Por que non aproveitar o camiño andado polo viño da Ribeira Sacra para vender os seus queixos? Foi a idea que se lle ocorreu a Puluán SC, unha explotación leiteira de Monforte de Lemos cando decidiu transformar a súa produción para darlle un maior valor engadido.
Apostaron por sacar ao mercado un produto único e diferenciado, queixo macerado en viño mencía, para deste xeito vincularse a un dos elementos distintivos da comarca e poder empregar as canles de comercialización e distribución empregadas polas adegas da zona.
Levabamos moito tempo dándolle voltas á idea de aproveitar o tirón que ten a Ribeira Sacra
A iniciativa, que leva o nome de Lácteos Ribeira Sacra, conta coa autorización da Denominación de Orixe e está a empezar a dar os seus primeiros pasos con notable éxito. De feito, a proposta foi recentemente merecedora do premio Semente para iniciativas empresariais, dotado con 8.000€.
Leite máis viño
As materias primas deste proxecto son dous produtos locais. O leite prodúceno eles e o viño mencía mércanllo a distintas adegas da Denominación de Orixe. O queixo permanece sumerxido nel durante días nunha mesa de maceración de aceiro inoxidable con peche hermético. Unha vez finaliza este proceso, as pezas pasan un mínimo de dous meses de curación.
Queriamos ter un produto diferencial, porque queixos hai moita xente que os fai
“O viño crea unha película que ralentiza a curación do queixo e retrasa a súa maduración pero confírelle un sabor e un olor distinto. O sabor é realmente peculiar”, conta Toño, que xunto á súa muller Pura e aos seus fillos Ángel e Lucía atópanse detrás desta iniciativa, que busca transformar o leite que sae da explotación familiar, situada no lugar das Fontes, na parroquia de Reigada.
Levan todo este ano facendo probas de elaboración e neste Nadal xa sairán das súas instalacións uns 5.000 queixos para cestas de agasallo de distintas empresas, aínda que o lanzamento ao consumidor chegará no 2023. Contan cunha furgoneta isotermo para o reparto que a partir do día 1 de xaneiro botará a andar para achegar o produto ao consumidor final.
Queremos que nos establecementos e puntos de venda onde está o viño da Ribeira Sacra estea tamén o noso queixo; somos un complemento
Contarán con tenda na propia queixería e varios puntos de venda en Monforte e queren chegar co seus queixos alí onde xa se atopa o viño da Ribeira Sacra. “Non somos competencia, somos un complemento”, razoa Toño, que tratará de acompañar co seu queixo as catas de viño que se realicen.
A saída ao mercado viuse retrasada pola covid-19, xa que acabaron as obras da queixería xusto antes de que chegara a pandemia e o confinamento. Ese contratempo permitiulles sen embargo contar hoxe cun produto moito máis traballado e para o que contaron coa axuda de expertos queixeiros.
Non tivemos présa por saír ao mercado e iso nótase na calidade do produto
Ademais do queixo ao viño, elaboran tamén queixo fresco, semicurado e curado, en formatos de un quilo e de medio quilo. “O cliente demanda porcións cada vez máis pequenas”, salienta Toño. Teñen tamén outra liña para o envasado e comercialización de leite fresco pasteurizado.
Experiencia previa na venda directa de leite
Toño e Pura non tiñan experiencia na elaboración e venda de queixo, pero si de leite. Durante anos contaron cunha dispensadora e realizaban venda directa na propia granxa, polo que contaban xa co rexistro sanitario tanto para leite pasteurizado como para leite cru, que só se pode vender na propia explotación, explica Toño.
A granxa e a queixería atópanse a tan só 3 quilómetros do casco urbano de Monforte, polo que están a preparar o entorno e a habilitar un aparcadoiro para poder recibir visitas turísticas a partir do próximo verán, nas que darán a coñecer a granxa e os produtos que elaboran e realizarán catas enfocadas a grupos ou familias.
Xa faciamos venda directa de leite e no verán había meses nos que chegabamos aos 3.000 litros comercializados deste xeito
A queixería ocupa un edificio de nova construción de 264 metros cadrados útiles que conta con sala de elaboración e varias cámaras: unha para o queixo fresco e dúas de maduración. A instalación conta cun tanque de recepción de leite de 3.000 litros, un pasteurizador cunha caldeira de 130 Kw e unha cuba de elaboración de 2.500 litros, ademais dun secadeiro con control de humidade e un saladeiro con equipo de frío.
