, fixan nitróxeno e aumentan a cantidade de materia orgánica e, polo tanto, aumenta a biodiversidade do solo.

-Coas sementeiras de cedo non estamos a penalizar lograr outro corte no caso do raigrás, cando rotamos cun cultivo de inverno? Compénsanos?
En canto a herba, se o miramos desde o punto de vista de produción, a media en Galicia pódese atopar nas 3/4 tn/m.s/ha no caso do raigras italiano, e algo máis se se fan mesturas con leguminosas. No caso do millo, aínda que como na herba, atópanse moitas diferenzas, a produción media está en torno ás 15 tn/ha de m.s. Isto en termos de cantidade, pero tamén temos que ter en conta a calidade das forraxes. No norte de España, con invernos e primaveras moi chuviosas, non sempre é doado ensilar herba en boas condicións.

Como dixemos anteriormente, depende do peso que teña cada unha das forraxes na ración. Iso fará que nos decantemos por unha estratexia ou outra. Para iso o mellor é facer unha boa planificación tendo en conta o stock de forraxe e o seu consumo. Debemos elixir ben as parcelas onde vai ir raigras en rotación co millo, as que precisan unha cuberta vexetal para solucionar algún problema no tocante ás propiedades físicas, químicas ou biolóxicas do terreo, as que poden dedicarse a pradeira permanente, etc

Na planificación, temos que ter en conta, o custe por tonelada de forraxe da base territorial, para determinar que cultivos e rotacións son máis interesantes en cada caso.

sementeira millo Agropres11

-No que é a sementeira propietamente dita, qué aspectos debemos ter en conta na sementadora?
Hoxe en día, existen sementadoras que poden facer o traballo a altas velocidades. O éxito da sementeira depende en gran medida do traballo anterior. A preparación do terreo (traballar con bo tempero é fundamental para que a terra quede solta e aireada para favorecer a nascencia da planta), da maquinaria utilizada, mesmo dos productos que utilicemos para mellorar o cultivo ou da escolla dun híbrido adecuado.

“Se o terreo está húmido ou se prevén choivas sementaremos a 3-4 centímetros de profundidade, do contrario podemos ir a 6 centímetros”

En canto á profundidade, variará en función do grao de humidade e temperatura do solo o día da sementeira, tamén hai que ter en conta a meteoroloxía. Deste xeito en terreos húmidos ou se se esperan precipitacións nos días posteriores á sementeira podemos deixar a semente a 3-4 centímetros de profundidade. No caso de que a terra estea máis seca ou non se esperen precipitacións podemos profundizar ata uns 6 centímetros, e así tamén protexemos un pouco máis a semente fronte ataques de paxaros. Canto antes se realice a sementeira, máis coidadosos debemos ser neste aspecto. As temperaturas máis baixas e o exceso de humidade poden perxudicar se a sementeira é moi profunda.

-E no caso dos tratamentos herbicidas, que recomendacións deberíamos seguir para estas sementeiras?
A proliferación de adventicias é maior nas sementeiras de cedo, polo que haberá que telo en conta na planificación dos herbicidas.

É recomendable facer un tratamento en preemerxencia, ben sexa incorporándoo previo á sementeira ou aplicándoo despois da mesma, en función das condicións meteorolóxicas. Se vai chover nos 3-4 días posteriores pódese aplicar xusto despois da sementeira, senón é mellor incorporalo á terra antes do último pase de grade.

Nos tratamentos herbicidas sempre temos que ter en conta as condición meteorolóxicas no momento de aplicación, pero tamén as condicións dos días posteriores para mellorar a súa eficacia.

Hai que ter en conta as herbas adventicias que tivemos que controlar na campaña anterior, xa que hai especies dos xéneros Echinochloa, Setaria e Digitaria, todas especies de folla estreita, que están adquirindo resistencias a certas materias activas polo que é recomendable alternar materias activas e traballar con tratamentos en pre-emerxencia, na medida do posible.

-Inflúe tamén no emprego de insecticidas?
Os ataques de rosquilla afectan máis ás sementeiras máis tardías, cando as temperaturas comezan a subir de maneira constante, xeralmente, a partires do mes de maio.

 Os ataques de rosquilla afectan máis ás sementeiras máis tardías, pero o agrotis ataca máis en sementeiras temperás”

No caso do agrotis, sucede o contrario, os ataques son máis evidentes en sementeiras temperás, fincas que levan tempo paradas ou as que teñen niveis de materia orgánica moi elevados. Debemos telo en conta, sobre todo se houbo en anos anteriores ataques, á hora de planificar a sementeira.

Os insecticidas granulados fan unha boa protección arredor da semente, pero a súa eficacia pérdese se hai moito lavado por mor da chuvia. No caso dos insecticidas sistémicos a persistencia é algo maior

Se temos que botar man de insecticidas, hai que ter en conta o estadío da praga, grao de afectación do cultivo, materia activa utilizada ou momento do día para a súa aplicación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *