Publicado o segundo informe de seguemento do acordo lácteo

O Ministerio constata estabilidade nos prezos de venda ó consumidor. As ofertas por baixo de 55 céntimos seguen sendo excepcionais, pero un 22% do leite continúa por baixo dos 60 céntimos

Publicado o segundo informe de seguemento do acordo lácteo

O Ministerio mantén a confianza no acordo lácteo de setembro.

O Ministerio de Agricultura confía no acordo lácteo, suscrito en setembro pasado, como vía para mellorar a situación do sector lácteo ó longo de toda a cadea, gandeiros, industria e distribución. Esta mañá publicouse o segundo informe trimestral de seguemento do acordo lácteo, no que Agricultura mantén que boa parte dos compromisos do acordo están encarrilados.

O informe analiza o grao de cumprimento dos distintos compromisos, así como a situación da cadea de valor do leite. Estas son algunhas das principais conclusións:

– As ofertas banalizadoras do leite case desapareceron do supermercado desde setembro. Só o 1,4% se vende por baixo de 55 céntimos. De todos os xeitos, un 22% do leite continúa por baixo de 60 céntimos, unha situación que preocupa a industrias e gandeiros.

En xaneiro, o prezo medio do leite pagado polo consumidor foi de 71,5 céntimos, o que supón unha suba do 1,27%

– En xaneiro, o prezo medio pagado polo consumidor foi de 71,5 céntimos, o que supón un aumento do 1,27% en relación a decembro. Boa parte dese aumento débese a unha suba do prezo do 4% nos hipermercados. É o prezo máis alto dos últimos 7 meses.

– Activouse o protocolo de resolución de incidencias acordado entre a Interprofesional Láctea e as cadeas de distribución para evitar prácticas banalizadores do leite. Sen embargo, das primeiras cinco incidencias que lle foron trasladadas á distribución, só se resolveu unha. Dous dos casos afectaron a unha cadea que non ten subscrito o acordo lácteo.

Orixe
– Queda moito por facer na identificación da orixe do leite e dos produtos lácteos nos envases, nos lineais dos supermercados e na publicidade e folletos promocionais. O selo de Productos Lácteos Sostenibles (PLS) e as certificacións rexionais Galega 100% e Tierra de Sabor (Castilla y León) son os principais elementos visuais que permiten a identificación dunha orixe nacional por parte do consumidor.

A contratación a longo prazo do suministro de leite entre distribución e industrias está aínda sen resolver

– A contratación a longo prazo do suministro de leite entre cadeas de distribución e industrias é unha cuestión aínda sen resolver. O Ministerio agarda maiores avances nos próximos meses.

– Tampouco avanza o establecemento de contratos de suministro entre as cooperativas primeiro compradoras e as industrias, se ben as conversas están iniciadas. Agricultura, pola súa banda, comprometeuse a facer público o dato agregado mensual do prezo do leite entregado polas cooperativas primeiro compradoras ás industrias.

Fin de contratos industria-gandeiro
– Cando unha industria abandona un gandeiro, o Ministerio entende que a industria debería comprometerse a facilitar a continuidade da explotación con outro comprador. Ese compromiso plasmaríase en fórmulas de desenganche suficientemente prolongadas.

Agricultura fará público o prezo que lle paga a industria ás cooperativas primeiro compradoras

– Cooperativas Agroalimentarias de España celebrou diversas xornadas para promover a integración das cooperativas lácteas, pero por agora non se constataron avances nese ámbito. En canto ás organizacións de produtores (OP), desapareceu unha das oito que había en España, LácteosCoop. Está en proceso de constitución outra OP en Castilla y León.

– A produción de leite aumentou en España un 2% no 2015. Na UE, o aumento foi do 2,5%.

– O consumo de leite en España en xaneiro caiu por riba dun 3% en relación a decembro e un 10% en relación a xaneiro do 2015.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información