5 empregados
Na granxa producen algo máis de 5.000 litros de leite diarios e a súa intención é destinar parte desa produción á elaboración dos seus propios queixos. O resto véndenllo a Celega, xa que son socios da Cooperativa Lemos. “Estamos elaborando neste momento entre 1.500 e 2.000 litros diarios. Con 5.000 litros faríanse 600 queixos e non temos capacidade para dar saída a todo iso de momento; hai que ir pouco a pouco”, admiten.
Para chegar a onde estamos temos traballado moito durante moitos anos, do 1 de xaneiro ao 31 de decembro
Ademais de Toño, Pura, Ángel e Lucía, contan neste momento cun total de 5 empregados, catro para a granxa e unha persoa máis para a queixería, pero o ano que vén teñen pensado contratar unha persoa máis para a distribución. “Moitos gandeiros queren facer eles todo e eu véxolle a iso un problema, porque traballan tanto que non teñen tempo nin para pensar como facer as cousas ben”, di Toño.
Para el, facer as cousas ben significa coidar os detalles, traballar de xeito eficiente e obter rendibilidade da actividade. Ese criterio debe primar, di, independentemente do tamaño da explotación ou das circunstancias de prezos. “O tema é manterse e que queden sempre cartos, con 13, con 30 ou con 300 vacas”, afirma.
Teñen unha potencia instalada de 55 Kw entre a granxa e a queixería e están mirando de poñer placas solares para baixar o consumo
A suba do leite nos últimos meses veu a paliar o encarecemento producido nos custos de produción no último ano. “O penso pasou de 240 a 413 euros a tonelada en ano e pouco e a luz dobrou”, explica. Por iso, xa están mirando de poñer placas solares que compensen o consumo tanto da granxa como da queixería.
Socios da Cooperativa Lemos
Toño bota a vista atrás e destaca o investimento necesario que tiveron que acometer para chegar á dimensión actual que a día de hoxe acadou a súa granxa, con 280 cabezas totais. “O que monta unha gandería destas non o pode pensar moito porque senón non se mete”, asegura.
Empezamos con tan só 11.000 litros de cuota e tivemos que gastar 32 millóns de pesetas no seu momento para poder producir
“Empezamos con 11 vacas e 11.000 litros de cuota e hoxe vendemos 1,5 millóns de litros. Só en cuota no seu momento gastamos 32 millóns de pesetas”, engade. “No ano 2000 saquei un préstamo de 20 millóns de pesetas co que empecei e para o que me tiveron que avalar. Hoxe aos gandeiros fannos caso nos bancos, pero daquela cando ías pedir un préstamo case tiñas que levar a toda a familia a asinar”, lembra.
Unha explotación familiar con relevo que emprega o regadío para asegurar a produción de millo
Antonio López Senra e a súa muller Pura Sobrado Franco comezaron a producir leite no ano 1989 con 10 vacas. Hoxe, xunto aos seus fillos Ángel e Lucía, moxen 140 animais e dispoñen de 280 cabezas totais.
Os catro forman Puluán SC (o nome da gandería procede do acrónimo conxunto das súas iniciais) e a presenza dunha nova xeración garante o relevo na explotación. Ángel xa traballa xunto aos seus pais na granxa, á que se incorporou no 2018, mentres que Lucía, que o fixo un ano máis tarde, está a estudar neste momento o último curso de Veterinaria.
Ángel e Lucía, que está a estudar Veterinaria, están incorporados á explotación familiar e implicados no proxecto da queixería
Até a incorporación de Ángel e Lucía a estratexia que seguiron foi a de ampliar a dimensión e capacidade produtiva da granxa até acadar un volume suficiente para lograr maior eficiencia e profesionalización, pero agora o obxectivo é focalizar os esforzos na transformación, limitando polo momento o tamaño da gandería ás instalacións actuais.
A experiencia de 20 anos de plans de mellora
A historia de Puluán SC é a dun crecemento constante nas últimas dúas décadas, con sucesivas ampliacións das instalacións a través de obras e plans de mellora. Toño e Puri comezaron cun establo para unha ducia de vacas no ano 1989 e a primeira ampliación fixérona no ano 2000, para 40 vacas máis; a segunda, no 2004, para outros 60 animais en produción; e a última, no 2019, consistiu nunha nave nova de 24×36 metros para boxes de recría, vacas secas e xovencas.
