O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica esta semana senllas resolucións da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se fan públicas as axudas de 2022 para o apoio de proxectos piloto de innovación, así como a grupos operativos de innovación. En concreto, foron 11 os beneficiarios dos proxectos de innovación cun total de1.358.283,13 euros en achegas; e 25 os grupos operativos apoiados, por un valor total de 6,1 millóns de euros.
Proxectos de innovación
Entre as iniciativas apoiadas, destacan proxectos para a mellora do cultivo en ecolóxico de trigo autóctono e a produción de fariña de millo nixtamalizada a partir de recursos xenéticos propios de Galicia. Tamén destaca un proxecto sobre cultivos sustentables a partir de variedades autóctonas.
Relativo ao sector gandeiro, destaca unha iniciativa para o incremento da eficiencia en gandarías de ruminantes e valorización dos seus produtos, así como outro proxecto para o desenvolvemento de novos produtos cárnicos de porco celta. Tamén resultou beneficiaria unha iniciativa para a creación dunha plataforma dixital sobre a adopción de modelos enerxéticos innovadores en explotacións gandeiras.
Foron apoiadas iniciativas de cultivo de trigo autóctono en ecolóxico, desenvolvemento de novos produtos de porco celta e proxectos de viticultura e enoloxía no Ribeiro e Rías Baixas
No sector vinícola, foron aprobadas axudas para un proxecto de itinerarios innovadores en crianzas oxidativas de viños galegos, outra iniciativa sobre a explotación do potencial de garda dun terroir histórico do Ribeiro con cultivo sustentable do viñedo. Tamén, un proxecto de tratamentos fitosanitarios en viñedos da denominación de orixe Rías Baixas.
Por último, foron beneficiarios tamén destas axudas unha iniciativa para a elaboración dun xardín vertical con planta viva e un proxecto sobre o aforro na auga de rega mediante novas tecnoloxías.
Cómpre lembrar que desta convocatoria puideron beneficiarse organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.
En canto ás accións subvencionables, as áreas prioritarias de actuación son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria e cadea agroalimentaria, a bioeconomía e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector.
Grupos operativos
O listado dos 25 grupos operativos apoiados pode consultarse na resolución do DOG.