Dispoñen de 1.200 metros cadrados de silos e tres fosas de purín con capacidade para 3 millóns de litros
A medida que foron ampliando as naves, fixeron o propio coa capacidade de almacenaxe de xurro. Teñen 3 fosas de purín cubertas, cunha capacidade total de 3 millóns de litros. A fosa nova, de 36×13 metros, ten capacidade para millón e medio de litros. “Cando unha explotación ten varias fosas, ningunha delas pode superar o 50% da capacidade da granxa”, explica Toño. Só cubrila custoulles 40.000€.
Temos formigón todo ao redor das naves. A min a lama non me gusta; é moi incómoda para traballar
A maiores, dispoñen de 1.200 metros cadrados de silos. O último que fixeron mide 36 metros de longo por 6 de ancho e 2,5 de alto e nel cóllenlles 40 metros cúbicos de millo. En total, a superficie da explotación, contando as naves e demais infraestruturas, así como o espazo a formigón entre elas, é de 15.000 metros cadrados. “Temos formigón todo ao redor das naves porque a min a lama non me gusta; é incomodísima para traballar”, afirma Toño.
Instalacións funcionais
É unha persoa meticulosa á hora de atender o gando e tamén de acometer as obras, buscando a comodidade para o traballo diario e a durabilidade e facilidade de mantemento das instalacións. “Cando levas toda a vida construíndo vas aprendendo”, di.
Por exemplo, o pozo de purín está pechado todo ao redor con cancelas móbiles. “Deste xeito podes meter a mangueira para cargar por onde queiras”, explica. Tamén considera importante ter ben nivelado o chan dos pasillos e patios onde están as vacas, “para que a limpeza funcione ben e non deixe pozas”, di.
As naves metálicas son máis baratas e máis doadas de ampliar ou de modificar no futuro
A estrutura das construcións é simple, con zapatas de formigón e estrutura de ferro. “Este tipo de naves son máis baratas e máis doadas de ampliar ou de modificar”, asegura. Á hora de facelas buscaron achegarse á altura máxima permitida pola Lei do Solo (7 metros) porque “ventila mellor” e “sempre tes un valor residual, dado que se o día de mañá non tes as vacas sempre che quedan unhas naves que podes usar para almacéns”, razoa Toño.
Nas naves, toda a estrutura metálica, incluídos os separadores dos cubículos, está galvanizada en quente. “Ten un custo duns 60 céntimos por quilo, pero merece a pena porque non ves óxido e dúrache toda a vida. Ademais, podes limpar con auga a presión”, destaca.
200 hectáreas de superficie
Puluán SC traballa un total de 200 hectáreas de terreo, 100 en propiedade e outras tantas alugadas ou cedidas. Nos últimos anos mercaron unha cuarta parte das hectáreas que posúen e foron tratando de apezar para buscar maior comodidade á hora de traballar as fincas, pero Ángel segue a lamentar o pequeno tamaño das parcelas nesta zona. “Non hai concentración e para lograr 10 hectáreas xuntas sudas, é moi difícil traballar así”, asegura.
Dispoñen dunha estación de bombeo que proporciona 1 millón de litros de auga á hora para regar
Ademais de en Monforte, teñen 14 hectáreas no veciño concello de Bóveda. Botan todos os anos entre 40 e 50 hectáreas a millo e empregan o regadío do Val de Lemos para asegurar as producións.
“Este ano regamos menos, porque non había auga no embalse. Tiñamos botadas unhas 40 hectáreas de millo e entre o regadío e unhas tormentas que viñeron salvamos a colleita. Regar é unha garantía, porque sabes que recolles, doutro xeito nesta zona nada”, di Toño.
Este ano tiñamos botadas 40 hectáreas de millo e entre o regadío e unhas tormentas que viñeron logramos salvar a colleita
Grazas ao rego, a media que obteñen está entre 45.000 e 50.000 quilos por hectárea, mesmo en anos secos coma este. “Nalgúns sitios temos millo de tres metros e tres metros e medio de alto”, destaca Ángel.
Ademais da superficie destinada a cultivos forraxeiros de millo e raigrás, dispoñen de 17 hectáreas no entorno da explotación, onde fan pastoreo coas vacas secas e as xovencas preñadas, mediante unha saída directa desde a nova nave.
Parque de maquinaria propio
Ademais da alimentación do gando, outro dos aspectos que coidan é o benestar dos animais. A cama é dunha mestura de serrín (40% do volume), viruta (40%) e carbonato (20%). “É todo unha cadea e non pode fallar ningún elo: produción de forraxes, conservación dos silos, manexo do gando”, resume Toño. “Desde logo, eu se fose vaca querería ser de Puluán”, bromea.
A maior parte dos traballos agrarios fanos eles mesmos, para o que dispoñen dun moderno parque de maquinaria que lles supuxo un importante investimento económico: 180.000€ no último tractor que mercaron, 80.000 na cisterna con inxectores para o purín, 70.000 na rotoempacadora, 30.000 na segadora, outros tantos no arado, etc.
Temos un millón de euros metido en maquinaria agrícola
“Temos un millón de euros metido en maquinaria agrícola”, calcula Toño, que vai todos os anos a FIMA, a feira de maquinaria de Zaragoza, para estar ao día das novidades tecnolóxicas e poder incorporalas á súa explotación, como a rotoempacadora con sistema Isobus, que conecta co tractor para detelo cando a bola está lista. “Foi a primeira que veu a España deste tipo e vai de película”, destaca Ángel.
Coidado dos ensilados
Un dos aspectos que coidan en Puluán SC é a calidade e conservación dos seus silos. “A nós lévanos case tanto tempo tapar como ensilar, pero despois tes o éxito asegurado porque non tiras nada. E ás vacas non se lles pode dar podredume”, defende Toño.
Para garantir unha óptima conservación dos silos de herba, ensílana en bolas, no canto de usar os silos de cemento. “Temos silos de herba co 50% de materia seca, iso se o metes nun silo normal estropéase. Ademáis, a herba no silo se non gastas moita pérdese”, din.
O silo de herba fano en rolos e clasifican as bolas por calidades para reservar as mellores para as vacas de leite
Fan uns 800 rolos ao ano. Empregan as 25 coitelas que ten a rotoempacadora para picar a herba a 4 cm e deste xeito incorporala ao carro mesturador igual que se estivera nun silo convencional de trincheira.
Diariamente co carro mesturador da Cooperativa Lemos acode á explotación a facerlles a ración. Na das vacas en produción meten 30 kg de silo de millo, 6 kg de silo de herba, 2 de alfalfa e 13,5 de concentrado.
A ración ten que estar enxoita, a auga as vacas teñen que bebela no bebedoiro
Procuran facer unha ración moi comestible para incrementar a inxesta, que pasa dos 50 kg por cabeza. “Para iso hai que ter as forraxes ben conservadas, así as vacas comen máis, e a ración ten que estar enxoita, a auga teñen que bebela no bebedoiro”, argumenta Toño.
39 litros de media
A produción media desta gandería sitúase a día de hoxe en 39 litros, cun 4% de graxa e un 3,55% de proteína e procuran que a calidade do leite sexa estable. “Para a calidade dos queixos é fundamental que todo estea impecable e que a calidade das forraxes sexa óptima para que non haxa olores, porque iso transmítese despois ao queixo”, aseguran.
Ás vacas non se lles pode dar podredume; é fundamental a conservación das forraxes para que non haxa olores que se transmitan ao queixo
Moxen dúas veces ao día nunha sala de 16 puntos que sufriu xa varias ampliacións a medida que aumentaba tamén o número de animais a muxir. “Empezamos con 3 puntos, logo pasamos a 10 e desde o ano 2011 hai 16, pero xa se queda pequena”, recoñecen.
No chan da sala de muxido puxeron planchas de pizarra. “Limpa moi ben e é un material no que non esvaran as vacas”, afirma Toño. Tamén teñen á saída da sala a zona do baño de patas. “Por aquí non teñen máis remedio que pasar”, evidencia.
Mellora dos índices reprodutivos
Un dos hándicaps que ten producir leite na zona de Monforte son as altas temperaturas durante o verán. “É habitual que cheguemos a estar por enriba dos 40 grados e iso nótase na produción e na fertilidade”, recoñece Toño. “Un ano no que estivemos a 45 grados durante varios días tivemos un descenso de produción de 1.000 litros diarios, e iso que lle botabamos auga ao tellado”, conta.
Utilizan seme sexado nas xovencas e cruces cárnicos con limusín ou azul belga nas vacas de máis idade
En canto aos celos, desde o ano 2008 contan con podómetros, que lles serviron para mellorar nos índices de vacas preñadas. “Hoxe o 45% das vacas que estamos muxindo son vacas que xa están preñadas; antes dos podómetros non chegabamos ao 30%”, di.